O escultor Silverio Rivas gaña o Premio Laxeiro 2015

O escultor Silverio Rivas é o gañador do Premio Laxeiro 2015, un galardón outorgado polo Padroado da Fundación Laxeiro, e que este ano incorpora como novidade o seu novo formato, un gravado en augaforte e augatinta, realizado polo gravador Raimundo Orozco, a partir dunha tinta sobre papel orixinal de Laxeiro. O Alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi o encargado de entregarlle a Rivas o premio, en calidade de presidente da Fundación Laxeiro e como máximo rexedor da cidade olívica, durante o transcurso do tradicional xantar anual Homenaxe a Laxeiro, organizada polos seus amigos en colaboración coa Fundación Laxeiro. Ao acto, nun abarrotado comedor do restaurante Toñi Vicente, asistiron, ademais dos membros do padroado da Fundación Laxeiro, personalidades do ámbito da política, a cultura e a empresa galega, destacando as intervencións do propio Silverio Rivas; a do Alcalde de Vigo; a do novo Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González; actuando de condutor Carlos García-Suárez Otero, Secretario Xeral da Fundación Laxiero e neto do escultor de lalín.

 Silverio Rivas

Silverio Rivas (Ponteareas, Pontevedra, 1942) foi pioneiro na escultura abstracta en Galicia, sabendo recoller a tradición escultórica galega que arranca do Mestre Mateo; o saber dos escultores galegos da xeración anterior como Camilo Nogueira ou Xoan Piñeiro e, con toda esa bagaxe, penetrar nos camiños da abstracción, a partir da síntese do construtivismo e as formas orgánicas. A súa admiración polo escultor romanés Constantin Brancusi lévalle a interesarse pola busca da forma pura, liberando á escultura de narratividade para concentrarse en cuestións de equilibrio e tensión entre forma e volume, espazo cheo e espazo baleiro, preocupacións que o artista galego leva a materiais como a madeira, o bronce, o aceiro, a fibra de poliéster, a cerámica, e a pedra, especialmente ao granito. Membro do grupo Atlántica a principios dos anos Oitenta, será a finais desa década e durante os anos Noventa, cando Silverio Rivas alcance a súa madurez artística e se faga un merecido oco no panorama da escultura contemporánea española. Dende os anos setenta expón con regularidade, ademais de en España, en diversos países europeos, principalmente en Francia (onde mantén un dos seus estudos dende finais dos anos setenta) e Bélxica.

O premio Laxeiro é un galardón que a Fundación do mesmo nome concede anualmente, dende 2004 a unha persoa ou institución como recoñecemento á súa traxectoria no fortalecemento e renovación da cultura galega en todas as súas formas de expresión.

O premio Laxeiro cambia de formato na súa décima segunda edición

A figura realizada en bronce a partir dun personaxe do cadro de Laxeiro, titulado Concerto, de 1947, propiedade da Colección de Afundación e realizada por Lino Cao no taller Arte en bronce, foi substituída a partir desta décima segunda edición por un gravado en augaforte e augatinta, realizado polo gravador Raimundo Orozco, habitual colaborador de Laxeiro, a partir do debuxo orixinal, Sin título, 1992, tinta sobre papel, 15,5 x 21 cm. que o membro do Padroado, D. Román Pereiro doou á Fundación Laxeiro en 2008 e que foi utilizado para realizar o logotipo corporativo da Fundación Laxeiro, con motivo da conmemoración do Centenario de Laxeiro.

O gravado, realizado a partir dunha prancha de cobre, foi estampado en negro sobre papel de algodón Khadi, feito a man, de 320 gramos e 30 x 30 cm. Nunha edición que consta de:

1 proba de Bon à Tirer, numerada 1/1 B.T.

1 proba de taller, numerada 1/1 P.T.

3 probas para o depósito legal, numeradas 1/3 – 3/3 D.L.

20 exemplares numerados de 1/20 a 20/20

7 probas de estado, en papel Hanemühle de 300 gramos e 21 x 26 centímetros, numeradas como I/VII a VII/VII p. ex.

Foron asinados e numerados ante notario para a ocasión. A edición será utilizada exclusivamente para regalo dos Premios Laxeiro que se vaian sucedendo nos próximos anos.

 

Con este cambio, a Fundación Laxeiro actualiza a imaxe do galardón e faino cunha obra do propio Laxeiro, imprimindo un trazo de atemporalidade, acorde coa filosofía que rexe a concesión do galardón.

Raimundo Orozco (Vila Clara, Cuba, 1949) é graduado en Belas Artes pola Escola Nacional de Artes Cubanacan Da habana, da que foi profesor e xefe de Departamento na Cátedra de Gravado entre 1970 e 1989. É membro da Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba e do Taller de Gráfica Da habana dende 1973. En 1990 funda en Vigo o Taller Experimental de Gráfica de Vigo. Dende 1975 realiza exposicións individuais en Suecia, Finlandia, Dinamarca, Sirya, Angola, México, Gran Bretaña, Polonia, Alemaña, Italia, Estados Unidos, Colombia, Brasil, ademais de Cuba e España. Dende finais dos anos oitenta colabora habitualmente con Laxeiro na realización de obra gráfica, editando numerosas serigrafías, litografías e augafortes, entre as que destacan Encontro; Morriñas; Saudades; En torno á pintura; Camiñamos xuntos; Homenaxe e Triloxía, entre outros.

Foron Premio Laxeiro en edicións anteriores:

Francisco Fernández del Riego, escritor, crítico de arte, editor e historiador (2004)

Obra Social Caixanova (2005)

Xaime Isla Couto, bibliófilo, investigador e intelectual(2006)

Isaac Díaz Pardo, fundador de Sargadelos, artista, intelectual e empresario (2007)

Carlos Oroza, poeta (2008)

Antón Lamazares, pintor (2009)

Xosé Neira Vilas, escritor (2010)

Carme Kruckenberg, poeta (2011)

Luis Mª. Caruncho, artista plástico (2012)

Jorge Castillo, pintor (2013)

Luz Pozo, poeta (2014)

 

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo