17 de febreiro de 2017. Comida homenaxe a Laxeiro
O vindeiro 23 de febreiro, Laxeiro cumpriría 109 anos e, como ven sendo habitual, o Padroado da Fundación Laxeiro sumarase aos amigos e amigas, admiradores, admiradoras e colegas do Mestre, na comida que nos reúne no restaurante Puerta 98 (antigo Puesto Piloto) para recordar a memoria de Laxeiro e compartir unhas horas en agradable compañía, ao redor dun lacón con grelos. Por razóns de calendario, este ano a comida celebrarase o VENRES, 17 DE FEBREIRO DE 2017, ás 14:30 horas.
Esta reunión non estaría completa sen ti, polo que te animamos a que compartas con nós estes momentos de recordo e homenaxe a unha das personalidades máis destacadas do mundo da arte e tamén un amigo entrañable, próximo e xeneroso.
XIV PREMIO LAXEIRO. Antes de comezar a comida, darase a coñecer o nome da persoa ou institución premiada co Laxeiro 2017, elixida na reunión do Padroado da Fundación Laxeiro. Con este galardón a Fundación Laxeiro recoñece toda unha traxectoria de traballo na potenciación e o enriquecemento da nosa cultura. Foron Premio Laxeiro en edicións anteriores:
Francisco Fernández del Riego (2004); Obra Social Caixanova (2005); Xaime Isla Couto (2006); Isaac Díaz Pardo (2007); Carlos Oroza (2008); Antón Lamazares (2009); Xosé Neira Vilas (2010); Carme Kruckenberg (2011); Luis Mª. Caruncho (2012); Jorge Castillo (2013); Luz Pozo (2014); Silverio Rivas (2015); Amancio Prada (2016)
RESERVAS. O restaurante Puerta 98 lémbranos que o aforo é limitado e que as reservas se realizarán por rigorosa orde de inscrición, polo que vos rogamos que non o deixedes para última hora, coa fin de poder ofrecervos o servizo e a calidade que vos merecedes. Como en edicións anteriores, o restaurante vai manter o prezo de 35 euros por cuberto. Rogámosvos que fagades as reservas e o pago, a través da Fundación Laxeiro para que, como moi tarde, o 16 de febreiro, o restaurante poida saber exactamente o número de persoas participantes.
Por esta razón rogámosvos que, se pensades asistir, contactedes coa Fundación Laxeiro antes do 16 de febreiro, indicando o nome de quen realiza a reserva e os nomes e número de comensais, mediante as seguintes vías:
Correo electrónico: info@laxeiro.org
Teléfono: 986 43 84 75 (de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00h)
OPCIÓNS DE PAGO
Ingreso en conta:
Titular: Fundación Laxeiro
Entidade: ABANCA
IBAN: ES4020805000693040268491 (indicando no concepto: 23-F seguido do teu nome)
Cargo en conta:
Mediante recibo bancario. Para o que necesitamos os datos bancarios de cada comensal. (nome, enderezo, IBAN, etc.)
SORTEO DUN EXEMPLAR DO CATÁLOGO UNIVERSAL. Como xa ven sendo habitual, con cada reserva realizada, e como mostra do noso agradecemento polo voso inquebrantable apoio e cariño a Laxeiro, entregarase un resgardo numerado que ofrecerá a posibilidade de participar no sorteo dun exemplar do Catálogo Universal de Laxeiro que se efectuará na sobremesa.