Sistemas dinámicos de Samuel Castro

Título                 Sistemas dinámicos

Artista                Samuel Castro

Tipo de obra     Escultura, instalación, fotografía, multimedia

Comisario         Javier Pérez Buján

Inauguración   16 de decembro, 2016. 19.00h

Clausura          22 de xaneiro, 2017 Prorrogada ata o 19 de marzo

Lugar             Fundación Laxeiro

c/Policarpo Sanz, nº 15, 3, Vigo tlf: 986-43 84 75 www.laxeiro.org

 

O PROXECTO

Sistemas dinámicos é un percorrido polo traballo de Samuel Castro, que se desenvolve a partir de dous polos opostos como son a Natureza e a Tecnoloxía, entendidas como dous ámbitos con regras temporais propias. A noción de Tempo é o motor a partir do que Samuel Castro desenvolve todo o seu traballo que, en 2006 lle valeu o Premio Adquisición Feima – Fundación Laxeiro á creación artística e en 2011, o doutoramento coa tese titulada Proxectar no tempo. Morfoloxías biorreceptivas en superficies urbanas de Galicia.

A súa produción é híbrida e difícil de clasificar, debido a que utiliza elementos vexetais vivos, materiais industriais de refugallo e automatismos mecánicos da súa invención, para construír unha obra tridimensional que con frecuencia vai cambiando, mesmo ata a desaparición nos casos máis extremos. O movemento, sexa este temporal ou cinético, resulta un elemento decisivo en todo o seu traballo, co que cuestiona a inmutabilidade e a durabilidade da obra de arte.

A recollida de datos e a súa documentación son tamén unha estratexia utilizada polo artista, debido á vertente científica do seu traballo, no que a observación de procesos e a recompilación de resultados, son unha parte fundamental da realización da obra final.

Estamos por tanto ante unha obra de carácter tridimensional, realizada con materiais reciclados, sexan estes naturais ou artificiais, en moitos casos cinética e con frecuencia, cambiante, na que, ademais, a observación e recollida de datos, é unha parte importante da mesma.

Todas estas estratexias procesuais están ao servizo de preocupacións filosóficas ao redor das que xira todo o proxecto artístico de Samuel Castro. Como diciamos ao principio, a idea de Tempo é quizais o eixo central do seu pensamento e resulta moi interesante comprobar como o artista a utiliza para rastrexar outras preocupacións, como a convivencia entre Natureza e Cultura, entendida esta como a intervención do home na paisaxe e as diversas dialécticas que isto produce, entrando así de cheo, no debate da sustentabilidade e o desmantelamento da idea clásica de progreso, como un crecemento constante e infindo, a partir da oposición entre tecnoloxía e natureza.

As súas preocupacións superan por tanto o ámbito puramente filosófico, para entrar no eido do social, o económico e o político, disciplinas nas que a concepción do tempo evolucionou tamén, evidenciando a maleabilidade do devandito concepto, segundo a mentalidade dominante en cada momento e lugar.

Como o propio artista afirma: calquera sistema social, con estruturas internas que o auto organizan e dispositivos que velan pola súa capacidade de retroalimentación, elabora unha interpretación e concepción do tempo afín á súa lóxica interna.

No caso dos sistemas baseados na produción e o consumo como no que vivimos, os mecanismos de aceleración do tempo resultan definitorios do propio sistema en si, para acelerar os ciclos de produción-consumo-produción e a arte non é allea a isto. Samuel Castro ofrécenos así un relato no que se ocupa das diferentes concepcións do tempo, ligadas a sistemas cuxas características intrínsecas, marcan precisamente esa concepción.

O tempo lento do mundo xeolóxico e do mundo vexetal, oponse ao tempo acelerado do capitalismo financieiro no que unha fracción de segundo resulta decisiva. É neste arco, no que se move toda a obra do artista, exemplificando os diferentes tempos, na produción dunha obra formalmente heteroxénea e diversa.

Ademais da velocidade do tempo, o autor introduce tamén outras concepcións temporais que teñen que ver con diferentes contextos culturais e de produción, como son o tempo lineal ou vectorial, propio das sociedades urbanas modernas, e o tempo circular, característico das sociedades agrícolas tradicionais.

En conxunto, poderíamos dicir que o pensamento de Samuel Castro enmárcase dentro da idea de movemento continuo, seguindo unha tradición filosófica que tivo o seu inicio na filosofía presocrática, coa formulación do coñecido aforismo: panta rei, é dicir, todo flúe, co que Heráclito de Éfeso (Século VI-V a.c.) sentaba as bases da idea de dinamismo infindo da Natureza. Esta idea de permanente cambio é tomada por Samuel Castro para abondar nunha análise das diferentes concepcións temporais nas que se instala ese cambio continuo.

 

A EXPOSICIÓN

 

Sistemas dinámicos que se poderá ver na Fundación Laxeiro ata o 22 de xaneiro, trata destas ideas a través dun grupo de obras sen un aparente fío condutor estético ou mesmo técnico, para ofrecer, no seu conxunto, un rico percorrido polas problemáticas filosóficas das que estamos falando.

A teoría do Pensamento complexo, do filósofo Edgar Morín (París, 1921) e a súa idea de Politemporalidade están no centro da produción de Samuel Castro e o proxecto que presenta na Fundación Laxeiro no es otra cosa que la materialización artística destas preocupacións.

Pero lonxe de propoñer unha exposición fría, de carácter marcadamente conceptual, a exposición móstranos un mundo cálido, manual e cargado de imperfeccións que escapan ao canon da tradición conceptual, para achegarse, nuns casos, a unha sorte de arte povera prototecnológica e noutros, a unha especie de land art feito a escala que confiren a todo o proxecto unha nada desprezable dimensión humana, instalándonos nunha retórica do próximo e o non monumental.

 

A exposición componse de pezas cinéticas como Bucle (eterno retorno), 2015, unha escultura cinética que se ocupa da concepción circular do tempo que, en palabras do artista é un concepto moi presente en tódalas culturas. Multitude de fenómenos seguen este patrón, no que orixe r fin son o mesmo punto.

Tamén hai pezas que se ocupan do tempo da natureza, como Asentamientos vegetales en superficies urbanas; 2007, unha serie de fotografías intervidas con vecetais, coas que o artista mostra a evolución da vida vexetal en contornas inicialmente non concibidas para iso, como son os diversos enlousados urbanos. Hai outras obras, realizadas coa técnica do maquetismo, como Ciudad biorreceptiva, 2011, unha peza que combina elementos inertes de produción industrial, con vexetación, na que o artista ilustra a interacción da natureza e o mundo artificial nas nosas cidades. En Reliquias de Cronos, de 2010, Samuel Castro ofrécenos unha especie de cata arqueolóxica con mostras de materiais atopados, nos que se aprecian o deterioro e as marcas que o paso do tempo lles deixou, todas enmarcadas a modo de políptico.

Sistemas dinámicos e quizais a exposición máis completa que o artista ten realizado ata a data. A súa participación en diversas exposicións colectivas ao longo destes anos, incluída a titulada Mesa de traballo, ensamblaxe y colaxe en Galicia que se puido ver na Fundación Laxeiro en 2013, foi trazando un itinerario fragmentario sobre as súas preocupacións artísticas que agora se plasma de forma individual neste proxecto.

O ARTISTA

Doctorado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Samuel Castro traballa dende hai dous anos con Bricolabs, un grupo multidisciplinar de experimentación robótica con tecnoloxías abertas, onde o artista estuda as relacións entre arte e tecnoloxía. Recibiu varios premios como o Premio adquisición Feima-Fundación Laxeiro en 2006 e Premio Novos valores da Deputación de Pontevedra en 2005, ademais da Beca de Residencia Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa en 2015 e varias becas universitarias de formación.

Ten participado en multitude de exposicións colectivas, entre as que destacan Mesa de traballo, ensamblaxe y colaxe en Galicia, realizada na Fundación Laxeiro en 2013 ou a recentemente finalizada VIII Premio Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, ademais da titulada Excusa argumental, realizada no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa en 2015, El espacio raptado, realizada en 2003 na Universidade de Lisboa, ou a individual Reliquias desde la s@ciedad @ccidental realizada na Sala Alterarte, en Ourense.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo