O vindeiro 23 de febreiro, Laxeiro cumpriría 106 anos e, como ven sendo habitual, o Padroado da Fundación Laxeiro sumarase aos amigos, admiradores e colegas do Mestre no xantar que, no restaurante Toñi Vicente (antigo Puesto Piloto) e, ao redor dun lacón con grelos, nos reúne para lembrar a memoria de Laxeiro e compartir unhas horas en agradable compaña.
Este ano, por coincidir o día 23 en domingo, adiantaremos a comida ao
VENRES, 21 DE FEBREIRO DE 2014, ás 14.30 horas.
Esta xuntanza non estaría completa sen ti, polo que te animamos a que compartas con nós estes momentos de homenaxe e recordo a unha das personalidades máis sobranceiras do mundo da arte e, ao tempo, un amigo entrañable, próximo e xeneroso.
XI PREMIO LAXEIRO
Antes de comezar o xantar, darase a coñecer o nome da persoa ou institución premiada, co Laxeiro 2014 que será elixida na reunión que o Padroado da Fundación Laxeiro celebrará ese mesmo día pola mañá. Con este galardón a Fundación Laxeiro recoñece toda unha traxectoria de traballo a prol da nosa cultura.
RESERVAS
O restaurante Toñi Vicente lémbranos que o aforo é limitado e que as inscricións se realizarán por rigorosa orde de reserva, polo que vos pregamos que non o deixedes para última hora, coa fin de podervos ofrecer o servizo e calidade que os merecedes. Toñi Vicente vai facer, novamente, o esforzo de manter o prezo de 35 € por persoa, como en anos anteriores. Rogámosvos que, para centralizar as reservas e o pagamento, as realicedes a través da Fundación Laxeiro para que, como moi tarde, o 20 de febreiro, o restaurante poida saber exactamente o número de persoas participantes.
Por esta razón pregámosvos que, se estades interesad@s en asistir, contactedes coa Fundación Laxeiro antes do 20 de febreiro, indicando o nome de quen realiza a reserva e os nomes e número de comensais, mediante as seguintes vías:
Correo electrónico: info@laxeiro.es Teléfono 986 43 84 75 (horario de 10:00 a 14:30h)
OPCIÓNS DE PAGAMENTO
Ingreso en conta:
Titular: Fundación Laxeiro
Entidade: Novacaixagalicia
IBAN: ES4020805000693040268491 (indicando no concepto: 23-F seguido do teu nome)
Cargo en conta mediante recibo bancario. Para o que precisamos os datos bancarios de cada comensal. (nome, enderezo, iban, etc.)
SORTEO DUN EXEMPLAR DO CATÁLOGO UNIVERSAL
Como xa ven sendo habitual, con cada reserva realizada, e como mostra do noso agradecemento polo voso inquebrantable apoio e cariño a Laxeiro, a Fundación Laxeiro entregará un resgardo numerado que dará a posibilidade de participar no sorteo dun exemplar do Catálogo Universal de Laxeiro que se efectuará na sobremesa.