Os pasos perdidos

25.06.2010 – 17.10.2010

PRORROGADA ATÉ O 17 DE OUTUBRO

Comisario: Ignacio Pérez – Jofre

Artistas: Begoña Ante, Ronda Bautista, Miguel Cuba, Patricia Duarte, Elena Fernández Prada, Juan Loeck, Ignacio Pérez-Jofre

Produce: Fundación Laxeiro – Universidade de Vigo

 

OS PASOS PERDIDOS

Introducción

Esta exposición xurde como resultado do proxecto de investigación Estudo psicoxeográfico do Campus de Pontevedra, cuxo investigador principal é o profesor e artista Ignacio Pérez-Jofre, e foi financiado pola Cátedra Filgueira Valverde daUniversidade de Vigo; nel participan membros do Grupo de Investigación Según (PE-1), dirixido polo Catedrático de Escultura Juan Fernando de Laiglesia. Neste proxecto formúlase unha identificación absoluta da investigación artística coa creación; polo tanto, os resultados do mesmo son unha serie de obras de arte producidas polos artistas/investigadores que participaron nel. O aspecto diferenciador é que estas obras foron feitas a partir dunhas premisas específicas:

O percorrido e observación dos espazos do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo como punto de partida do traballo creativo.

Contidos

Esta experiencia inicial disparou diversas maneiras de interpretar e recrear os espazos universitarios e o efecto que sobre a psique do individuo exercen. mais algo en común teñen as series de obras producidas: unha certa impresión de melancolía, de desorientación, de ausencia. En xeral, os artistas participantes fixáronse nos aspectos negativos do espazo e o tempo universitarios; así, por exemplo, represéntanse taboleiros de anuncios dos que se eliminou todo signo da palabra, ou se documenta mediante o debuxo a acción de pasar un día de preguiza, deambulando polo Campus como un alumno que “colga” clase sen motivo nin obxectivo precisos. Fixámonos tamén nas aulas valeiras e o que se ve a través das súas ventás, ou nos taboleiros e restos de obras acumulados nos corredores da Facultade de Belas Artes.

Implica isto unha crítica cara á institución universitaria?. Non é así. Máis ben (en palabras do Comisario) estamos a falar daquelo que excede a planificación e a eficacia, o que se resiste á norma, o que fuxe da utilidade; e o facemos impulsados polo convencemento de que é tan necesaria esta experiencia de indefinición, de dispersión e confusión como a estructuración inherente a un proceso de aprendizaxe efectivo. E que o orde, a eficacia e o constructivo non poden existir sen os seus necesarios opostos: o caos, a inutilidade, a erosión.

Exposición

A exposición, que se pode ver na Fundación Laxeiro ata o mes de setembro, fai visible todo este proceso, propoñendo unha reflexión sobre estas cuestións, mediante a exhibición das obras resultantes.

A mostra enmárcase dentro dese programa de continuidade, comezado coa exposición Facer e deixar de facer, producto dunacordo de colaboración entre a Fundación Laxeiro e a Universidade de Vigo, por medio do que se pretende facer visible o traballo artístico dos alumnos e alumnas que forman parte de diversos proxectos de investigación, brindándolles a posibilidade de participar non só na xestación dun proxecto (no seo da Universidade) senón tamén de levalo á práctica mediante a montaxe expositiva na Fundación Laxeiro, e ter así a experiencia desta faceta da tarefa artística, do paso da teoría á práctica, e, polo tanto do coñecemento in situ dos procesos internos da montaxe dunha exposición colectiva para a súa exhibición pública.

Artistas 

Os artistas participantes son os que figuran no  proxecto de investigación, aos que se engade a artista, Ronda Bautista (Premio Adquisición Feima-Fundación Laxeiro en 2007), quen, pola afinidade do seu traballo co proxecto, foi invitada a participar.

Begoña Ante

Ronda Bautista

Miguel Cuba

Patricia Duarte

Elena Fernández Prada

Juan Loeck

Ignacio Pérez-Jofre

 

OBRA

Camiños de Cidade. Patricia Duarte

A idea desta obra nace no grupo de investigación sobre psicoxeografía do Campus de Pontevedra. Foi entón cando decidín investigar cómo fluían pola cidade aqueles que día a día se dirixían á Universidade.

Camiños de Cidade é unha obra que se confecciona a partir de debuxar os percorridos que as devanditas persoas realizan, ben sexan rutas en solitario, ben condicionadas pola compaña, a pé ou en bicicleta, diferentes á ida que á volta; estas resultan numerosas e variadas. E resulta curioso observar, cómo os diferentes trazados confeccionan unha trama que a pouquiños vai formando unha malla que recorda a un sistema circulatorio no que as veas principais destacan sobre as pequenas terminacións.
Xunto con Camiños de Cidade, realicei outra peza de igual técnica titulada Camiños de Universidade. Neste caso, trátase dos percorridos realizados unicamente entre os catro edificios do campus que se sitúan próximos entre si.  Catro edificios que funcionan como as catro válvulas do corazón. O obxectivo é o mesmo, estudar a través da obra cómo descorren os distintos percorridos dos integrantes da universidade a través do seu debuxo.

Ambas pezas realízanse en cor azul, lembrando os debuxos que os estudantes realizan con bolígrafo sobre as súas carpetas, libretas, etc. Ademais, neles, pódese observar as diferentes superposicións dos trazados, facendo visibles as pegadas comúns das diversas persoas que coinciden no seu percorrido.

A partir desta obra ábrense varias posibilidades de investigación e expresión, que espero en breve, deparen novas obras e orixinais métodos de creación.

O patio. Ronda Bautista

Traballei sobre o patio da Facultade de Belas Artes e o edificio da Escola de Moda que está dentro deste patio. O patio debería ser un espazo de encontro para socializar con outros compañeiros, descansar ou divertirse pero non semella ter esa atmosfera de lugar de recreo, ou polo menos non totalmente. No patio ten moita presenza o edificio de Moda, parece como sei un guindastre xigante o depositara alí xa prefabricado, no único espazo aberto da Facultade.

O patio converteuse máis ben nun lugar de paso que nun lugar para estar, existe nel un baleiro, tempos detidos, signos do inacabado… resulta un lugar frío e melancólico.

Pintei dous cadros de vistas deste patio, nun deles aprézase o baleiro (espazo aproveitable) e noutro, a fachada do edificio de Moda que aparece en primeiro plano como algo co que chocamos directamente.
Miguel Cuba

A obra formula o absurdo de cómo unha actividade ociosa (“faltar a clase”), pode chegar a converterse en algo tedioso. A idea é gastar tempo no campus, sen sobrepasar os seus límites, pero obrigándose a faltar a clase durante toda unha xornada (de 8.30h. a 21.30h.). Ocioso á forza, esa decisión convértese máis en castigo que en gozo. Non só debuxos do natural, senón tamén os pensamentos, estados de ánimo e sensacións físicas experimentados, son recollidos nunha libreta, que constitúe simultaneamente a obra e o rexistro desta peza procesual.

 

Seis pezas sen título. Elena Fernández Prada.

Cheguei ao campus de Pontevedra un día soleado. Eran as dúas da tarde e había moito movemento de estudantes e coches que o abandonaban, probablemente acababan de rematar as clases para moitos marchaban ás súas casas ou a xantar a algún sitio, o certo é que me pareceu un lugar cheo de vida. Aparquei o coche e din un paseo entre as facultades, todas elas están rodeadas de zonas verdes e de árbores. Ao cabo duns minutos, todo o mundo desaparecera, os vehículos e os estudantes, o campus estaba deserto. Metinme na primeira facultade que vin coa intención de fotografar calquera cousa que me chamase a atención, sobre todo signos de uso ou da actividade que alí se realiza tódolos días; non vin nada, nin mobles desgastados, nin pintadas, nin obxectos descolocados.

Tódolos papeliños escritos estaban  nos taboleiros, as paredes limpas, os armarios impecables, nin un adhesivo, nin unha palabra gravada. Vindo dunha facultade como a de Belas Artes todo isto sorprendeume e, no fondo, decepcionoume. Percorrín os corredores na procura dalgún aula aberta mais todas estaban pechadas con chave. Unicamente podía ver parte do interior a través duns fachineiros abertos nas portas, pero só percibía un espazo escuro e paisaxes fragmentadas do exterior do campus a través dos ocos que deixaban libres as persianas sobre as ventás. Moitas destas persianas estaban torcidas formando cadros irregulares que me chamaron a atención, como se foran unha das poucas cousas inestables que puidera atopar alí dentro.

Púxenme a facer fotografías cunha pequena cámara de peto, fun de clase en clase buscando esas vistas entre as persianas. Ás veces o que se vía carecía de movemento, como cadros, pero outras veces pasaba un coche ou un estudante demorado cruzaba unha rúa; todo se producía con lentitude, ou polo menos así o percibía eu, quizais fora o sol de mediodía que queimaba a escena e que se contrapoñía á difícil visión da aula valeira e escura, o quizais  fora o silencio do interior do edificio, probablemente a unión de todo iso era o que  causaba esa sensación. Fun dunha facultade a outra como un cazador furtivo, intentando capturar esas imaxes rapidamente, sen que as poucas persoas que había se decataran, non quería que me viran nin que me dixeran nada. Non sabía moi ben qué era o que ía facer con elas pero pouco a pouco funas vendo como pequenas películas ou como os fragmentos dunha grande que acontecía no exterior tódolos días cos mesmos ritmos, os mesmos sons e os mesmos cambios de luz pero que, vista a través desas ventás, adquiría un carácter estraño, distanciado, transformábase noutra cousa, nunha escenificación.

Tentei recoller en vídeo esa sensación, pero non deu resultado, a imaxe era vulgar. Regresei aos mesmos lugares varias veces mais todo foi diferente, nin sequera conseguía ter esa mesma percepción que unicamente volvía ao ver de novo as primeiras fotografías que fixera.  Dinme de conta, entón, de algo que xa me pasara outras veces e é que me resultaba imposible representar o que vivira de calquera outro modo e que malia que volvera a facer as mesmas imaxes xa non serían o mesmo.

 

Juan Loeck

A súa aportación é unha serie de reflexións a partir da observación dun fenómeno moi común nas zonas verdes urbanizadas, que consiste na aparición de carreiros fantasmas,  carreiros que non foron deseñados polo paisaxista, senón que son xerados polo transcorrer diario da xente que traza de forma natural os seus camiños, normalmente atallando por lugares en principio non proxectados para iso.  Ante este fenómeno, o paisaxista revélase ás veces impoñendo ao transeúnte barreiras para evitar o paso.  Outras veces trata de repoboar a herba. Outras veces construíndo camiños estables.

Loeck documenta  graficamente algúns exemplos da evolución espazo-temporal destes camiños singulares, localizados en paseos do Campus a casa pola Cidade de Pontevedra, en tres momentos diferentes; hai uns anos, hai uns meses, hai uns días. Finalmente propón posible solución para dous destes camiños forzados que localizou no Campus.
Apilacións Ignacio Pérez-Jofre.

A serie “Apilacións” nace duns percorridos creativos polos espazos do Campus, que progresivamente se foron centrando nun procedemento, o debuxo do natural, e un lugar, a Facultade de Belas Artes. Hai detrás destas decisións unha vontade de referirme a ámbitos que me son cercanos, familiares. Do que ía atopando polos corredores e aulas da Facultade, chamoume especialmente a atención as acumulacións de táboas, listóns, bastidores, teas e demais materiais que poden atoparse apoiadas nas paredes dun corredor da planta baixa, preto das portas dos diversos obradoiros. Estas apilacións presentan unha configuración que é inintencionada, casual, e froito dunha lóxica interna, dunha necesidade morfolóxica.

Ademais, como acción non planificada pola institución, senón realizada espontaneamente polos individuos que a habitan, A utilización destes espazos de tránsito como improvisados almacéns é tamén emblema da distancia entre os esquemas ideais e a súa materialización real. A organización eficiente, na que cada cousa está no seu sitio e ten unha función precisa, vese desbordada e desestabilizada por estas situacións nas que os obxectos e materiais preséntansenos de xeito confuso, ambiguo, colocados a medio camiño entre o útil e o desbotable, o ordenado e o caótico.

 

Begoña Ante

Begoña Ante fotografía lugares de paso das facultades, espazos comúns que habitualmente están saturados de mensaxes escritas.

Son lugares recorrentes para colgar anuncios e ademais sole haber gran cantidade de mensaxes da propia sinalética do edificio.  A artista elimina toda referencia textual nestas imaxes, compoñendo unha imaxe nova que, malia familiaridade do fotografado, ofrecen unha visión estraña dese lugares de paso tan familiares.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2018 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo