Premio Laxeiro 2011: Carme Kruckenberg

Amiga de Laxeiro, poeta, enaísta e periodista. Unha muller valente que levou a liberdade de pensamento por todo o mundo, desde a súa condición de muller e de artista.

 

Mª do Carme Kruckenberg Sanjurjo naceu en Vigo o 3 de xuño de 1926. Estuda na mesma cidade, no Colexio Alemán; co gallo da Guerra Europea non pode rematar os estudos ó pecharse o colexio. Négase a comezar de novo nun instituto, xa que ten que examinarse de primeiro outra vez. Así que estuda pola súa conta, idiomas, historia, ciencias, literatura, etc. Pódese dicir que é unha auténtica autodidacta. A meirande parte dos seus coñecementos débellos ó seu pai que infundiuna verdadeiro amor polo coñecemento. Coñece a Laxeiro en 1944, nas tertulias do Café Derby en Vigo.

 

Casa no 1949; despois de visitar Francia e Italia viaxa a Arxentina. Vive en Bos Aires catro anos. No Río da Prata coñece á elite dos escritores arxentinos e outros países de América, refuxiados políticos, así como a galegos e españois que están na mesma situación. Un dos mais salientables foi Castelao, con quen estivo dúas veces falando de política e literatura, foi en maio e mais en novembro de 1949. Dous meses antes do seu pasamento. É nestes anos cando se reencontra con Laxeiro en Arxentina.

 

Coñece tamén a Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Emilio Pita, Xabier Bóveda… Foi unha gran amiga de Rafael Alberti e Mª Teresa León, os seus pais de Arxentina, como ela os define. Na casa dos Alberti, coñece a Miguel Ángel Asturias, Gloria Alcorta, Oliverio Girondo e Nohra Langue, Estela Canto, Mª Rosa Oliver, Salazar Bondi, Guillermo de Torre; foi Guillermo de Torre quen a presenta ó seu cuñado Jorge Luis Borges con quen se reúne tódolos mércores no Richmond da rúa Suipacha. Coñece tamén a Alberto Girri, un dos grandes poetas xunto con Olga Orozco, coñece tamén  ao editor Losada, etc.

 

Sepárase do seu home en 1953 e volve á súa terra no mes de marzo. Ese mesmo ano en casa dos García Lorca coñece a Vicente Aleixandre e a Dámaso Alonso. Nas reunións no Café Gijón trata moi especialmente a Gerardo Diego. Nestes anos escribe, Cantigas do vento e Los parajes inmóviles, Rumor de tiempo, editados en 1956 e 1958.

 

En Bos Aires escribe e publica Las palabras olvidadas, unha carpeta de tres poemas adicado á paz, para o Congreso da Paz de Viena, en 1950. En 1958 fai un libriño para a súa filla, Farol del Aire. Nestes anos viaxa constantemente e remata en Saint Jean de Cap Ferrat, Poemas inevitables (en castelán). Publica tamén na Colección Alrededor de la Mesa, Bilbao 1962, os Poemas y Canciones de aquí y de allí. Ese mesmo ano publica tamén na Colección Salnés de Galaxia Canaval d’Ouro.

 

Volve a viaxar por Francia e Italia e varias veces visita Portugal. No 1964, publica Tauromaquia en linea y verso con debuxos da autora, libro que gustou especialmente a Vicente Aleixandre. En 1969 publica, Memoria de mi sueño. en 1972, Cantigas de amigo a Ramón G. Sierra do Pampillón. Tamén publica A Sombra ergueita, Ed. Castrelos 1976, (un dos seus mellores libros en galego, según escribiu Xesús Alonso Montero). Dende esa data ten un tempo de silencio, morre o pai en 1972 e ponse a traballar, primeiro en seguros e logo durante once anos nos Laboratorios Servier, como delegada científica. Rompe ese silencio a morte dunha amiga e profesora da súa filla Cristina, recompilando varios poemas que tiña sen editar e publicándoos co título Veinte poemas rescatados del olvido y una elegía a Chuca Pereda, 1983.

 

en 1986, Ed. O Castro publica Cantigas para un tempo esquencido. En 1990 fai xunto con Antón Goyanes a carpeta Cinco poemas ó mar, Ardora, para Baiona, Horizonte Atlántico que leva 5 gravados do pintor. En 1992 edita con Ed. O Castro, Alegoría do ensoño ferido. O Concello de Vigo edita en 1996, os Poemas inevitables na versión galega que fixo a mesma autora. En 1997 sae en edición non venabre Vinteún poemas nun grido de luz e Mediacións á beira da noite, non venabres tamén. 1998, CC.OO. edita Mª do Carme Kruckenberg e tres poetas medievais da ría de Vigo. En 1998 edita un libro sobre os trinta e nove países que percorreu durante estes anos: Vivir, aventura irrepetible, en castelán e galego. En 1999 publica Jazz espido, Ed. O Castro con debuxos de Eva Llorens, en galego e castelán, e o mesmo ano en Espiral Maior, Poemas sen Resposta.

 

Na primavera do ano 2000, publica Ed. O Castro-Sargadelos, os poemas editados dende 1953 ata Decembro do 2000: Obra poética case completa. Ademais de poeta, Mª do Carme Kruckenberg é autora de diversos contos e tradutora. Ten escrito máis de douscentos artigos en revistas e diarios.
Entre os recoñecementos recibidos, destacan o Premio Alecrín 1997, a Medalla de Galicia (bronce) 1998 e seu o nomeamento como Membro da Enxebre Orde da Vieira.

 

(Fonte: www.aelg.org)

 

 

Outros Premios Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo