Presentación

A figura de José Otero Abeledo, coñecido artisticamente como Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996) enmárcase na Vangarda histórica galega, na que, a principios dos anos trinta, un inquedo grupo de mozos artistas e intelectuais, coñecido como Os Novos, iniciou un proxecto de actualización estética, no contexto da figuración que no período de Entreguerras percorría Europa.

Os Novos reaccionaron contra o costumismo rexionalista e conectaron coa arte internacional do momento, dirixindo a súa mirada cara ás culturas do norte de Europa, dende unha idea de Galicia entendida como o límite cara ao sur da Europa atlántica, conectada por séculos de intercambio a través do Camiño de Santiago.

Laxeiro, nacido na Galicia rural e tradicional e fascinado dende neno polas historias de vivos e mortos que escoitaba da súa avoa, catalizou como poucos a visión do mundo dende a cultura popular galega, a partir da que constrúe unha obra totalmente innovadora, que se vai afianzando ao longo dos anos, do lado da pintura de pulsión, facendo da irracionalidade, da paixón e do instinto, un dos seus sinais de identidade máis característicos.

Dende estas formulacións, comeza a construír unha obra tenebrosa influenciada sen dúbida polo Goya das Pinturas negras, por Rembrandt e por Gutiérrez Solana, ademais de por Zuloaga e Corredoyra, dos que, na súa adolescencia, visitou dúas exposicións en La Habana que o marcarían profundamente, diferenciándose así da luminosidade da España mediterránea, totalmente allea á experiencia visual galega. Nestes primeiros anos, como o resto d’Os Novos, buscará inspiración na rica tradición escultórica galega, sobre todo no Románico e o Barroco, conseguindo ese resultado tan característico que a crítica definiu como estética granítica, caracterizada por unha paleta cromática escura e terrosa e unha gran cantidade de pigmento, case sempre aplicado con espátula, o que da como resultado uns acabados con moita textura e relevo, similares ao granito.

No bienio 1931-1933 reside en Madrid, como alumno libre da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, grazas a unha bolsa, primeiro do concello de Lalín e logo da Deputación de Pontevedra. Alí visita case a diario o Museo de El Prado e polas noites asiste aos faladoiros de café, onde coñece a intelectuais galegos como Otero Pedrayo, Castelao, Vicente Risco e Suárez Picallo. Asiste tamén á Granja del Henar, onde coñece a Gómez de la Serna, García Lorca, os irmáns Dieste e Valle Inclán. Esta experiencia daralle unha cultura que se enmarca no ambiente da España republicana, cunha sensibilidade moi próxima á Xeración do 27.

Fabulador excepcional, a temática da súa pintura componse frecuentemente de escenas telúricas, a medio camiño entre a Galicia máxica, o esperpento valleinclanesco e a fantasía de Álvaro Cunqueiro. A súa predilección pola pintura de pulsión sitúano nesa liña estilística que percorre todo todo o século XX, que tería a súa orixe nos expresionismos alemáns e a Nova obxectividade, continuaría xa na metade do século, con movementos como a Art brut, o grupo CoBrA e en España, cos grupos El paso e Dau al set e, xa no derradeiro terzo do século pasado, dos Novos Salvaxes alemáns e os diversos neoexpresionismos que xurdiron no contexto da posmodernidade. Todos eles, movementos que, dende diferentes ópticas, se situaron fronte á arte analítica que constituiría o outro gran fío condutor da pintura ao longo do século XX.

A pesar deste posicionamento tan claro fronte á pintura analítica, Laxeiro asimila tamén os achados do cubismo e a pintura xeométrica, a través da obra dos seus admirados Picasso e Joaquín Torres García, levándoos ao terreo do xesto para producir, sobre todo na década dos anos sesenta e setenta, unha obra próxima á abstracción que se caracteriza por unha sorte de xeometría orgánica, na que o seu inconfundible trazo compón imaxes dominadas pola liña curva, dunha gran sensualidade, frecuentemente en composicións desbordantes, froito de outro dos seus sinais de identidade: o horror ao baleiro, cuxa orixe radica na súa admiración polo Barroco galego, mais tamén –como di José Ruibal- no que o historiador francés Henri Focillon denominou lei do máximo contacto, e movemento encadeado que, a través da arte Románica, invadiu Europa dende Oriente, sentando as bases da arte occidental.

En 1942, despois dunha breve estadía en Pontevedra, como profesor de plástica no Instituto Valle Inclán, instálase en Vigo. Traballa sen descanso no seu proxecto renovador, ao tempo que subsiste facendo retratos de encarga da puxante burguesía industrial da cidade e expón xa con regularidade en Vigo, Santiago, Bilbao e Madrid. En Vigo dará por concluída a súa etapa granítica coa realización da obra titulada Trasmundo, de 1946, que se pode ver na Colección permanente da Fundación Laxeiro.

En 1951 viaxa a Bos Aires para participar na exposición titulada Artistas gallegos, organizada polo seu amigo Luís Seoane, por encarga do Centro Gallego de Buenos Aires, na galería Velázquez. Bos Aires fascinarao ata tal punto que fixará alí a súa residencia ata 1970.

Este período marcará a súa estabilidade profesional e provocará un xiro radical na súa obra. Abandona a idea de estilo único e comeza a experimentar con linguaxes máis informalistas, próximos a correntes internacionais como a Art brut ou o grupo CoBrA. A súa pintura esquematízase, ata chegar á bidimensionalidade, a paleta cromática aclárase e a súa linguaxe achégase á abstracción. Contacta, por unha banda, co mundo intelectual e artístico do exilio galego e por outra, cos artistas arxentinos máis innovadores. Intégrase no sistema da arte arxentina, traballando con galerías de prestixio e en 1964 é elixido vicepresidente da Sociedad Argentina de Artistas Plásticos.

En 1970, despois da gran retrospectiva que lle dedica a Art Gallery International en Bos Aires, retorna definitivamente a España, onde montará estudio no seu Lalín natal, en Vigo e en Madrid.

Nestes anos Laxeiro goza xa dun prestixio indiscutible e comeza a recibir homenaxes e recoñecementos, ademais de levar a cabo un intenso labor expositivo. A súa obra, fiel á ruptura do estilo único compaxinará liñas estéticas diferentes, dende unha revisión da súa figuración granítica, ata un expresionismo, próximo á abstracción, unha obra que, no seu conxunto, o mantén como pintor de referencia entre os artistas galegos do momento, ata o punto de que, en 1981, o grupo Atlántica organiza unha antolóxica da súa obra, como recoñecemento a toda a súa traxectoria, titulada Érase unha vez Laxeiro.

En 1996 falece en Vigo á idade de oitenta e oito anos, despois da inauguración da antolóxica no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, que se expuxo tamén no Centro Cultural Conde Duque de Madrid.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo