Visibilidade mínima de Juan Adrio.

Título: Visibilidade mínima

Artista: Juan Adrio

Comisaria: Vanesa Díaz Otero

Inauguración: venres, 31 de outubro,  20.00h

31 outubro’14– 18 de xaneiro’15

Ver entrevista en Espacio de arte de Correo TV aquí

Ver reportaxe en Zigzag diario da CRTVG aquí

 

O 31 de outubro a Fundación inaugura a exposición titulada Visibilidade mínima do artista Juan Adrio (Pontevedra, 1971). Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Juan Adrio é un fotógrafo singular que desenvolve o seu traballo nos límites da linguaxe fotográfica, concretamente neste proxecto, a fronteira entre a fotografía en branco e negro e a fotografía a cor; moi presente xa na exposición titulada Tempo gris que se puido ver o pasado ano no Pazo da Cultura de Pontevedra, e tamén neste novo proxecto, Visibilidade mínima, no que volve abordar a paisaxe, nunha sutil serie de imaxes a cor que, sen embargo parecen estar feitas en branco e negro, debido aos momentos meteorolóxicos que o artista elixe para capturar coa súa cámara.

 A FOTOGRAFÍA DE JUAN ADRIO

Poderiamos dicir que o concepto de límite funciona como fío condutor no seu traballo, como acontece co proxecto titulado Mise en scène, levado a cabo en colaboración cos coreógrafos e bailaríns Marielle Morales, Antía Díaz, Janet Novás e Guillaume Trontín, no que Juan Adrio captou as imaxes das súas evolucións coreográficas, cun sutil tratamento entre a luz e a sombra ou, o que é o mesmo, entre o visible e o invisible. Tamén no seu proxecto titulado Mosaics, o artista aborda o límite da fotografía, desta volta, con sinxelas imaxes realistas de obxectos cotiás construídas a partir complexas combinacións de miles de pequenas fotografías de escenas pornográficas, sinalando o límite entre a informacióni lminal e subliminal e abondando na diferenza entre a cantidade de información recibida e a súa decodificación por parte do espectador, na liña da teoría da información enunciada por Claude E. Shannon (1916-2001) e Warren Weaver (1894 – 1978), a finais dos anos corenta.

Tamén no seu proxecto titulado Tránsitos o artista aborda o límite da permanencia nun lugar. Neste caso, esa preocupación polo límite transcende a linguaxe fotográfica para saltar ao campo da socioloxía, seguindo as teorías da Deriva de Guy Debord (1934-1994) e do non lugar de Marc Augé (1935). Tránsitos é un exercicio de despersonalización do retrato que, en última instancia, incide sobre os límites da identidade do individuo e, por extensión, sobre os límites deste xénero na linguaxe fotográfica.

No seu proxecto titulado Apariencias o artista aborda a idea de límite da interpretación do que os nosos ollos captan da realidade, incidindo na capacidade das imaxes para crear unha ilusión da realidade que só é a construción dun relato ficticio e, con isto, o autor alértanos acerca do status lingüístico da fotografía, máis alá da súa aparente literalidade.

Na súa serie titulada Finisterre o artista avanza xa a súa preocupación pola paisaxe, cunha iconografía que se ocupa dos límites do visible e o invisible e tamén, do límite entendido como fronteira xeográfica.

VISIBILIDADE MÍNIMA

Con este proxecto que agora presenta na Fundación Laxeiro, Juan Adrio profunda no ámbito do xénero paisaxístico e o presenta dunha forma nova na súa traxectoria: en forma de proxección de tódalas imaxes que conforman a serie, editadas como un vídeo mediante fundidos en branco e sucesivas imaxes que pasan dese branco inicial á néboa que abarca toda a imaxe e, progresivamente vai descubrindo a paisaxe que oculta: cumios de montañas que se atopan a ambas beiras da estrada de Vigo a Ourense.

 

Cunha gran forza evocadora, Visibilidade mínima capta a paisaxe nun tempo (o inverno) e nun lugar (a estrada Vigo – Ourense) concretos. O resultado é unha obra chea de sensibilidade, que esixe un silencio (acústico e visual) para a súa observación, razón pola que a sala expositiva mudou nun cubo negro -ao xeito dunha sala de cine- no que se proxecta a sucesión de fotografías, nun formato a medio camiño (outra vez a idea de límite) entre a linguaxe cinematográfica (proxección, secuencia) e a linguaxe fotográfica (plano fixo, estatismo, silencio). Como di Vanesa Díaz Otero, comisaria da exposición, Visibilidade mínima é portadora

dunha estética que pode aproximarnos, por unha banda, á arte da estampa e o debuxo a tinta xaponés (…), onde unha representación mínima flota no branco maioritario do papel e, por outra banda, tamén a outros traballos contemporáneos como as fotos de nubes nas Equivalencias de Stieglitz, as nubes atrapadas en grandes interiores valeiros de Berndnaut Smilde, as series fotográficas de ondas de Syoin Kajii con encadres moi pechados ou as longas exposicións do océano en Sugimoto.

Por todo isto, Visibilidade mínima é unha invitación a unha experiencia que, a través da observación do exterior (a paisaxe) en realidade, provoca un estado introspectivo, case de meditación, no que mediante certa reminiscencia panteísta, en realidade, nos leva a unha viaxe interior.

O proxecto constrúese a partir de dous niveis de lectura, un primeiro nivel de índole formal que indaga sobre os límites da linguaxe fotográfica e a súa ambigüidade, concretado nas seguintes cuestións:

– O tratamento da cor que, de forma moi sutil, o artista leva ao limiar da fotografía en branco e negro.

– A fronteira entre a fotografía e o vídeo, coa presentación do traballo en forma de proxección, ofrecendo un resultado híbrido entre estes dous medios, con tódalas imaxes unidas a través de fundidos en branco e a súa paulatina evolución cara á concreción das imaxes paisaxísticas, conformando unha secuencia.

– A dicotomía entre abstracción e figuración, tan familiar ao xénero paisaxístico, integrando neste caso as dús posibilidades de lectura, como consecuencia da transición paulatina das imaxes.

O segundo nivel de lectura ocúpase do contenido, incidindo na paisaxe, non tanto como construción cultural, senón máis ben como elemento de contemplación que paulatinamente, mediante a fascinación das imaxes, nos convida á introspección, anulando a separación entre o individuo e o mundo que configurou a forma de interpretar a realidade do pensamento occidental.

O título do proxecto, Visibilidade mínima, fai referencia, por unha banda, ás condicións climatolóxicas nas que captou as fotografías que forman a exposición e que nos remiten ás condicións de conducción nos días neboentos, e tamén á escasa visibilidade que proxectos como este adoitan ter no panorama artístico actual, no que os medios de comunicación parecen primar as grandes exposicións, en detrimento dos pequenos centros de arte, como a Fundación Laxeiro que deben renunciar á edición de publicacións e demais documentación que contribúa a visibilizar as súas programacións, debido á escaseza de recursos.

 JUAN ADRIO. A FOTOGRAFÍA DO LÍMITE

Interésalle a fotografía, non tanto para documentar a realidade, como para provocar preguntas sobre a propia linguaxe fotográfica e sobre diversos aspectos da existencia. É por tanto un artista perplexo que, cun incontestable dominio técnico, se sitúa nas retóricas do estrañamento, tan transitadas na arte contemporánea que, no caso de Adrio, funcionan dende a fascinación polo feito visual.

A súa obra é unha consecuencia desta forma de entender o traballo, no que se aprecia unha evidente calidade técnica e formal, a partir das que incide naqueles intersticios do xa sabido, do límite da mirada, para suxerir novos camiños na percepción, sempre dende un tratamento formal con claros elementos da tradición clásica de composición da imaxe que el leva ao límite, como xa comentamos máis arriba.

Entre as súas influencias e intereses, artistas como Joan Foncuberta, Vik Muniz e Thomas Ruff, están nesa liña do límite da mirada que tanto lle interesa. Un límite no que tamén se contarían, o norteamericano Todd Hido, sobre todo polo seu tratamento da luz; a finlandesa Tiina Itkonen, e o seu tratamento da paisaxe como un inmenso espazo de illamento; o israelí Ori Gersht, especialmente o seu traballo sobre a recreación de lugares que foron escenarios de episodios violentos durante a historia; o norteamericano Richard Misrach e o seu estudo do lugar, tanto formalmente, coas súas extraordinarias panorámicas da paisaxe, como pola súa preocupación pola relación do home co entorno; o británico Nicholas Hughes, quen traballa esta mesma relación dende unha visión repousada do motivo e un tratamento da sombra como moduladora da visibilidade; ou o brasileiro Caio Reisewitz e a monumentalidade coa que traballa as súas paisaxes.

Nos últimos anos o seu traballo foi conformando un discurso propio que lle valeu, en 2012, o segundo premio no Premio de Fotografía Fundación Aena, e participar na exposición da súa colección de fotografía dentro do programa oficial de Photoespaña 2012 titulada Air_port_photo, xunto a autores tan recoñecidos como Chema Madoz, Alberto García Alix, Daniel Canogar, etc, o que fixo que comisarios e críticos de fotografía a nivel internacional, se fixaran na súa obra máis recente.

Licenciouse en Belas Artes na Universidade de Vigo, na que tamén obtivo o Diploma en Estudos Avanzados. Anos antes, Cursou o ciclo superior de fotografía artística na Escola de Artes Mestre Mateo de Santiago de Compostela e o ciclo superior de Deseño Gráfico na Escola de Artes Pablo Picasso de A Coruña. Actualmente realiza a súa tese doutoral.

 

 

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo