No me escribas, tampoco verte. Un proxecto de pepebeas

20.09.2011 – 05.02.2012

inauguración: 30 de setembro
clausura: 5 de febreiro de 2012
Proxecto Entre mares, en colaboración con Collblanc espai d’art

 

Despois da exposición titulada Cartografía do presente na que a Fundación Laxeiro facía un repaso á súa traxectoria expositivia a través da súa propia Colección de arte contemporánea, a Fundación Laxeiro, presenta o proxecto titulado No me escribas, tampoco verte. Unha videoinstalación do artista pepebeas (Córdoba, Arxentina, 1955) que se inscribe dentro do proxecto Entre mares, unha colaboración da Fundación Laxeiro con Collblanc espai d’art de Castellón, en virtude do cal iníciase un intercambio de artistas atlánticos e mediterráneos, cuxa primeira proposta consistiu nunha exposición individual dunha das artistas gañadoras das Bolsas Fundación Laxeiro á creación artística, Mar Vicente (Valadouro, Lugo, 1979) enCollbalnc espai d’art este verán pasado e que, como segundo paso, presenta en Vigo, na sede da Fundación Laxeiro, o proxecto de pepebeas.

Con este proxecto, as dúas entidades implicadas buscan abrir canles de intercambio de ideas e proxectos, mediante a visibilización do traballo de artistas oriundos de Galicia e a Comunidade Valenciana fóra dos seus repectivos entornos cotiáns de traballo. O proxecto nace con vocación de continuidade e crecemento, de tal forma que para 2012 se contempla a posibilidade de incorporación de outros espazos en Italia e Croacia, para establecer así un circuito que una as ideas de itinerancia e intercambio.

 

PEPEBEAS

Pepebeas sempre se moveu nos límites da videoarte cuestionando as retóricas narrativas da expresión audiovisual convencional. As súas preocupacións céntranse no tratamento da imaxe videográfica como un soporte en si mesmo, achegándose aos ámbitos da video instalación, a video escultura e a pintura en movemento e, por conseguinte, afastándose do cinema, a televisión e as formas de video narrativas que operan a partir dunha estruturación do espazo pensada para unha relación unívoca co espectador.

Pepebeas non é un narrador. Máis ben poderíamos definilo como un creador de obxectos heteroxéneos con imaxes en movemento que, exentas de narración, funcionan como un continuo no que a súa cinética, lonxe de trazar unha temporalidade, ten por única función a contemplativa, do mesmo modo que contemplamos outros movementos de cadencia repetitiva como as ondas do mar ou o descorrer do tráfico por unha autopista.

A súa obra, por tanto, utiliza o recurso do movemento para trazar un tempo que ten moito que ver co tempo de contemplación de obras realizadas en soportes estáticos, como a pintura, a escultura ou a fotografía. Mais, se nestes soportes a medida dese tempo de contemplación é un poder hexemónico do espectador, pepebeas anula esa hexemonía sendo a propia obra (e o autor) quen impón esa pauta. Podemos concluir, por tanto, que o seu interese polo elemento temporal é, en última instancia, a imposición dun ritmo e esa é unha das razóns pola que o artista (fotógrafo de formación) elixe o video (a fotografía en movemento) para desenvolver o seu traballo.

Un traballo que, nado do cuestionamento dos límites impostos pola tradición audiovisual máis asentada, busca na arqueoloxía do propio medio para continuar unha liña de evolución que xa fora inaugurada nas orixes do cinema, alá polos anos vinte do século pasado, por artistas relacionados co movemento dadá, como Hans Richter e o seu filme titulado Rhytmus 21 (1921), Man Ray cos seus filmes titulados Le retour à la raison (1923) e Emak Bakia (1926), Farnand Léger quen, no seu filme Ballet mécanique (1924) fai mudar a pantalla nun instrumento de percusión utilizando a verticalidade fronte ás diagonais características do cinema clásico; e Marcel Duchamp co coñecido Anémic Cinéma (1925), considerado o filme dadaísta por excelencia.[1]

O descubrimento por parte de pepebeas, en 1981, de artistas da escola catalana como Francesc Torres, Antoni Miralda, Antoni Muntadas, Eugenia Barcells e, a través da relación de moitos deles coa cidade de Nova York, o acceso á obra de artistas internacionais como John Samborn, Dan Graham, Vito Acconci, Wolf Vostell e o grupo Fluxus, especialmente Nan June Paik, animou a pepebeas a trascender a súa actividade como divulgador das artes visuais (por aqueles anos era o responsable da sección de audiovisual do xornal Diario Mediterráneo de Castellón) e comezar a súa traxectoria como creador.

Pasaron xa moitos anos dende aqueles loucos oitenta e pepebeas, afastado xa das súas primeiras pezas, dun marcado carácter experimental, acadou unha linguaxe propia e recoñecible, na que a imaxe videográfica insértase noutros elementos (ás veces escénicos, ás veces escultóricos) para compoñer obras que son, segundo o propio artista, a concreción dunha visión (sic) e non unha proposta que o espectador completa. A Beas só lle interesa o feito creativo como mecanismo de materialización de algo que el ten na súa cabeza. É conscente da infinidade de interpretacións que o seu traballo pode ter en cada espectador pero, ignorando intencionadamente as teorías da comunicación que xa dende Platón, dinnos que a linguaxe éaquilo que serve tanto para dicir a verdade como para dicir a mentira[2], Beas instálase na súa verdade e, dende ese territorio personal, vai construíndo unha obra lenta e ben cimentada na que dosifica cada elemento comunicativo, construíndo unha estética rotunda para chegar a facer exactamente a obra que se propón.

Por todo iso, non lle interesa o azar, a improvisación ou a polisemia. Non trata o seu traballo como a opera aperta que U. Eco e Roland Barthes defendían nos anos sesenta, senón que se aferra á autoría de cada unha das súas creacións, non como un xesto de soberbia gratuita, senón como unha necesidade de seguir existindo.

 

O PROXECTO

Pepebeas presenta o seu último proxecto, titulado No me escribas, tampoco verte, no que utiliza todolos elementos xa característicos do seu traballo, como son a utilización do video como un elemento integrado nunha obra obxectual neste caso, unha video escultura, a ausencia de trama narrativa, a repetición en loop dunha imaxe en movemento e a subordinación do encuadre ao conxunto da obra que, ao trascender o seu aspecto audiovisual, devén nun elemento máis, non necesariamente o principal, do conxunto da peza.

A orixe deste proxecto debemos buscala na propia autobiografía do artista quen, nado en Arxentina, no seo dunha familia valenciana emigrada, nos anos setenta instálase en España e un adolescente José Beas vese na obriga de vivir co continuo desarraigo de non saber moi ben cal é o seu lugar. Un desarraigo que é común a varias xeracións de españois – e en especial aos galegos – que, en diferentes momentos da nosa historia, víronse empurrados a emigrar ou a exiliarse, conformando esta condición, todo un feito cultural que marcou o noso carácter.

Pero o fenómeno da emigración sempre golpeou a diferentes colectivos nacionais, étnicos e sociais da humanidade, adquirindo actualmente, como sabemos, unha especial vixencia co éxodo de cidadáns do chamado Terceiro Mundo cara a Europa e América do Norte e, especialmente en España, coa chegada de multitude de africanos, sudamericanos, europeos do leste e asiáticos, na procura de mellores condicións de vida, en moitos casos, arriscando a súa integridade para conseguilo.

Ademais da problemática política, social, cultural e económica que estes fenómenos conlevan, pepebeas centra a súa atención no drama persoal da separación forzosa do emigrante do seu entorno humano. O afastamento da familia, os amigos e mesmo os inimigos naturais, é un fenómeno que afecta de forma universal a todolos colectivos de desplazados, independentemente das súas circunstancias persoais e das causas intrínsecas que levan a cada un a emprender o camiño da diáspora.

Pepebeas reflexiona sobre esta problemática e enuncia a imposibilidade da comunicación afectiva, malia o avance das tecnoloxías da comunicación. O símbolo da carta, evoluida cara aos soportes dixitais como o correo electrónico e a videoconferencia, son para pepebeas, unha especie de eufemismo instrumental que nos fan vivir a ilusión da proximidade e, de forma cruel, demóstrannos a evidencia da distancia física que nos priva da verdadeira convivencia afectiva cos nosos. 

No me escribas, tampoco verte é un imperativo que o artista (erixido como suxeito emigrante) dirixe aos seus seres queridos do país de orixe. Un hartazgo da incomunicación afectiva adulterada polas tecnoloxías da comunicación que, á hora da verdade, é dicir, no día a día do emigrante e na soidade do seu cuarto (seguramente compartido) só brindan un simulacro da cercanía, a modo de antídoto contra a disolución do individuo desarraigado nun contexto que lle é alleo.

 

RESOLUCIÓN EXPOSITIVA

Para materializar esta problemática, pepebeas utiliza unha linguaxe moi directa, case concreta, cargada porén dunha poética que ten moito que ver coa súa actitude vital que non só é aplicable á circunstancia concreta da emigración, senón que configura o corpus da súa obra destes últimos anos. Esta é unha poética da soidade, a incomunicación e a impotencia de acabar co aillamento da nosa época, marcada polo individualismo que o artista simboliza no xeo. O xeo como elemento inerte que, á vez é moi sensible aos cambios externos como a temperatura. A idea xeo/desxeo é para pepebeas unha idea forza a partir da que articula toda unha simboloxía da falla de permeabilidade das persoas aos problemas dos demais e, por tanto, a existencia dunha constante soidade que nos desorienta nun mundo branco (sen contrastes), informe e ilimitado, que funciona como epifanía dun non lugar[3] que, por definición, é a ausencia de territorio e, por tanto, é a sustancia da desorientación contemporánea.

Este é o primeiro termo do par ao que facemos referencia. O segundo, é dicir, o desxeo, ten que ver coa idea de calentamento global que para Beas, ten unha correspondencia co interior do individuo que é conscente desta situación de perpetua incomunicación. O desxeo simboliza a toma de conciencia desta situación, pero tamén e, por oposición, a paralización, a imposibilidade de dar unha resposta ao inmovilismo global. Así, o desxeo configura un entorno ambiguo, nin sólido nin líquido, un magma xeado polo que transitamos sen asideiros, sen referencias, sen destino.

No me escribas, tampoco verte resólvese en forma de proxecto específico para a sala de exposicóns temporais da Fundación Laxeiro mediante unha peza escultórica, realizada con materiais industriais como o metacrilato, o vinilo e o PVC, cuxa factura remítenos a un obxecto de procedencia industrial no que non hai pegada ningunha da man do artista. Dende un punto de vista morfolóxico é, por tanto, unha peza fría, coma o xeo. Un obxecto cuxa orixe é totalmente impersoal e que ademais, semánticamente, recrea de forma clara e inequívoca un sobre (ben de correo postal, ben de correo electrónico) aberto do que emerxe unha pantalla de proxección, non descuberta totalmente, a modo de postal, na que podemos ver a un home espido atravesando a pantalla, nadando agarrado a un anaco de xeo, por un mar xeado, nun continuo loop sen principio nin final.

A resolución técnica da inserción da imaxe audiovisual na peza escultórica, lonxe de consistir nunha pantalla plana de alta definición (que tería sido o camiño máis convencional, debido a que non se mostra todo o soporte videográfico) consiste nunha proxección, calculada de tal forma, que só se proxecta na superficie trapezoidal que non é outra cousa que a pantalla e que representa a postal que vai dentro do sobre. Con este detalle, técnicamente de resolución complexa, pepebeas mostra outra vez esa actitude de afastarse do convencional e de buscar sempre solucións que acheguen o audiovisual ao escultórico, ao obxectual, rompendo desta forma, os límites do propio medio.

A acertada economía de medios expresivos confire á obra unha rápida lectura e comprensión, sen por iso restarlle un chisco de forza expresiva. No me escribas tampoco verte eríxese así como unha peza dunha forte eficacia comunicativa que, dende un punto de vista contextual, revitaliza o que coñecemos como video escultura, un xénero pouco frecuentado polos creadores do noso tempo que, cando utilizan soportes audiovisuales, adoitan derivar cara ao cinema de non ficción, a video instalación, a animación dixital, a net art, o apropiacionismo ou a documentación de accións artísticas. Por iso, No me escribas, tampoco verte ten o interese engadido de funcionar como exemplo dos camiños por explorar nun campo pouco frecuentado, (a video escultura) que, na Fundación Laxeiro atopa o seu sitio, como unha posibilidade máis da diversidade de camiños para a creación contemporánea.

A exposición complétase con diversas fotografías do seu proxecto titulado El deshielo interior que, por temática e estética, está moi relacionado con No me escribas tampoco verte, configurando un fío condutor no que a soidade e a desorientación existencial atopan na metáfora do xeo/desxeo a súa concreción expresiva.

A exposicón poderá visitarse ata o vindeiro día 5 de febreiro

 

PEPE BEAS.

Córdoba, Arxentina, 1955. Vive e traballa en Castelló desde 1970.

BREVE CURRICULUM VITAE

Durante os anos setenta Pepe Beas transgrede sistematicamente o cinema narrativo-representativo no circuíto do cinema independente, xa de seu minoritario, era modelo obrigado como única exposición pública en festivais de cinema.

As súas películas en soporte marxinal -súper-8 e 16 mm.- atopan aos poucos anos unha maior referencia artística coa chegada dos primeiros vídeos dos creadores norteamericanos. Cada plano, a montaxe e a propia proposta audiovisual do seu cinema, achégase principalmente ao que posteriormente coñeceríase como linguaxe vídeo.

Cunha maior formación videográfica por medio da escola Videografía, centro dirixido en Barcelona por Antoni Mercador e os traballos realizados por Eugeni Bonet, Muntadas ou Frances Torres, dedícase de maneira total ao vídeo arte, plasmándoo e crea a Mostra de Vídeo-Art Lucena-Videositiada, que durante os anos 1984 e 1985 supuxo a primeira posibilidade de ver os principais títulos e autores do vídeo internacional na Comunidade Valenciana. Durante eses anos desempeña tamén a Dirección técnica do Festival de Vídeo de Humor García Berlanga de Oropesa del Mar.

A partir de 1984 traballa como xornalista no Diario Mediterráneo, ocupándose do fenómeno vídeo desde unha perspectiva cultural e técnica. En 1985 crea no mesmo periódico unha páxina dedicada á televisión na que analiza diariamente a súa programación como medio comunicacional.

É Realizador e Produtor de Multimedia baixo a marca Código de Imaxe.

Nos seus traballos como vídeo artista mostra o seu interese no individuo afastado do grupo. Con imaxes que tenden a mostrar equívocos e xogos de espellos. Personaxes que proxectan os seus desexos para ser á vez, observados por descoñecidos que cren ver o que en realidade non é.

Beas realiza sempre un vídeo como inicio de todo argumento e, a partir de aí (con novos vídeos, fotografías ou instalacións) constrúe repeticións con pequenos cambios de deseño e ritmo. Como estruturas musicais cos seus temas centrais, variacións e xogos rítmicos.

Os seus personaxes son ascetas, eremitas en permanente conflito con esa dualidade que, aparentemente, son as forzas que dominan o Universo.

Así pois, o home explora en si mesmo a recreación do outro, se modela a si mesmo.

 

VIDEOINSTALACIÓN

·         El cubo mágico (1986 )

·         El presente ilustrativo (1990)

·         La realidad es serial como algunos asesinos /2008)

 

VIDEOESCULTURAS

·         Aquarium (1988)

·         El sueño del emigrante (1992)

·         Las tablas de la ley. 2002

·         Eremitas (2004)

 

VIDEO-OBXECTOS

·         Palpitaciones (2005)

·         7 puertas, un sarabaita y 7 apotegmas (2006)

 

VIDEO-RETRATOS

·         La Alejandría que estás perdiendo. (2005)

 

SERIES FOTOGRÁFICAS

·         Estilistas (2004)

·         7 Puertas (2006)

·         La realidad es serial como algunos asesinos (2008)

 

PARTICIPACIÓN EN FEIRAS

Coa Galería Cánem:

·         Feria Mundial del Video-Art de Barcelona LOOP’00. 2003

·         Feria Internacional Artesantander, 2004, 2005, 2006

·         Feria Internacional Art-Miami 2005

·         Feria Internacional ARCO 2005, 2006

 

Coa Galería Caracol:

·         Art-Salamanca 2006

·         Art-Salamanca 2007

 

OUTROS PROXECTOS

·         Co escultor Mariano Poyatos desenvolven unha triloxía sobre os tres elementos TERRA, AUGA E LUME, producida polo Museo Nacional de Cerámica de Valencia, que se iniciou coa exposición itinerante Transubstanciación (1999), prosegue con El beso del agua (2001) e próximamente rematará con Altares del fuego.

·         El beso del agua ten sido exposta en:

o         Museo Nacional de Cerámica. Valencia

o         Museo Jacinto Higueras. Jaén

o         Museo del agua. Daimiel. Daimiel, Ciudad Real

o         Sindicato del riego. Vila-real, Castellón

o         Palacio de Serna. Ciudad Real

o         Bienal Internacional de Aveiro. Aveiro, Portugal

o         Sala Pimentel. Diputación de Valladolid

 

PREMIOS E EXPOSICIÓNS

·         Seleccionado na Mostra europeaVideoart. Comisión europea Cultura 2000.

·         Seleccionado na Videomovie Modena –2002 e Galería Cánem (2002)

·         Exposición Galería Cánem co proxecto Eremitas (2004)

·         Seleccionado en Video dia loghi Centre Culturel Français. Turín (2005)

·         Exposición videográfica na Sala MMC LUKA. Pula, Croacia (2006)

·         Exposición videográfica na Velan Centre for Contemporary Art, Turín, Italia (2007)

·         Exposición video-fotografía Galería Caracol ( Valladolid ) 2008

 

[1] http://www.notasdecine.es/20/festivales/cine-dada/. Consultada o 15 de maio de 2011.

[2] Platón. Crátilo. Madrid: Gredos, 1992

[3] Concepto acuñado polo antropólogo Marc Augé, no seu coñecido libro: Augé, M. Los no-lugares Espacios del anonimato Una antropología de la sobremodernidad. Barcelona: Gedisa, 1993.

Nesta coñecida obra, o autor bautiza como non lugares aqueles espazos físicos de paso, de transitoriedade, que non teñen a suficiente importancia territorial como para seren considerados lugares. Para el os aeroportos, as autopistas, os supermercados, etc. serían non lugares característicos do que el chama sobremodernidade e para nós oponse á noción de territorio como lugar acoutado, impregnado de connotacións afectivas e relacionais que contribúe a articular as relacións dun grupo humano dado.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo