Reflexo de superficies. Mar Vicente

01.03.2007 – 17.06.2007

Sala B. Fundación Laxeiro
Comisario: Javier Pérez Buján
Proxecto gañador Bolsas Feima – Fundación Laxeiro á creación artística, 2006.

 

Con este proxecto, a artista Mar Vicente (Valadouro, Lugo, 1979) gañou a Bolsa Feirma – Fundación Laxeiro á creación artística na súa edición de 2006. Dotada con 3.000 euros mais 3.000 euros para producción de obra, a edición dun catálogo retrospectivo e a exhibición do proxecto, dentro da programación de exposicións temporais da Fundación Laxeiro en Vigo, e a Fundación Feima en Madrid.

 

O PROXECTO

O proxecto propón unha redefinición da pintura máis alá dos parámetros que normalmente atribuimos á devandita disciplina, como son a bidimensionalidade, os límites físicos do soporte e a preponderancia do elemento óptico, para, acudindo a criterios de expansibilidade, trascender o espazo físico do “cadro” e superar a tradicional presentación frontal das obras.

Para mostrar esta idea, Mar Vicente utiliza criterios herdeiros da tradición minimalista, como a reducción dos recursos expresivos e a utilización do espazo como articulador do conxunto da exposición, utilizando a tridimensionalidade como elemento expresivo dunha obra que, sen embargo, segue sendo eminentemente pictórica.

Reflexo de superficies é a súa primeira exposición individual, na que por primeira vez a artista ten a oportunidade de traballar todo o espazo expositivo en función únicamente da súa proposta e profundar así nos parámetros que rexen o seu pensamento artístico, para o que a interrelación entre as distintas pizas xoga un papel fundamental.

O proxecto parte da forma de entender a cor como luz; e o espazo expositivo como parte da proposta. A parede convértese así nun soporte máis, sobre o que se proxecta a cor e a súa textura interacciona coas texturas de cada peza. Se estes conceptos nos remiten automáticamente a parámetros do Minimalismo, non acontece o mesmo coa intención de pegada manual que a artista pretende deixar en cada peza. A idea de “cadro”, en vez de ser negada, reformúlase, xerando unha interesante tensión entre a aparente frialdade dunha obra articulada a partires de superficies xeométricas, monocromas e regulares, sen concesión ningunha á representación nin ao xesto; e uns acabados que, nunha mirada máis atenta, revélannos unha meticulosa manualidade na que, sorprendentemente, ten cabida o erro, a imperfección e a pegada do manipulado da artista.

As texturas cobran aquí importancia, razón pola que, insiste en utilizar lenzo para traballar a cor en case todas as pezas, en vez de decantarse por superficies xa fabricadas e/o menos texturadas. A superficie da tea pintada tamén lle permite xogar con diferentes calidades táctiles que, inevitablemente, nos sitúan entre o pictórico e o escultórico. O volume e o tacto, pasan desta forma, a xogar un papel perceptivo importante.

 

A OBRA

Mar Vicente-2

Estas formulacións materialízanse en pezas sorprendentes como a titulada “Cajón”, una peza de chan, formada por dous cubos – un contén ao outro – nos que se contrapoñen as texturas da tea e o metacrilato e cada cubo intercambia as súas cores e tingue, por medio do reflexo, o espazo que lle rodea;

ou a titulada “Escalera de pared”, composta por unha serie de módulos colocados demaneira escalonada onde se vai reflectindo a cor en cada unha das superficies do escalón do módulo seguiente, deixando así de ser branco para adquirir diferentes calidades cromáticas.

Mar Vicente-3“Neón” é outra inxeniosa peza, composta por unha cara de  pintura monocroma sobre lenzo e por outra, de imaxe fotográfica. Os módulos Ancorados na parede perpendicularmente (de xeito vertical),

desoriéntannos na observación frontal, e nos van descubrindo interesantes xogos de reflexos cromáticos entre eles e sobre a parede, ou relacións de imaxes fotográficas, a medida que imos abandoando a visión frontal da obra.

Destaca tamén unha peza de video, presentada en pantalla plana sobre parede, ea que se mostra o proceso de instalación en sala da xa mencioada “Escalera de pared”, mediante a sucesión de fotogramas das fases da montaxe modular, nun paradoxal xogo de exhibición / ocultación do proceso:  en cada fotograma se mostra a progresivo montaxe da peza, por medio  da adición dun módulo tras outro, pero ao mesmo tempo, se oculta toda intervención humana e todo rastro do proceso constructivo, como o tipo de ancoraxes, as ferramentas, etc., compoñendo un suxestivo xogo compositivo.

O reflexo, unha das ideas centrais da exposición, faise máis evidente introducindo un espello perpendicularmente a dúas fotografías simétricas na obra “Simetría” que reflicte cada imaxe en cada unha das súas caras, provocando outra vez, un movemento do espectador na busca de diferentes puntos de vista.

 

A MONTAXE

Como diciamos máis arriba, o espazo expositivo xoga un importante papel en toda a montaxe. Se a cor branca parece ser o único ambente cromático en paredes, teito e chan, descubrimos cando nos internamos na sala, que as características desta son aproveitadas para integrala con detalles de cor en esquinas e recunchos que mediante unha iluminación calculada, amplifican os efectos de reflexo que dan título á exposición e que son elemento fundamental na maioría das pezas.

Mar Vicente-4Todo o ambente xerado na exposición remítenos a unha preocupación por   a cor, integrando parámetros que tradicionalmente se atribúen a outras disciplinas, como a escultura, a instalación ou mesmo a arquitectura. Podemos dicir que Mar Vicente propón unha convivencia destas, valéndose de elementos periféricos ou residuais da tradición pictórica, como os límites do soporte, a parede ou o conxunto do espazo expositivo, conseguindo articular un léxico que amplía as posibilidades expresivas sen salirse da linguaxe pictórica.

 

REFERENCIAS 

No traballo de Mar Vicente son inevitables as referencias a nomes clásicos do Minimalismo como Donald Judd, Dan Flavin ou Sol LeWitt e nun nivel máis teórico que visual, Robert Mangold. As súas referencias entre a creación actual atoparíamolas en nomes que traballan esa idea de expansión da pintura, como a norteamericana Jessica Stockholder, o suizo Philippe Decrauzat; o arxentino Eduardo Costa, etc.,  e no ámbito nacional, artistas tan diversos como Ángela de la Cruz, Toño Barreiro, a obra dos anos setenta e oitenta de Nacho Criado, etc., todos eles cun elemento común: a súa preocupación por romper os límites físicos do que tradicionalmente entendemos por pintura.

 

A ARTISTA

Mar Vicente é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e na súa curta traxectoria, foi artista invitada en Kultur Modell, en Passau, Alemaña; bolseira en Kaldarte, Pontevedra, 2º Premio na II Edición do Premio de artes plásticas Conxemar; Mención de honra no VII Premio Joven 2004, Artes plásticas, convocado pola Fundación General de la Universidad Complutense de Madrid; seleccioada en Novos Valores, da Deputación de Pontevedra; Bolsa Fundación Talens España e artista invitada no programa Residentes da Xunta de Galicia.

 

a convocatoria

Con esta iniciativa, patrocinada pola Fundación Feima, a Fundación Laxeiro pretende seguir apoiando o traballo dos creadores emerxentes, mediante a posta en práctica dun proxecto expositivo premiado e a edición dun catálogo en tres idiomas que sirva ao artista gañador como tarxeta de presentación do seu traballo artístico. A Bolsa consta ademais de 3 premios adquisición de obra, por valor de 2.000 euros cada un, que nesta edición recaíron, ademais de na artista gañadora, Mar Vicente, en Pablo Pérez Sanmartín (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1980) e Samuel Castro (Cambre, A Coruña, 1981).

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2018 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo