O vindeiro sábado, 11 de agosto, a Fundación Laxeiro sumarase á Noite branca, promovida pola concellería de Cultura do Concello Vigo que encherá os espazos culturais da cidade con numerosas actividades, dende as 18.00h ata as 02.00h. Na Fundación Laxeiro poderemos asistir ás seguintes actividades:
18.00h a 02.00h. Exposición: “Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa“. Comisariada por Manuel Igrexas, esta exposición recolle por primeira vez a totalidade do traballo humorístico de Laxeiro que se publicou na prensa, entre os anos 1928 e 1930. Este é o primeiro traballo artístico profesional dun novísimo Laxeiro que, con vinte anos de idade, se daba a coñecer no panorama cultural e artístico galego, seguindo os pasos de Castelao e de compañeiros de xeración máis vellos como Colmeiro, Maside e Torres. A exposición componse de corenta e nove reproducións que foron realizadas a partir das páxinas orixinais dos xornais Faro de Vigo e El pueblo gallego.
23.00h. Concerto do grupo DADGA. Dadga son un cuarteto de música folk, o seu repertorio está formado principalmente por temas propios e tradicionais galegos. Os seus integrantes teñen colaborado con artistas internacionais, que influíron no seu estilo de forma significativa, un estilo enraizado na música tradicional galega pero tamén con influencias norteamericanas, escocesas e mexicanas. Malia súa mocidade, contan cunha sólida base musical que lles permite incorporar con destreza elementos do Jazz, Blues, Clásica ou World music. O grupo xurdiu do encontro dos seus catro integrantes no curso San Simón Fiddle, do que forman parte como profesores. Actualmente están gravando o seu primeiro traballo discográfico e iniciando unha carreira internacional que os levará a Escocia e á Huasteca mexicana.
As actividades son gratuítas.