Laxeiro, un vangardista de vocación atlántica

07.03.2003 – 18.05.2003
Centro atlántico de arte moderno, Las Palmas de Gran Canaria, 2003
Co patrocinio de Caixanova e Xunta de Galicia

O Centro Atlántico de Arte Moderno (CAAM) inaugurou a exposición Laxeiro, un vangardista de vocación atlántica que, enfocada como unha antolóxica, mostrou unha visión completa da traxectoria do pintor José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, Pontevedra, 1908-Vigo, 1996).

Membro destacado do grupo coñecido como Os Renovadores da Vangarda Histórica galega, Laxeiro, xunto con outros compañeiros de xeración como Arturo Souto, Maside, Luís Seoane e Manuel Colmeiro, contribuíu a introducir a pintura galega na contemporaneidade, desenvolvendo unha obra de gran forza expresiva e fuxindo dos estereotipos que se importaban desde Madrid á periferia española.

A exposición está formulada como un percorrido cronolóxico pola súa obra, articulada segundo tres momentos que actuaron como puntos de inflexión na evolución formal e temática do artista.

Seguindo estas premisas, atopámonos cunha primeira parte que co título “1930-1946. Os inicios: Do barbeiro pintor á estética granítica”, móstranos obras nas que se aprecia unha personalidade singular dun artista novo que buscaba unha linguaxe propia, utilizando como referentes formais a tradición escultórica galega dos canteiros do románico e o barroco, materializada nunha pintura feita coa técnica de espátula sobre tea, dando aos seus cadros unha aparencia pétrea, reforzada pola gama de cores utilizada: ocres, terras, grises e marróns, aplicados en composicións cheas de elementos que deixan ver un horror ao baleiro que será unha constante ao longo de toda a súa traxectoria. Pódese ver tamén neste primeiro bloque, a influencia de artistas como o Goya pre-expresionista das pinturas negras ou o Picasso neoclásico do primeiro cuarto de século.

A súa temática busca argumentos na bagaxe da cultura popular galega, combinando de forma moi persoal, mundos nos que o real queda subxugado ao rico mundo do sobrenatural, propio de tradicións culturais gelegas e europeas, recollendo a testemuña literaria do esperpento de Val-Inclán ou os mundos evocadores de Cunqueiro.

Un segundo apartado da exposición, co título “1952-1970. A aventura Arxentina”, móstranos obras do período que o artista galego viviu en Arxentina. Unha época na que Laxeiro alcanza a súa madurez, evolucinando cara a terreos máis informalistas, dentro do marco referencial expresionista. O xesto de Laxeiro perfílase neste apartado como o protagonista formal indiscutible, sintonizando con correntes como o grupo CoBrA que, por aqueles anos reinventaba a pintura centroeuropea. As cores fanse máis luminosas e a composición se bidimensionaliza. Laxeiro esquematiza as súas figuras e os temas que, aínda que seguen sendo os mesmos, son tratados desde unha actitude formal moito máis ambiciosa.

A mostra péchase co terceiro apartado, que co título “1970-1980. O regreso a España”, móstranos as obras do artista xa consagrado. Unha época na que combinará a súa residencia entre Madrid, Vigo e o seu Lalín natal, producindo unha obra na que todas as constantes das súas épocas anteriores, se combinanan, ademais de mostrar un exemplo da súa obra gráfica.

Producida pola Fundación Laxeiro, esta exposición revélanos a importancia de artistas da nosa vangarda histórica que non sempre foron recoñecidos con xustiza no panorama nacional, froito, moitas veces das circunstancias históricas e xeográficas que iniciativas como esta contribúen a emendar.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2018 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo