Laxeiro-Seoane, cruce de camiños. Debuxos 1930-1950

Fundación Luís Seoane.

Comisariado: Silvia Longueira, Javier Pérez Buján

Inauguración: 19 de decembro de 2018

clausura: 17 de marzo de 2019

Produce Fundación Luis Seoane

A exposición Laxeiro-Luis Seoane. Cruce de camiños. Debuxos 1930-1950 reúne a dúas das figuras máis importantes e influentes da arte galega do século XX: Luis Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) e José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996), dous artistas que contribuíron á dignificación e modernización da plástica galega a través da recuperación, revalorización e difusión de determinadas características presentes na arquitectura, nas tradicións populares, na natureza e na historia de Galicia, coas que construirían unha iconografía propia, mestura de todos eses elementos e tamén de influencias externas, desde a pintura de grandes mestres como Goya ou Rembrandt, ata as Vangardas Históricas europeas.

Comisariada por Javier Pérez Buján, director da Fundación Laxeiro, e por Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seoane, Laxeiro-Luis Seoane. Cruce de camiños. Debuxos 1930-1950 nace da colaboración entre ambas institucións, un proxecto que reúne unha selección de máis dun centenar de debuxos realizados entre os anos 1930 e 1950, dúas décadas fundamentais no desenvolvemento e posterior evolución da obra de ambos artistas.

A arte e e as tradicións populares, as referencias á arquitectura medieval, a utilización da cor como medio de expresión e a reinvindicación dunha identidade plástica nacional son algúns dos elementos comúns á produción dos dous creadores galegos. Con todo, alén dunha relación de amizade que duraría décadas -Seoane, xunto a Carlos Maside, organizaría no ano 1934 en Santiago de Compostela a primeira exposición individual do pintor de Lalín, retomando o contacto con éste moitos anos despois, xa no exilio, na Arxentina, onde Laxeiro participaría nunha mostra colectiva patrocinada polo Centro Galego de Bos Aires, tamén a cargo de Luis Seoane- as traxectorias e inquietudes de ambos artistas non poden ser máis dispares no plano artístico e intelectual. A Laxeiro non lle interesa explicar a súa pintura desde un punto de vista teórico, senón o acto de pintar como forma de expresión fundamental, a pintura como forma de vida; mentres que para Seoane, os aspectos teóricos son indisociables da práctica artística, como o son a variedade de soportes que utiliza para levala a cabo.

No que respecta á selección de debuxos que protagonizan esta exposición, o primero que resulta evidente é a marcada influencia que os movementos de vangarda que se están a desenvolver en Europa teñen nos retratos que un novo Seoane realiza de escritores como Carlos Martínez Barbeito ou Ánxel Fole a comezos dos anos 30, ou esa Modista surrealista de 1941. O creador galego amosa nos seus debuxos todo aquilo que lle interesa ou lle chama a atención, volcando neles a realidade que lle rodea. Retrata, ata en tres ocasións, a unha novísima Maruja; a artistas e escritores como Juan Gris e Feliciano Rolán, realiza ilustracións para libros e revistas como Cabalgata… Na mostra figuran outros exemplos, como unha selección de imaxes pertencentes ao seu célebre álbum Homenaje a la Torre de Hércules, así como un pequeno conxunto de debuxos realizados con ceras de cores durante súa estadía en Londres, exemplo da súa destreza neste soporte.

Ao igual que no caso de Seoane, o debuxo acompañará a Laxeiro ao longo de toda a súa traxectoria. As obras presentes na exposición amosan a súa evolución como artista, e nelas aparecen moitos dos trazos estilíticos e temáticos que caracterizan a súa produción. Escenas populares poboadas por lavandeiras, pescantinas, campesiños e animais, pero tamén a peculiar atmósfera dos cafés e faladoiros, dos que era asiduo, así como un conxunto de escenas cotiás e de bosquexos realizados en interiores, son exemplo dunha subtileza e unha técnica soprendentes. O Laxeiro máis recoñecible maniféstase nos debuxos de máscaras e carnavaladas, pero tamén nos seus retratos, especialmente nos que fai de compañeiros e amigos, como os artistas Carlos Maside e Álvaro Cebreiro. O propio artista, a súa familia, protagonizan algunhas das pezas da exposición, na que tamén destacan un conxunto de debuxos, algúns en cor, de paisaxes urbanas e industriais, que alén dos temas descritos, son exemplo da evolución dun creador que, no período que describe a mostra, xa pasou por varias etapas estéticas e acadou a súa madurez plena.

A exposición poderá visitarse na Fundación Luis Seoane ata o vindeiro 17 de marzo de 2019.

 

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo