Reunión do Padroado e entrega do Premio Laxeiro 2014

A tradicional comida homenaxe a Laxeiro, na que tódolos 23 de febreiro, día do seu aniversario, danse cita amigos e admiradores do artista, adiantouse este ano ao venres, 21, por coincidir o día 23 en domingo.

ACTO DE ENTREGA DO PREMIO LAXEIRO 2014

Nela, antes de xantar, tivo lugar o acto de entrega do Laxeiro 2014 que a Fundación outorga de forma anual a unha persoa ou institución de probada solvencia no eido cultural galego. Na súa décimo primeira edición, a galardoada foi a poeta Luz Pozo. Abriu o acto o Secretario Xeral da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez, dando a benvida a tódolos comensais e agradecendo que a memoria de Laxeiro continúe viva, como o demostra, dixo, a resposta á convocatoria anual no restaurante Toñi Vicente. A continuación, leu a acta na que esa mesma mañá, o Padroado acordou conceder o Laxeiro 2014 a Luz Pozo Garza, de quen desculpou a súa asistencia, por problemas de saúde de última hora e desexoulle unha rápida melloría. O premio foi outorgado como recoñecemento a toda unha vida dedicada á creación literaria, a edición e o ensino. Despois da súa intervención, tomou a palabra o pintor e Patrón da Fundación Laxeiro, Antón Pulido, quen fixo unha loa á figura da poeta e leu dous poemas no seu recordo. Seguidamente tomou a palabra o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Patrón da Fundación Laxeiro, Xesús Vázquez Abad, quen, ademais de felicitar á galardoada e desexarlle tamén unha pronta melloría,   recordou a Laxeiro como un dos nosos artistas máis grandes e integradores e mostrou o seu apoio á Fundación para que continúe divulgando e poñendo en valor a súa obra. Respecto á escritora galardoada, Vázquez Abad a definiu como unha autora cunha obra poética que conmove e que transmite, o mesmo que a pintura de Laxeiro, conseguindo que o ser humano sexa mellor.  O fillo da poeta, Gonzalo Vázquez Pozo, que asistiu ao acto en representación da súa nai, afirmou que malia que a súa nai atopábase xa na casa, depois de pasar a noite no hospital, o seu estado de saúde impedíulle viaxar a Vigo, houbera estado encantada de asistir ao acto, porque sempre estivo moi vinculada á cidade de Vigo, onde viviu a plenitude do seu amor con Eduardo Moreiras, a través de quen estableceu amizade con Laxeiro. A poeta transmitiu o seu agradecemento por esta distinción nunha dedicatoria escrita nun exemplar do seu libro Memoria solar, poesía completa, co que quiso agasallar á Fundación Laxeiro. Gonzalo Vázquez entregou tamén un exemplar da revista Nordés de maio de 1992, no que colaborou Laxeiro e unha carta, asinada polo pintor, datada en 1959 en Bos Aires, dirixida a Enrique Moreiras como acuse de recibo dun dos seus libros.  Abel Caballero, como Presidente da Fundación Laxeiro, fixo entrega do premio a Gonzalo Vázquez Pozo e dixo que, tanto Laxeiro como Pozo, son artistas cunha incontenible capacidade creativa.

Foron Premios Laxeiro en edicións anteriores:

2004. Francisco Fernández del Riego

2005. Obra Social Caixanova 2006. Xaime Isla Couto

2007.Isaac Díaz Pardo

2008. Carlos Oroza

2009.Antón Lamazares

2010. Xosé Neira Vilas

2011. Carme Kruckenberg

2012. Luis Mª. Caruncho

2013.

Jorge Castillo

Á comida asistiron os membros do Padroado da Fundación Laxeiro: Abel Caballero, Xesús Vázquez Abad, Carlos García-Suárez, Antón Pulido, Mari Cruz Otero Villamarín, filla de Laxeiro e Vicepresidenta da Fundación, Heriberto García-Suárez, Román Pereiro, Ignacio Barcia, vicerreitor da Universidade de Vigo e o pintor José María Barreiro. Asistiron tamén o Vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o concelleiro Cayetano Rodríguez Escudero, as edís Teresa Cendón e Teresa Egerique, o director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, o valedor do cidadán, Luis Espada, os editores Carlos del Pulgar, Bieito Ledo e Manuel Bragado, os fotógrafos Xulio Gil e Carlos Rodríguez, o periodista e profesor, Julio Alonso, o galerista Carlos Álverez Pacios, o empresario Manuel Landeiro, a viuva de Lodeiro, Victoria Rodríguez, e numerosos amigos de Laxeiro que compartiron o tradicional lacón con grelos.

REUNIÓN ANUAL DO PADROADO

 Ese mesmo día, ás 12.30h celebrouse a Reunión anual do Padroado da Fundación Laxeiro, na que, ademais de elixir ao Premio Laxeiro 2014, se aprobou a

MEMORIA 2013

 Un ano no que a Fundación Laxeiro tivo o orzamento más baixo dende o ano 2000, 143.640 euros, un 5% menos que no Exercicio anterior, pero un 12% máis das previsións aprobadas na Reunión do ano pasado. O Concello de Vigo segue a ser a institución que máis aportou, con 86.000 euros, seguida da Xunta de Galicia, con 26.700 euros e da Deputación de Pontevedra, con 18.000 euros. O resto do financiamento acadouse mediante pequenas doazóns de empresas privadas e persoas particulares, entre as que destaca a achega de Industrias Proa, con 1.300 euros. Con este orzamento desenvolveuse un programa de actividades, marcado pola austeridade, materializada na renuncia á edición de publicacións e a contención en gastos de difusión e produción, malia o que se puido manter o nivel de calidade e interese cultural, mediante a estruturación en tres eixos, como a son a programación, a difusión e a investigación.   No eido da programación, organizáronse un total de cinco exposicións temporais nas que, por unha banda, se abordaron diferentes aspectos da creación contemporánea, como aconteceu coas exposicións tituladas Mesa de traballo, ensamblaxe e colaxe en Galicia que foi a segunda achega do ciclo titulado Panorama¸e as exposicións individuais tituladas Espiñas coroadas, de Lito Portela, realizada en colaboración coa Universidade de Vigo; a exposición individual titulada Traballos verticais do artista valenciano Juan Ortí, dentro do ciclo titulado Entre mares que, en colaboración con Collblanc, espai d’art de Castellón, leva adiante un intercambio de artistas galegos e valencianos e que, nesta ocasión, levou ao galego Tono Carbajo a expoñer a Castellón; e a exposición titulada Corintia de Elena Lapeña. Dentro da programación de exposicións temporais, fíxose tamén fincapé na vangarda histórica galega, inaugurando un novo ciclo que, co título xenérico Os Novos, inaugurou o artista Manuel Colmeiro, coa interesante mostra titulada Colmeiro, debuxos de mocidade, na que se mostrou obra sobre papel de primeira época, incluíndo varias pezas inéditas.   No eido da divulgación continuouse coa dinamización da Colección permanente, mediante a organización de actividades para públicos segmentados, como acontece co programa para escolares que, co título xenérico Coñece a Laxeiro, leva dez anos achegando a obra de Laxeiro entre os escolares de tódalas idades; ademais da organización de visitas guiadas para público adulto.   No eido da investigación continuouse coa catalogación e autentificación da obra de Laxeiro e se organizaron as xornadas tituladas A arte ten xénero? Unha introdución sobre xénero e creación artística, a cargo da experta en cuestións de xénero, Dolores Ruiz. Este proxecto fíxose tamén en colaboración coa Universidade de Vigo.   A Fundación Laxeiro tivo unha afluencia anual de público de 9.000 visitantes, distribuídos do seguinte xeito:

ACTIVIDADE

PARTICIPANTES

Exposicións temporais

3.638

Actividades didácticas Colección permanente

1.444

Visitas Colección permanente

3.893

Xornadas sobre arte e xénero

25

TOTAL

8.933

 

PREVISIÓNS 2014

  Tamén se aprobaron os orzamentos e a programación de actividades para o Exercicio 2014 que, un ano máis, se aproban sobre mínimos para, ao longo do ano, ir acadando máis financiamento baseándose en proxectos concretos. Con estas premisas, o orzamento aprobado é de 130.634 euros, co que se continuará coa programación de exposicións temporais, que, por unha banda, botan unha ollada á nosa vangarda histórica, como acontece coa segunda edición do ciclo Os novos, este ano dedicado ao pintor Arturo Souto; e por outra, intérnase na realidade da creación actual, coa IV achega do ciclo Entre mares, a exposición dos premios Auditorio de Galicia, mediante a sinatura dun convenio de colaboración; e unha exposición individual do artista pontevedrés Juan Adrio.   Continuará desenvolvéndose o programa Coñece a Laxeiro para escolares de tódalas idades e se afondará nas visitas guiadas, en colaboración co grupo de voluntariado cultural da Fundación Laxeiro, ademais de levar adiante dous programas de investigación, un sobre performance e outro sobre cine e vangardas que se levarán adiante mediante sendos acordos coas universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

PERFIL BIOGRÁFICO DE LUZ POZO

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2018 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo