presentación do libro: Significados y señales/Largo poema de amor a Wiosna de Carlos Vázquez

O pasado xoves, 16 de outubro tivo lugar na Fundación Laxeiro a presentación do libro de Carlos Vázquez (Vigo, 1973) titulado Significados y señales / Largo poema de amor a Wiosna. Un magnífico poemario que, editado por Editorial Elvira constitúe o debut deste singular autor vigués.

 

No acto participaron:

 

Carlos Vázquez. Autor do libro

Xavier Romero. Director Editorial Elvira

Román Pereiro. Autor do prólogo

David Pérez Álvarez. Poeta

Colin Baldwin. Autor das ilustracións

Moderou

Javier Pérez Buján. Director Artístico da Fundación Laxeiro

Carlos Vázquez

 

Significados y señales / Largo poema de amor a Wiosna é a primeira obra publicada por este singular escritor que, ata a data, se exceptuamos colaboracións dispersas en revistas de poesía, non quixo publicar nada de forma monográfica. Posúe un estilo literario moi particular, no que a súa principal característica quizais sexa o xeito de introducir o diálogo e a metáfora na súa poesía, Carlos Vázquez é autor tamén de relatos en prosa. É membro do grupo poético Formas difusas dende 2005 e a súa pouco coñecida obra foi merecedora do Primeiro Premio Santa Irene de poesía, en 1994 e o Santa Irene de relato curto en 1995. Tamén foi gañador en 1996 do Primeiro Premio do XI Certame de poesía María Soliña.

 

Colin Baldwin

 

O libro complétase con ilustracións do artista plástico Colin Baldwin (Trujillo, Perú, 1963). Un artista formado no obradoiro de Ángel e Gerardo Chávez López, ademais de ter realizado estudos de gravado e serigrafía.  Realizou numerosas exposicións individuais en galerías de arte e salas institucionais, como Caixanova,  galería Abel Lepina e galería Dua 2, ambas en Vigo, galería Paloma Pintos e Sargadelos, ambas en Santiago de Compostela. Ten participado en numerosas exposicións colectivas en distintas cidades de Perú, Portugal, España, China e Estados Unidos.

 

O mundo de Colin Baldwin está cheo de atmosferas e personaxes literarios que, no caso das ilustracións realizadas expresamente para esta publicación, dialogan cos textos de Carlos Vázquez dende unha distancia calculada. A utilización de tipografías tratadas como motivos pictóricos, combinadas con imaxes fotográficas procedentes doutros contextos e manchas que ambientan o conxunto da escena, conseguen un xogo entre contextualización e descontextualización que resulta moi apropiado para estes poemas de forte carácter simbolista, mais tamén, dunha grande intensidade vivencial:

 

Significados y señales / Largo poema de amor a Wiosna

 

Significados y señales / Largo poema de amor a Wiosna é un poemario intenso que vai desenvolvendo unha forma de sentir e expresar de forte convicción formal que destila un intimismo potente e sobrio, conseguido grazas a un profundo coñecemento do idioma e a un posicionamento estético sen concesións que bebe da tradición literaria para producir unha obra totalmente situada no noso tiempo, tanto pola súa forma, como pola maneira de abordar sentimentos como o amor, o desamor ou a estraneza con respecto aos acontecementos e os obxectos cotiás. 

A poesía de Carlos Vázquez asimila o proxecto moderno de Mallarmé, Baudelaire e Rimbaud, mais tamén cunha forte pegada existencial dun Walt Whitman, Blas de Otero ou José Hierro e claros indicios da tradición vangardista, como a incorporación de palabras técnicas e anglicismos como fixera Manuel Antonio ou Lepoldo M.ª Panero, por citar dous exemplos moi diferentes que, sen embargo, están nas páxinas deste libro.

 Oigo a las máquinas expendedoras de tabaco

regurgitar monedas, infortunios:

se piensa en el cadáver de una guerra.

O diálogo é outra das características deste poemario que o autor insire cunha naturalidade nada frecuente nas letras contemporáneas, conseguindo unha viveza e verosimilitude moi interesantes. Como di Román Pereiro no limiar do libro:

 Carlos Vázquez es, sin duda, un rico exponente de una nueva poesía equilibrada entre el concepto tradicional y las formas libres de expresión poética.

 

 

 

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2017 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo