Aproximación al agua. Guillermo Aymerich

11.10.2002 – 15.12.2002
Producción: Fundación Laxeiro
Comisario: Antón Castro

Guillermo Aymerich, (Santiago de Compostela, 1964) no seu continuo diálogo entre a pintura e a fotografía, desenvolve para a Fundación Laxeiro un traballo feito in situ, para o que adoptou a cidade de Vigo como residencia desde o mes de marzo.

A súa habitual forma de traballar, utilizando o desprazamento a lugares concretos a partir dos que comeza o proceso creativo, ten nesta ocasión, un fío condutor (a auga) que anima a unha relectura de obras anteriores, postas agora en relación con obras novas feitas para a ocasión, a partir da luz, paisaxe e tránsito da Ría de Vigo.

Con este método, o proceso preséntase como parte fundamental do resultado final, converténdose a obra exposta na culminación dun itinerario xeográfico e estético que atopa en cada parada un punto de inflexión a partir do cal xorden novas claves de interpretación.

EDICIÓN EN VÍDEO

Por iso, fotográfase cada un dos estadios do proceso e -na medida en que é posible- catalóganse como parte intrínseca da obra. Estes estadios son secuenciais e xenerativos. Os elementos que conforman cada unha das series, tamén. E, en ocasións, entre unha serie e outras, existe a mesma intención secuencial. Así pois, parece obrigado atribuír movemento a estas partes e facer animacións en formato vídeo, xa que, como di o comisario da exposición Antón Castro: “…o cadro é fotograma ou secuencia que adquire sentido no todo do seu desenvolvemento fílmico, é dicir, na escenografía da súa instalación…”

RELACIÓN ENTRE FOTOGRAFÍA E PINTURA

Neste contexto, Aymerich expón un continuo xogo entre as potencialidades da fotografía e a pintura, de tal forma que, mediante a utilización de series concatenadas, o autor expón relacións de oposición, complementariedade, multiplicación ou negación dun xénero con respecto ao outro.

DISCURSO ESTÉTICO

Esta formulación, cunha intención conceptual evidente, conforma unha obra complexa, onde o autor proxecta as súas impresións ao xeito dos pintores románticos. Doutra banda, o aspecto vivencial da súa obra, conecta directamente con algúns aspectos das vangardas históricas: o tratamento do azar e a vontade artística así como utilización da función indicativa da obra, herdanza de Duchamp e os Dadaístas, son retomados por Aymerich de forma que, como nos di Elisabetta Longari nun dos textos do catálogo: “…Aquí todo e nada é autobiográfico. Ou mellor, no seu traballo todo emana das ocasións da vida pero nada é estritamente autobiográfico…”

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo