CARLOS MASIDE E O DEBUXO SATÍRICO Escolma de viñetas na prensa

Título: Carlos
Maside e o debuxo satírico. Escolma de viñetas na prensa

Comisariado: Rosalía Pazo Maside

Tipo
de obra: Debuxo sobre papel,
reproducións de prensa e vídeo

Lugar: Fundación Laxeiro. r/Policarpo Sanz, 15, 3º,
Vigo

Inauguración: Venres, 25 de outubro, 19.30h

Clausura: Domingo, 19 de xaneiro

A Fundación Laxeiro presenta unha escolma de bosquexos e debuxos orixinais que Carlos Maside (Pontecesures, A Coruña, 1897 – Compostela, 1958) realizou como traballo preparatorio das viñetas que publicou no xornal El Pueblo Gallego, entre 1927 e 1936.

Esta exposición é a
culminación dun vello proxecto da Fundación Laxeiro de incluír a Carlos Maside
na súa programación de exposicións temporais, como parte desa liña que ven
desenvolvendo dende hai anos, que comezara en 2013 cunha exposición de debuxos
de Manuel Colmeiro; continuou en 2014, cunha mostra de óleos de Arturo Souto;
albergou entre 2018 e 2019 a exposición conmemorativa da edición de Trece estampas da traizón de Luís Seoane e incluíu, hai só
uns meses, unha coidada escolma de esculturas de Antonio Faílde.

Carlos Maside, o máis
vello do grupo de Os
novos,
ao que
pertenceu Laxeiro e os artistas antes citados, entra na Fundación Laxeiro cunha
interesante escolma de corenta bosquexos e debuxos preparatorios das viñetas
que publicou no xornal El Pueblo Gallego, neste caso, no período 1927-1936. Todas as obras incluídas na
exposición forman parte do legado dos herdeiros do artista, depositado no Museo
de Arte Contemporánea Carlos Maside, en Sada, A Coruña.

A exposición inclúe as reproducións das páxinas do xornal El Pueblo Gallego onde estas
viñetas foron publicadas, posibilitando deste xeito, por unha banda, a
contemplación do debuxo rematado, convertido xa en viñeta, cos textos que o
autor lle engadía e, por outra banda, ler as noticias que se publicaban ese día
na páxina onde ía inserida cada viñeta.

A mostra compleméntase cun vídeo, realizado por Rosalía Pazo Maside, comisaria da exposición, no que se reproduce unha escolma de outras viñetas de Maside, publicadas tamén na prensa, cuxo debuxo –en diferenza das que integran maioritariamente a exposición- non parte necesariamente de apuntes do natural, e cuxa temática versa sobre cuestións españolas e sobre a crítica situación política internacional do momento.

A variada tipoloxía da colaboración gráfica de Maside coa
prensa abranguía tres modalidades
principais:

Viñeta. Debuxo de crítica política
e social, encabezado por un título que o define e, polo regular, cun breve
texto ao pé que completa o significado do debuxo ou lle dá unha volta de
sentido.

Estampa popular. Debuxos ou gravados
representando escenas populares, case sempre de mulleres en diversas actividades
e oficios.

Caricatura. Máis ben retratos
sintéticos, nos que destaca en moi poucas liñas os trazos máis expresivos da
personalidade do retratado, maiormente políticos -entre
moitos outros, os que interviñeron na elaboración do Estatuto de Autonomía- e
persoas do mundo da cultura cuxa actividade causaba noticia de actualidade.

Mais tamén publicaba tiras cómicas,
ilustracións de artigos, pequenos debuxos para intercalar entre os contidos dos
xornais, carteis e cabezallos para páxinas dedicadas ás festas locais.

Estamos perante unha profusa produción como redactor
artístico –así é como aparece denominado nos xornais da época- que desenvolveu
desde os comezos en 1918 na revista viguesa Vida Gallega, ata as derradeiras
colaboracións entre 1932 e 1936 no xornal de Vigo El Pueblo Gallego, pasando
por Faro de Vigo (1923-1925) e por diversas publicacións madrileñas: a revista Nueva
España (1929-1931), o semanario Política (1935) e, de forma menos continuada,
os diarios El Sol (1926-27), Libertad (1930), La Voz (1931) e as revistas La
Raza (1929) e Flirt (revista de humor erótico nº4, 1922), así como tamén o
diario galego Galicia.

Entre
as referencias iniciais no debuxo humorístico destacan, ademais do indiscutible
mestre Castelao, Feliu Elías (alcumado Apa), debuxante e fundador en 1908 da
revista satírica catalá Papitu e Luis Bagaría, formado no modernismo catalán e
debuxante da revista España, de Ortega y Gasset, e do xornal El Sol.

Mais
o grafismo de Maside vaise desprendendo paulatinamente da estilización modernista,
aínda dominante na meirande parte dos debuxantes satíricos, e asimilándose, as
máis das veces, á sinxeleza e precisión de liñas dos apuntes do natural tan
habituais nel dende ben mozo. Outras, incorporando diversos recursos, como o
raiado para acentuar os volumes e o contraste lumínico, ou o gravado. A
aplicación desta técnica á viñeta, concretamente ás realizadas ao cartón-xeso e
publicadas en 1930-1931 en Nueva España, constituíu unha innovación no medio
periodístico e reflicte o interese que, durante a súa estadía como bolseiro en
París (1926-27) para estudar técnicas de gravado e tomar contacto directo coa
arte das vangardas, lle espertara a Maside a obra gráfica do belga Frans
Masereel e dos alemáns da Nova Obxectividade George Grosz e Otto Dix.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2019 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo