Premio Laxeiro 2006: Xaime Isla Couto

Xaime Isla Couto. Un recoñecemento a unha vida dedicada á galeguización do pensamento xurídico, social, económico e cultural

 

Xaime Isla Couto naceu en Santiago de Compostela en 1915, constituíu durante moitos anos o referente da corrente católica do galeguismo, de considerable influencia antes da Guerra Civil e que se diluíu considerablemente en tempos do nacionalcatolicismo franquista.

En realidade, Xaime Isla Couto participou na fundación da maioría dos movementos e institucións que na primeira metade do século pasado pretenderon construír a Galicia como nación. Nacido nunha familia humilde, que cando el era pequeno se trasladou a Vigo, pertenceu a varios movementos xuvenís de orientación nacionalista, como Ultreya, e posteriormente participou na Federación de Mocedades Galeguistas, no Seminario de Estudos Galegos e no Partido Galeguista de Alfonso Castelao.

Na posguerra, co seu amigo e correlixionario, tamén Premio Laxeiro, Francisco Fernández del Riego, fundou en 1949 o suplemento literario do xornal compostelán La Noche, que aglutinaba ao escaso movemento cultural da posguerra e que tivo como colaboradores, entre outros moitos, a Álvaro Cunqueiro ou Domingo García Sabell. Un ano despois decidiron crear Editorial Galaxia e, por iniciativa de Isla Couto, facelo como unha sociedade mercantil, cunha peculiaridade: o Consello de Administración da empresa reproducía a dirección do destruído Partido Galeguista, coa súa figura máis relevante, Ramón Otero Pedrayo, como presidente e el como conselleiro delegado, segundo describiu Ramón Piñeiro, factótum político da Transición en Galicia.

Tamén participou no nacemento das Fundacións Penzol, o maior arquivo existente sobre a cultura galega, e Otero Pedrayo, que administra a herdanza literaria do patriarca das letras galegas.

 

Isla Couto, que estudara Maxisterio e Comercio e que, depurado ao final da guerra, non puido exercer como mestre durante o franquismo, traballou durante anos como avogado e promoveu dende Galaxia traballos de socioloxía, economía e organización local, partindo sempre dun enfoque humanista e social. Fundou tamén a Revista de Economía de Galicia e participou nos movementos de galeguización da liturxia que xurdiu ao fío do Concilio Vaticano II, para o que creou, en 1966, a Editorial Sept.

Na Transición democrática formou parte do Partido Popular Galego, a formación nacionalista afín á democracia cristiá, que seguía a teoría de Ramón Piñeiro de que o galeguismo debía de estar presente en todo o abano ideolóxico, máis que centrarse na reconstrución do antigo partido galeguista. En 1999 ingresou na Real Academia Galega, e ese mesmo ano a Universidade de Vigo distinguiulle cun doutorado honoris causa.

Fonte: El País.Xosé Manuel Pereiro, 25 de abril de 2012

Enlaces de interese: Fundación Xaime Isla Couto

 

Outros Premios Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo