Mutación inducida, Silverio Rivas

Título. Mutación inducida

Artista: Silverio Rivas

Tipo de obra: escultura

Comisario: Javier Pérez Buján

Inauguración: 30 de setembro, 2016. 19.00h

Clausura: 20 de novembro, 2016

Poderíase dicir que en Mutación inducida o visitante se vai atopar coa faciana oculta do escultor Silverio Rivas (Ponteareas, 1942), debido principalmente á escala deste proxecto, xa que se trata dunha exposición de pezas de formato moi pequeno, pero tamén aos materiais utilizados e ao proceso empregado para a súa consecución.

 

Nada hai nesta exposición que nos remita á rotunda solidez da maioría dos seus traballos, nin moito menos á monumentalidade de quen é coñecido principalmente polos seus proxectos de obra pública. Nin sequera os materiais son os que habitualmente calquera coñecedor do seu traballo esperaría atoparse e os complexos procesos de produción, tan característicos da súa obra, están tamén ausentes.

 

Cabería preguntarse entón que queda de Silverio Rivas en Mutación inducida e, unha vez superadas as ideas preconcibidas, os prexuízos cos que adoitamos etiquetar a obra dos nosos artistas favoritos, descubriremos que Mutación inducida non só é Silverio Rivas en estado puro, senón que ademais, móstranos unha faceta privada do artista, un estadio previo á súa dimensión pública e, precisamente aí radica o interese desta exposición.

 

Silverio Rivas sempre ocupou de cuestións como o equilibrio e a tensión entre contrarios, procurando a harmonía a partir da utilización da materia e o espazo baleiro, a forma absoluta que dicía o seu admirado Constantin Brancusi, á que Silverio incorpora o espazo como elemento que completa a obra, xerando por contraste, un dinamismo que quizais é un dos elementos máis característicos do seu traballo. O equilibrio na obra de Silverio Rivas é o resultado dunha calculada tensión entre materiais e xeometrías, no límite das regras físicas e visuais coas que adoitamos ler o mundo.

 

 

O PROXECTO

 

Mutación inducida trata destas cuestións dende a urxencia dos materiais efémeros e a lixeireza de quen sabe debuxar no espazo con mestría, utilizando as tres dimensións para crear divertimentos plásticos, xogos da mente de quen é incapaz de pensar sen materia, de pensar sen empregar as mans, producindo así unha obra lixeira en materiais, dimensións e procesos, mais á vez moi complexa, digna de levar a unha clase de arquitectura na que se estudara a organización espacial dos obxectos e a súa capacidade de xerar movemento a partir do ritmo e a cadencia de cada liña debuxada no espazo.

 

Por todo isto, poderíamos falar da obra de Silverio Rivas en termos musicais: espazo/silencio; materia/son; dinamismo/ritmo… e seguindo este símil, Mutación inducida, lonxe de ser unha gran obra sinfónica, sería quizais un feixe de composicións para grupo de cámara, un conxunto de divertimentos que, igual que acontece na música, conterían sen embargo as principais características que definen o conxunto obra do seu autor.

 

A EXPOSICIÓN

 

Formada na súa totalidade por pezas de pequeno formato, a exposición estrutúrase en dous tempos de observación, propostos pola forma na que se presenta a obra:

 

Ao acceder á sala, o espectador atópase con catro grupos escultóricos noutras tantas vitrinas sobre peaña. trátase de pequenas esculturas, realizadas en folla de lata e outros materiais, a partir de obxectos reciclados como envases, anacos de madeira, vasos, cables, arames, etc. Todas estas pequenas pezas son mutacións de obxectos preexistentes, inducidas polo artista para materializar o seu pensamento continuo sobre o volume e o espazo. A linguaxe escultórica prodúcese aquí mediante as técnicas do recorte e a ensamblaxe, desarmando formas xeométricas puras como o cilindro, a esfera ou o ovalo, para chegar a outras solucións que teñen máis que ver, como xa se dixo antes, co debuxo en tres dimensións que coa escultura no seu sentido clásico, entendida como o acto de esculpere sobre pedra. Estas pequenas pezas fannos pensar nunha sorte de xoguetes surrealistas, unhas veces pola inevitable asociación figurativa e outras, polo absurdo dos personaxes resultantes. Non podemos evitar pensar nas criaturas circenses e os móbiles de Alexander Calder, pero tamén nos remiten a Cy Twombly ou a Eugenio Granell, en primeiro lugar, polo ínfimo do formato e en segundo lugar, por un espírito lúdico que é inherente a cada peza. Todas, presentadas así, en pequenos grupos quizais acentúan esa lixeireza da obra en canto ao proceso e características materiais e formais, ao tempo que nos invitan a unha profunda reflexión sobre a forma e a súa relación co espazo, unha das preocupación constantes de Silverio Rivas en tódalas súas facetas plásticas.

 

Nun segundo tempo de observación, veremos nalgúns dos panos expositivos, varias series formadas por obras de parede, que son o resultado de innumerables paseos do artista polos arredores do seu obradoiro en Tui. Trátase de obxectos atopados, envases de refrescos esmagados polas rodas de tractores e camións, que Silverio Rivas rescata dos camiños de terra e das cunetas de pistas asfaltadas, reunidos de forma paciente, deixándoos envellecer no seu abandono, ao ritmo da intemperie. Non se trata tanto de saír a buscar, como de atoparse con eles, recoller os que teñen un estado que ao artista lle interesa e deixar os que aínda presentan un aspecto demasiado lustroso, para que os elementos vaian facendo o seu traballo ata que adquiren un aspecto interesante para o autor.

 

Trátase dunha obra que xurde a partir do encontro, unha obra que combina a manufactura do envase industrial co efecto da erosión producido pola natureza. Silverio só intervén como un recolector avisado e sensible que selecciona aquelas pezas que serven ao seu proxecto artístico, agardando pacientemente o paso do tempo para facerse con novas pezas como un agasallo. O proceso, tan importante no traballo escultórico, muda aquí en cómplice da chuvia, o sol, a terra, o vento e a auga e unha mirada sensible que sabe ver, descontextualizar e re-contextualizar un obxecto desbotado, para tornalo en elemento de reflexión a través da contemplación estética e, en última instancia, falarnos do ciclo vital e as múltiples transformacións da materia que para uns son o resultado da morte e para outros, dunha nova forma de existencia.

 

O ARTISTA

 

A exposición, que se pode visitar na sé da Fundación Laxeiro, en Vigo, ata o 20 de novembro, ofrece a oportunidade de achegarnos ao pensamento dun dos pioneiros da escultura abstracta en Galicia, autor de fitos como A porta do Atlántico (1991) que se pode ver na viguesa Praza de América; Horizonte para o sol (2003), situada no Campus da Universidade de Vigo, ou o máis recente Monumento do Bicentenario (2010) situada na Glorieta do mesmo nome na cidade olívica. Destacan tamén outras obras senlleiras do artista como a titulada Proa ó mar (1982), que se pode ver en Corrubedo, Riveira, A Coruña, realizada en Formigón armado, ou o Dolmen do novo milenio (1999), situada en Santiago de Compostela.

 

 

Silverio Rivas leva máis de corenta anos dedicado á escultura, construíndo unha linguaxe propia que ten no escultor rumano Constanin Brancusi o detonante a partir de quen comezou a construción do seu proxecto artístico, despois de estudar na Escola de Artes e Oficios de Vigo, onde recibiu clases de mestres como o escultor Camilo Nogueira. Aprendeu as técnicas da escultura en bronce no obradoiro do escultor Xoan Piñeiro e máis tarde, trasladouse a Madrid, onde estudou tamén na Escola de Artes e Oficios e no Círculo de Bellas Artes. A principios dos anos setenta, durante un seminario en Sargadelos, aplica as súas ideas sobre a escultura articulada e modular á técnica cerámica. En 1979 trasládase a París, onde traballa intensamente, abrindo un estudio que aínda mantén na actualidade.

 

 

Membro do grupo Atlántica, é a partir dosa nos oitenta cando os eu traballo comeza a ser recoñecido pola innovación na linguaxe escultórica e a súa preocupación pola tensión e o equilibrio entre a materia e o espazo baleiro. Ten expsoto en diversas cidades españolas e europeas como Munich, Bruxelas, Montpellier, Dublín, París, Ostende, Friburgo, Frankfurt, Porto, Lisboa, etc.

 

En 2015 recibiu o Premio Laxeiro, como recoñecemento a toda unha traxectoria enriquecendo a cultura galega, no seu caso, no eido da escultura contemporánea.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2017 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo