Premio Laxeiro 2007: Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo recibe o Laxeiro 2007 como recoñecemento a unha inxente labor a prol da resistencia e rexeneración da cultura, a arte e a cultura empresarial galegas.

 

Isaac Díaz Pardo, nace en Santiago de Compostela en 1920, Foi  intelectual, artista e empresario galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia, acometendo facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos.

Fillo do pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño, asasinado nos inicios da Guerra Civil, a súa condición de supervivente marcou a súa vida cunha misión: lembrar os mortos e levar a cabo os soños polos que os mataron.

Despois da guerra, cursou entre 1939 e 1942 estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid. A partir de aí, comezou a súa participación pública en diversas experiencias relacionadas co deseño industrial, e en 1942 realiza unha viaxe de estudos a Italia. Pasou logo a ter unha praza de profesor na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi, en Barcelona e comezou a espoñer a súa pintura en España, Europa e América, pasando a ser un membro máis do grupo Os novos, da vangarda histórica galega, xunto con Laxeiro, Luis Seoane, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Carlos Maside e outros.

Ao seu regreso inicia, cunha exposición na Coruña, unha etapa de dedicación plena á pintura que abandonaría en 1948, para entregarse por completo a un proxecto de dinamización sociopolítica e empresarial que visaba, por un lado, a modernización e internacionalización da cultura galega e, por outro, a rexeneración da desartellada historia de Galicia.

Abandoa a pintura para dedicarse á cerámica e funda, con outros socios, a fábrica de Cerámicas do Castro, no Castro de Samoedo, Sada, A Coruña. Un proxecto que leva á Arxentina, onde pasará trece anos e constituirá, principalmente, xunto con Luis Seoane, o Laboratorio de formas. Un proxecto  o que procuraba un deseño industrial anovador, con sinais de identidade inequícamente galegos.

Foi precursor doutras actividades de desenvolvemento como as levadas a cabo na Cerámica de Sargadelos e o Museo Carlos Maside ou o Instituto Galego de Información e a Editorial Edicións do Castro ou relanzando o Seminario de Estudos Galegos.

Como escritor de ensaio e crítica, destacan as publicacións Xente do meu Rueiro, O ángulo de pedra, Galicia Hoy (xunto con Luis Seoane), Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro,), El Marqués de Sargadelos ou Castelao, ademais dunha morea de artigos en xornais como La Voz de Galicia (onde colaboraría até 2009).

Ao longo da súa vida recibiu moitas distincións e recoñecementos, coma o Pedrón de Ouro en 1976, a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela en 1988, o Premio Otero Pedraio das Deputacións Provinciais (1990), a Insignia de Ouro (1991), Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela en 1992, e da Universidade de A Coruña, en 2007, o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedraio en 1993, a Vieira de Prata do Padroado da Cultura Galega de Montevideo en 1995, a Medalla de Ouro de Galicia e a Medalla ao traballo en 2007, ano no que tamén recibe o Premio Laxeiro.

 

Outros Premios Laxeiro

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2017 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo