Laxeiro sobre papel

Título: Laxeiro sobre papel

Artista: Laxeiro

Tipo de obra: debuxo

Comisario: Javier Pérez Buján

Inauguración: 29 de xullo, 2016.

Clausura: 18 de setembro, 2016

Lugar: Fundación Laxeiro

Dentro das funcións que a Fundación Laxeiro desempeña durante todo o ano, a investigación é unha liña de traballo que segue o seu curso de forma continua, máis alá da publicación do Catálogo universal en 2009 e da publicación do volume titulado Laxeiro, os escritos de Don Ramiro, en 2011. Durante todo o ano, a Fundación Laxeiro realiza unha serie de reunións periódicas nas que se examinan e expertizan obras atribuídas a Laxeiro, catalogando as que resultan ser auténticas e desbotando as que a súa autoría resulta dubidosa.

 

A exposición que a Fundación Laxeiro mostra ata o 18 de setembro, baixo o título Laxeiro sobre papel, é unha exquisita selección de trece pezas, case todas dos anos trinta, nas que se abre o seu repertorio iconográfico a través de sinxelos debuxos e bosquexos.

 

Así, a pegada do debuxo de herdanza modernista de liña clara, a súa tan característica estética granítica e mesmo a súa influencia tenebrista e esperpéntica das novas figuracións de Entre guerras, móstranse neste conciso pero variado repertorio da imaxinería laxeiriana.

 

O tema principal, como sempre ocorre con Laxeiro, é o elemento humano. É sabido que Laxeiro non foi un pintor de paisaxes ou bodegóns, senón que sempre atopaba os seus temas na condición humana. Observador minucioso e debuxante áxil, nestes debuxos de primeira época, podemos atopar xa a mestría de quen, cos anos converterase nun mestre da liña e a expresión. O retrato, os grupos humanos, as máscaras e un inquedante pensador forman a galería deste singular elenco de personaxes cos que Laxeiro vai sinalando os seus intereses argumentais e estéticos.

 

A través dunha maternidade, un home con chapeu, un grupo de nenas e un grupo de lavandeiras, Laxeiro mostra un debuxo moi dinámico, no que a liña limpa da herdanza modernista, aínda está presente, igual que nun debuxo de dúas cabezas rotundas que ilustran de forma moi gráfica o seu paso desa estética do modernismo ao que sería coñecido como a estética granítica.

 

O seu gusto por o esperpento e as máscaras que definiu dunha forma tan persoal o seu traballo, anúnciase con dous magníficos debuxos coloreados que recollen o ambiente artístico das novas figuracións do período de Entre guerras e a herdanza evidente de artistas como Gutiérrez Solana.

 

O seu talento para o retrato está presente tamén na mostra, con espléndidas cabezas de homes e mulleres, entre as que destaca o retrato dun solado na fronte de Asturias e a súa capacidade para captar a complexidade psicolóxica do modelo, en pezas como Rapaz, Retrato ou Cabeza de nena.

 

As obras están dispostas sen enmarcar, en catro vitrinas horizontais, agrupadas temática e estilisticamente, facilitando unha lectura rápida e próxima das obras, ao tempo que permite tamén deterse, dunha forma moi íntima en cada unha das obras que conforman a exposición.

 

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo