O venres, 21 de febreiro, ás 12h, a Fundación Laxeiro celebrou o acto de entrega do Premio Laxeiro 2025, concedido a título póstumo á pintora coruñesa Beatriz Rey Gómez-Guitián, coñecida artisticamente como Bea Rey, en recoñecemento á súa traxectoria e compromiso coa renovación da arte galega e tamén ao seu compromiso social.
No acto, celebrado en Vigo, na Fundación Laxeiro, interviñeron Carlos García – Suárez, Secretario Xeral da Fundación Laxeiro, quen leu o fragmento da acta correspondente á reunión do Padroado na que se acordou por aclamación, outorgar o Premio Laxeiro á pintora coruñesa. Seguidamente el historiador Xosé Antón Castro (quen participou en nome da familia de Bea Rey e desculpou a ausencia da súa irmá Isabel Rey, por motivos de saúde de quen leu un emotivo texto) fixo un percorrido pola traxectoria e a vida de Bea Rey, louvando a calidade da súa obra e a capacidade da artista para propoñer estéticas que, entre a figuración e a abstracción, sempre cun transfundo xeométrico, foron aportando elementos de renovación. Xosé Antón Castro louvou tamén a súa calidade humana e comentou a circunstancia da súa amizade con Laxeiro e a admiración mutua que ambos se profesaban, para rematar afirmando que este galardón significaba un rescate da figura de Bea Rey, quen, dixo, non está suficientemente recoñecida e felicitouse porque ese rescate viñera da man da Fundación que leva o nome dun dos seus amigos no ámbito artístico.
Pechou o acto o Presidente da Fundación Laxeiro, Abel Caballero quen falou de Laxeiro e Bea Rey en clave de admiración e agradecemento polas súas respectivas obras, dignas de estar nos mellores museos do mundo, como mostra da universalidade da arte galega. Continuou dicindo que a Fundación Laxeiro incidía con este premio na visibilización dunha muller excepcional que quizais non foi tratada pola historia da arte como a súa obra merece, por unha razón tan arbitraria como o feito de ter nacido muller e ter nacido nun momento histórico, o da posguerra, moi difícil para a arte e para a vida. O alcalde animou á Fundación Laxeiro a seguir traballando pola difusión da figura do pintor más alá das nosas fronteiras.