O proxecto “Entre mares” en MARTE, Feira internacional de arte contemporánea de Castellón. 11-14 de setembro

Con motivo da celebración desta feira, a Fundación Laxeiro presentou no stand de Collblanc, espai d’art, obra de oito artistas participantes no programa de intercambio de artistas atlánticos e mediterráneos que, dende 2011 aFundación Laxeiro ven desenvolvendo en colaboración con Collblanc, espai d’art.

 

Os artistas participantes foron: Mar Vicente, Pepe Beas, Tono Carbajo, Eduardo Alonso, Din Matamoro, Juan Ortí, Elena Fernández Prada e Ignacio Pérez-Jofre.

 

Entre mares nace en 2011 como un proxecto de intercambio de artistas que traballan en dous ámbitos xeográficos diferentes: a Comunidade Valenciana e Galicia e, por tanto, o mar Mediterráneo e o Océano Atlántico.

 

Entre mares é unha canle para facilitar a mobilidade de artistas máis alá do seu ámbito habitual de traballo e está impulsado por dúas organizacións moi diferentes que colaboran neste proxecto poñendo en práctica un intercambio, ademais de xeográfico, organizativo.

 

Se, por unha banda a Fundación Laxeiro é unha organización de corte institucional, sen ánimo de lucro, establecida nunha contorna urbá, como é Vigo, a cidade máis grande de Galicia e que leva o nome e protexe o legado de quen quizais é o artista galego máis importante do século XX: José Otero Abeledo, Laxeiro (1908-1996); por outra banda, Collblanc, Espai d’art é unha galería de arte instalada nunha contorna rural como é a Sierra del Maestrazgo, en concreto o pequeno concello de Culla e a súa filosofía, malia ser unha galería comercial, inscríbese no ámbito dol intercambio de experiencias e vivencias, mediante a convivencia cos artistas participantes nas súas exposicións que durante o proceso de montaxe e inauguración, residen na propia galería, unha pequena masía, compartindo eses días co propio galerista e a súa familia, e conseguindo desta forma, ir máis alá do mero intercambio comercial artista/produtor – galerista/vendedor – cliente/comprador.

 

Entre mares é ademais un diálogo entre dúas cosmoloxías diferentes, como son o Océano Atlántico e o Mar Mediterráneo. O primeiro, que Torrente Ballester chamou A Mar Océana é o símbolo do inabarcable, do desmesurado que para os antergos simbolizaba a ausencia de límites e o rumbo cara ó descoñecido, xerando unha visión do mundo que Vicente Risco chamou Atlantismo e que se instala no territorio do que está máis alá da razón, un territorio no que a paixón, o inconsciente e o irracional van conformando unha forma de estar no mundo chea de sombras e escuridade que se opón diametralmente ao que simboliza o Mar Mediterráneo, un mar luminoso, perfectamente delimitado xa dende la antigüidade que foi berce da civilización occidental, a razón e a mesura e vía de comunicación entre Oriente e Occidente.

 

Entre mares mostra o resultado desta experiencia de intercambio nos seus catro anos de traxectoria, mediante a obra dos artistas que, ata o momento teñen participado no proxecto. Do lado galego: Mar Vicente (Valadouro, Lugo, 1979), Din Matamoro (Vigo, 1958), Tono Carbajo (Vigo, 1960) aos que se engaden para esta feira dous artistas máis, afincados en Galicia, como son Elena Fernández Prada (León, 1971) e Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965) e do lado valenciano: Pepe Beas (Córdoba, Argentina, 1955), Eduardo Alonso (Santander, 1972) e Juan Ortí (A Coruña, 1974), todos artistas que habitualmente traballan coa galería Collblanc, espai d’art.

 

Se no proxecto orixinal, cada artista participou coa montaxe dunha exposición individual, ben na Fundación Laxeiro, ben en Collblanc, espai d’art, agora reunímolos a todos, mostrando a súa obra de forma conxunta na feira MARTE, confrontando a variedade dos seus traballos que, sen embargo teñen diversas liñas coincidentes, como son a figuración, no caso de Elena Fernández Prada, Ignacio Pérez – Jofre, Tono Carbajo, Pepe Beas, Eduardo Alonso e Juan Ortí, ou unha especial preocupación por a cor, dentro dos parámetros da abstracción, como é o caso de Din Matamoro e Mar Vicente.

 

Dáse neste proxecto unha diversidade tamén de soportes e técnicas, nuns casos mediante a hibridación entre escultura e pintura (Mar Vicente, Ignacio Pérez-Jofre e Eduardo Alonso), debujo e vídeo (Elena Fernández Prada), fotografía e vídeo (Pepe Beas), pintura, fotografía e colaxe (Tono Carbajo), e noutros, mediante a profundización nunha técnica concreta como a pintura (Din Matamoro) ou a escultura cerámica (Juan Ortí).

 

En conxunto, o proxecto realizado para MARTE mostra o resultado destes catro anos de colaboración, mediante diversas formas de expresión que se instalan no pensamento estético contemporáneo dende diferentes formulacións e técnicas.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2017 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo