Laxeiro sobre papel. Museo Municipal de Ourense, ata o 4 de febreiro

Título: Laxeiro sobre papel
Comisario: Javier Pérez Buján
Obra de: José Otero Abeledo, Laxeiro (1908-1996)
Tipo de obra: debuxo sobre papel
Número de obras: corenta e cinco
Data de Inauguración: mércores, 13 de decembro
Data de clausura: domingo, 4 de febreiro

Composta por un total de corenta e oito obras, a exposición céntrase nos períodos da súa mocidade, incluíndo obras dos anos trinta e corenta, principalmente, con algúns exemplos de pezas que datan dos anos cincuenta.

Nesta secuencia temporal, pódese apreciar a evolución do artista, dende o debuxo de liña limpa – na que se evidencia a influencia do debuxo modernista que tanto empregara Castelao – ata o que se chamou estética granítica, unha forma de pintar e debuxar xa propia de Os novos, unha vez liberados da influencia do Modernismo, para rematar en debuxos, xa de finais dos anos corenta e principios dos cincuenta, máis xestal, dentro xa dos códigos do Expresionismo.

A exposición inclúe dous curiosos debuxos, pertencentes ao período de formación do artista na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid, en 1931 e 1932. Trátase de dous estudos anatómicos, un feminino e outro masculino, no que mestura o tratamento de volumes coa distribución parcial de partes óseas. Ambos debuxos son documentos de extraordinaria relevancia para achegármonos ao Laxeiro aprendiz, malia que por estes anos tiña xa unha estética propia ben definida, como o demostran obras como Carnavalada de 1931, pertencente á Colección permanente da Fundación Laxeiro / Concello de Vigo, un dos primeiros cadros expresionistas da arte galega.

A mostra inclúe outras curiosidades, como un neno descalzo, datado en 1931, unha fermosa peza que está a medio camiño entre o estudo académico e o retrato costumista, evidenciando xa unha singular mirada do artista.

Chaman a atención, polo atípico da temática, algunhas pezas de carácter urbano, como é o caso de Guindastre no porto de Vigo, Paisaxe industrial, Paisaxe urbana con depósito de auga, ou Edificio derrubado, todas datadas en torno a 1941, ano no que Laxeiro se instala na cidade de Vigo. Este pequeno conxunto de debuxos afastados da temática rural, tan frecuente na obra de Laxeiro, ademais de falarnos dun artista que pinta todo o que ve ao seu redor cunha mirada aberta, deixa testemuña das poucas paisaxes, case sempre sen figuras, pintadas polo artista. Vigo resultou unha cidade chea de estímulos para el e deixa numerosos debuxos que o testemuñan, nesta mostra podemos ver escenas do mercado e tamén escenas de porto, moi pouco frecuentes nun artista da terra – e non do mar – como era Laxeiro.

O xénero retratístico é de crucial importancia en Laxeiro, tanto que lle valería como medio de subsistencia á súa chegada a Vigo en 1941. Na mostra hai varios exemplos da súa mestría nesta faceta, exemplos que van das influencias nomeadamente modernista de trazo claro e limpo, como é o caso do Retrato de home con garabata, datado na década dos anos trinta, cunha forma de debuxar nidia e concisa, coa que tamén realiza unha fermosa maternidade dunha nai moza e urbana, sentada nunha banqueta coa súa criatura no colo, mais tamén hai retratos realizados coa linguaxe da chamada estética granítica, como é o caso de Retrato de 1945, un rostro de moza de faccións rotundas, realizado a carbón cunha técnica de trazo esvaído que resalta os volumes con gran acerto.

Non quixemos deixar de incluír tamén, algúns exemplos de escenas de café e de taberna, estudos de detalles concretos, como é o caso dun delicioso debuxiño, datado nos anos corenta, que recrea unha muller durmindo e, por suposto, o mundo infantil, tan importante na súa narrativa, está recollido aquí tamén en varias pezas da década dos anos trinta.

Laxeiro sobre papel preséntase así, como unha galería de personaxes, escenas e paisaxes que describe o proceso creativo dun pintor que foi evolucionando ao carón do século XX, deixando constancia nos seus debuxos desa atmosfera da primeira metade do século pasado, na que a modernidade na pintura e no debuxo, afirmábase dende un punto de vista formal, cun tratamento novo das formas e volumes, e dende un punto de vista narrativo, plasmando escenas e motivos dun xeito totalmente libre e novo, no que o costumismo idealizado queda superado por unha forma máis radical de plasmar o visible.

 

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo