A Fundación Laxeiro ofrece unha nova lectura da Colección permanente

A Fundación Laxeiro presenta unha nova proposta expositiva da coñecida Colección permanente, que muda a formulación cronolóxica, por unha disposición das obras máis intuitiva, que combina estilos, linguaxes, xéneros e cronoloxía, ademais de incorporar documentación relativa á traxectoria artística de Laxeiro, unha liña de vida e unha sinalética renovada en galego, castelán e inglés.

Ademais, ás sesenta e catro obras que conforman a Colección permanente, engádense cinco pezas depositadas por propietarios particulares, que contribúen a completar a visión da obra e a traxectoria dun dos artistas galegos máis decisivos do século XX.

Ver catálogo completo en Flickr. Se pichas en cada imaxe e moves o cursor cara abaixo, poderás ver a ficha completa de cada obra

NOVA FORMULACIÓN EXPOSITIVA

A Colección permanente da Fundación Laxeiro,
formada por sesenta e cinco das setenta e sete obras que o artista legou á
cidade de Vigo (das que as doce restantes poden contemplarse no Museo Quiñones
de León) está exposta permanentemente na Fundación Laxeiro. Estas sesenta e
cinco obras, de todas as épocas da traxectoria de Laxeiro, ofrecen no seu
conxunto, unha excelente panorámica da evolución do artista, constituíndo un
abano moi completo dos diferentes estilos e as linguaxes diversas que Laxeiro
utilizou ao longo de toda a súa carreira.

Durante estes anos, a Colección tivo diversas
formulacións expositivas que sempre respectaron un percorrido cronolóxico, baseado
nunha coincidencia buscada, entre o percorrido espacial da exposición e o
percorrido temporal da traxectoria de Laxeiro.

Agora, a Fundación Laxeiro rompe con esa formulación de carácter historiográfico e lineal, para ofrecer outro xeito de visitar a devandita colección, baseado en tres criterios combinados de distribución da obra, como son o estilístico, o temático e, en menor medida, o cronolóxico.

PERCORRIDO POLA EXPOSICIÓN

Así, o primeiro que se atopa o visitante ao
acceder ás salas da exposición, é un pano expositivo formado por unha
composición de dezaseis obras, artelladas a partir de dous autorretratos ben
diferentes, un carbón sobre papel do ano 1936, no que o artista escrebe “son eu”
e, ao seu carón, un óleo sobre tea de 1977, no que a abstracción é o rexistro
elixido. Estas dúas obras, colgadas no centro do pano, contrastan fortemente
pola súa diversidade de linguaxes e dan a pauta do sentido do resto da
selección que conforma a composición dese pano, formado por debuxos e pinturas
de todas as súas épocas e, polo tanto, tamén de todos os seus rexistros
expresivos. A lenda “son eu” do autorretrato de 1936, adquire así un significado
como “tarxeta de presentación” para o visitante neófito, poñéndoo en situación
sobre o que se vai atopar ao longo do percorrido pola exposición.

Nos dous panos enfrontados a este primeiro,
contraponse dúas obras antagónicas que ilustran, por unha banda, o compromiso
de Laxeiro coa vangarda e, por outra, o seu labor como retratista de encarga,
no Vigo dos anos corenta. Estamos a falar de Mascarón, de 1934, unha das obra
icónicas do período granítico de Laxeiro, e de Retrato de José María Galbán, de
1944, un excelente exemplo da faceta de Laxeiro como retratista da burguesía empresarial
viguesa.

Seguidamente, no corredor da sala, dispuxéronse
dous panos expositivos lineais enfrontados fisicamente que enfrontan tamén dúas
temáticas do artista. No pano da esquerda pódense ver un conxunto de dez
retratos, nos que se aprecia a súa evolución, comezando con carbóns sobre papel
dos anos trinta e rematando cun óleo sobre tea de 1980, pintado en clave
informalista. No pano oposto colgan dez óleos sobre tea e sobre papel, nos que
se ve a súa aproximación á abstracción e ao informalismo que se orixina a
partir da súa chegada a Bos Aires, en 1951.

Este corredor desemboca nunha sala final, na
que o primeiro pano da esquerda, está dedicado ao tema do nú feminino, con tres
exemplos de diferentes épocas, que amosan solucións moi diversas e, no pano
contiguo, tres maternidades, tamén de épocas e estilos moi diferentes. Esta
sala remata cunha composición, formada por doce obras sobre papel de pequeno
formato, dispostas a modo de mosaico, no que se ofrece unha visión do Laxeiro
máis lúdico e colorista.

A última sala está reservada para as obras de gran formato e, na súa maioría, as máis emblemáticas da Colección permanente, como son o Trasmundo, de 1946, todo un compendio da pintura de Laxeiro daqueles anos, o Carrotón de nenos, tamén chamado Xoguete, de 1934, un magnífico exemplo da figuración de entreguerras, a peza pintada polos dous lados Autorretrato, de 1934, magnífico exemplo da estética granítica e, no seu reverso, Carnavalada, de 1931 que, posiblemente é o primeiro cadro expresionista galego, ademais do icónico A vida, de 1968, unha enorme tinta sobre papel de case catro metros de ancho que compendia moitos dos rexistros expresivos utilizados por Laxeiro ata aqueles anos. Nesta sala tamén se poden admirar outras obras emblemáticas como Hans de Islandia, de 1966, unha reinterpretación laxeiriana da pintura xeométrica, levada á sensualidade do trazo curvilíneo tan característico do pintor, e outra Vida, de 1966, un óleo sobre tea realizado en clave informalista e matérica. Esta sala complétase cunha espléndida peza de pequeno formato titulada Cabeza, da década dos anos sesenta, unha obra escura, realizada en clave expresionista que retrata a un aforcado, e tamén outra Cabeza, esta da década dos setenta, na que revisa a súa estética granítica.

NOVAS ACHEGAS Á COLECCIÓN PERMANENTE

Ás sesenta e cinco obras que conforman a
exposición, se suman nesta nova proposta, catro pezas depositadas por
coleccionistas privados como son as dúas cabezas das que falabamos máis arriba,
unha maternidade granítica dos anos corenta, o Retrato de José María Galbán
xa mencionado, cedido pola Familia Galbán, e unha abstracción de 1993, titulada
Neno pensador, depositada polo Sindicato Galego do Ensino.

A Fundación Laxeiro quere agradecer publicamente aos seus propietarios, estas aportacións que as entende como un acto de xenerosidade coa sociedade, e que contribúen a completar a visión da personalidade poliédrica dun artista dotado de múltiples recursos expresivos e técnicos, como queda patente na exposición.

EXPOSICIÓN DE DOCUMENTACIÓN

Outra das novidades desta nova montaxe, é a inclusión
de documentación sobre a traxectoria do artista, disposta en dúas vitrinas que
amosan documentos tan singulares como o diploma expedido en 1926 polo Centro
Gallego de La Habana, ou un facsímile da crítica publicada por Francisco Fernández
del Riego en El Pueblo Gallego, sobre a súa primeira exposición individual
en 1934, na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago de Compostela. Tamén se
amosan diversos exemplares orixinais de catálogos de exposicións realizadas en Madrid,
Xixón, Bos Aires, Vigo e Compostela; ou libros con ilustracións súas e mesmo un
disco de vinilo con poemas de Marcos Ana (1920-2016), cuxa portada está
ilustrada por Laxeiro.

LIÑA DE VIDA

Outra das novidades é a instalación dunha liña
de vida que, de xeito moi gráfico, permite percorrer toda a vida profesional de
Laxeiro nunha ollada rápida, na que se destacan os principais fitos da súa
carreira e se acompaña de imaxes de diversos momentos e obras da vida do
artista.

SINALÉTICA EN TRES IDIOMAS

Renovouse tamén toda a sinalética, composta por
diversos textos dispostos nos diferentes panos expositivos que explican diferentes
aspectos da figura de Laxeiro e da súa obra, ademais de cartelas explicativas
nas obras máis destacadas e a xa mencionada liña de vida. Todos os textos están
en galego, castelán e inglés.

Con esta nova proposta, a Fundación Laxeiro abre unha nova etapa na divulgación da Colección permanente e, por extensión, da obra de Laxeiro en xeral, na que, superado o criterio cronolóxico, se abre unha forma máis transversal e intuitiva de achegarse á Colección permanente, na procura de novos significados artísticos e culturais deste legado de Laxeiro que é propiedade da cidade de Vigo.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2019 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo