Niebla de Din Matamoro

Unha imaxe do artista

Unha imaxe do artista

O PROXECTO

Niebla é o título elixido polo pintor galego para este proxecto, unha exposición que se compón de acrílicos sobre lenzo que dialogan nun espazo neutro. A néboa funciona como elemento unificador deste conxunto de obras que profundan na investigación que o artista leva realizando nos últimos anos sobre as posibilidades da captación da luz, como esencia da cor e que, por tanto, se sitúa no elemento máis inmaterial da linguaxe pictórica. A idea da néboa é utilizada para articular un proxecto expositivo formado por lenzos que, nun primeiro momento, poden parecer monocromos para, nunha mirada máis detida, descubrirnos cores ocultas que xorden detrás da néboa, facéndose cada vez máis presentes, nun xogo perceptivo que o artista consegue grazas ao seu dominio maxistral do cromatismo e unha depurada técnica persoal, produto de longos anos de investigación. Cunha montaxe austera, na que o artista utiliza o espazo expositivo como parte da súa proposta,Niebla trascende así o feito pictórico para ser concebida como unha instalación na que a pintura é a protagonista, mais, contextualizada nun espazo que pon en relación cada unha das pezas colgadas, formando un todo que provoca a sensación de estar dentro da obra.

A OBRA

Vista de Niebla de Din Matamoro

Vista de Niebla de Din Matamoro

Din Matamoro comeza a súa traxectoria artística nos anos oitenta, no marco dos neoexpresionismos que se reivindicaban como vehículo de inmediatez expresiva, como reacción contra a pintura académica, dentro do ambiente de liberdad e creativa daqueles anos. Grandes formatos, materia pictórica e unha figuración onírica e narrativa, conformaron a súa linguaxe desta etapa, para evolucionar, na súa residencia en Nova York cara a unha pintura contaminada (tanto en materiais como en linguaxes) que, sen abandonar o terreo da espontaneidade xestual, integraba elementos do pop. A súa residencia en Roma, no bienio 90-91, despois da experiencia neoiorquina, levou á súa pintura cara a terreos máis fabuladores para, a partir do seu establecemento definitivo en Vigo, en 1992, comezar un intenso traballo de investigación sobre a luz, cuxa primeira manifestación, podemos situala na súa coñecida serie titulada Pantallascomposta por acrílicos sobre lenzo, nos que recrea a luz dun proxector incidindo sobre a pantalla branca dun cinema imaxinario. A vibración característica da proxección cinematográfica é captada polo artista nun sorprendente xogo de matices entre sombra e luz, que dotan a cada peza dun estraño dinamismo. É a partir desta época na que Din Matamoro centra o seu traballo na persecución da luz, a posibilidade de materializar o aire iluminado e a luz proxectada sobre superficies planas, movéndose sempre no intersticio entre figuración e abstracción. Esta persecución da luz iralle levando paulatinamente a traballar cada vez con cores máis intensas, realizando series como Yo te saludo sol (1999- 2000) que tentan atrapar a luz do sol, unhas veces na súa incidencia sobre as cousas e outras, nunha mirada frontal ao astro, conseguindo interesantes efectos ópticos nos que o ollo do observador ha de afacerse ás condicións lumínicas que cada peza parece emitir, para poder observar con exactitude toda a súa complexidade cromática que, nun primeiro momento, cega a vista, da mesma forma que ocorre cando observamos directamente unha fonte luminosa. Niebla é un paso máis na súa procura da captación pictórica da luz. Neste caso, agachada sutilmente detrás dun monocromo que domina cada cadro e que, como diciamos, a medida que observamos cada obra, vainos descubrindo numerosos matices cromáticos. Cores sutilmente escondidas que aos poucos, nos revelan unha gran intensidade e cambian a temperatura lumínica de cada obra. O ARTISTA Cunha dilatada traxectoria expositiva, destacan proxectos individuais como o titulado Autorretratos, no Círculo de Bellas Artes de Madrid, en 1995; Imaxes mentais (2005) no Centro Galego de Arte Contemporánea, de Santiago de Compostela, comisariado por José Jiménez, no que, ademais de pintura e debuxo, realizou interesantes incursións no video e a fotografía. A exposición viaxou ao Museo CAMeC, en Spezia, Italia. Tamén participou na XXIX Bienal Internacional de Pontevedra, en 2006, ano no que tamén participa na exposición tituladaPintura mutante, no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, comisariada por Ignacio Pérez-Jofre. Habitual de ARCO desde principios dos anos noventa, actualmente é artista da galería Trinta de Santiago de Compostela. Expuxo con outras galerías como La caja china en Sevilla; SCQ, en Santiago de Compostela; Abel Lepina; VGO e PM8 en Vigo,Galería dos Coímbras, en Braga, Portugal; Fernando Silió en Santander; Galería Álvarez de Oporto, Antonio Machón, Masha Prieto, Oliva Mara e Seiquer de Madrid; Marisa Marimón en Ourense; Alebus en Elxe; etc. Ten obra en numerosas coleccións públicas e privadas españolas, ademais de en Brasil, Nova York, Italia, Croacia e Reino Unido. Para máis información sobre o artsita preme aquí PROXECTO ENTRE MARES A exposición, comisariada por Javier Pérez Buján, Director Artístico da Fundación Laxeiro de Vigo, completa a segunda edición do ciclo Entre mares, coproducido pola Fundación Laxeiro e Collblanc, espai d’art en cuxa primeira edición participaron o artista afincado en Castelló Pepe Beas, quen levou á Fundación Laxeiro o seu proxecto titulado No me escribas, tampoco verte, e a artista galega Mar Vicente, quen levou a Collblanc de Castelló a exposición titulada Azul y verde sobre rojo. Esta segunda edición, ademais da exposición de Din Matamoro, complétase coa mostra de Eduardo Alonso (Santander, 1972) titulada Días futuros, inaugurada naFundación Laxeiro de Vigo o pasado 20 de xuño e que agora se poderá ver en Collblanc, espai d’art de Castelló.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2017 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo