Laxeiro nas coleccións privadas (1942-1970)

20.07.2009 – 06.09.2009

Comisaria: Lourdes Martínez Sapiña
Producción:Fundación Laxeiro
Patrocinio: Concellería de Cultura e Animación sociocultural, Concello de Vigo
Consellería de Cultura e Turismo, Xunta de Galicia
Colabora: Pinturas Proa
Sala B. Fundación Laxeiro.

Ver obras con ficha completa aquí

Pescudar na busca de obras de Laxeiro e doutros membros da nosa Vangarda histórica é un labor que trascende o campo meramente estético, para introducirse en aspectos sociolóxicos, históricos e culturais da evolución do gusto do coleccionismo galego durante gran parte do século XX.

Laxeiro e os seus compañeiros de xeración viviron principalmente do mercado da arte. Na súa época apenas existían bolsas de formación (a excepción das da Deputación de Pontevedra) e as institucións non adoitaban mercar obras de arte. Por todo isto, a principial fonte de subsistencia destes artistas, resultou ser o coleccionismo privado. Un ámbito pouco estruturado no que a falta de galerías especializadas, críticos de arte e comisarios, funcionaba o contacto directo entre artista e coleccionista, nun diálogo no que con frecuencia se mesturaba o persoal co profesional.

Laxeiro nas coleccións privadas é un primeiro intento de rastrexo dos criterios estéticos dese colectivo de particulares que formaron a semente do que hoxe se pode chamar coleccionismo galego. As obras que se mostran nesta exposición son pezas inéditas ou moi pouco coñecidas que durante anos levan penduradas nas paredes de domicilios particulares sen repercusión pública ningunha. Un catálogo de obras que testamuñan a evolución do gusto do coleccionismo galego no que é inevitable facer unha lectura transversal socioeconómica, estética e mesmo política do imaxinario artístico da nosa Comunidade Autónoma.

A selección de obras que fixo a comisaria, Lourdes Martínez Sapiña, obedece dalgún xeito a un primeiro bosquexo do que, nun proxecto máis amplo, poderíamos denominar como cartografía do coleccionismo en Galicia, centrado, neste caso, na obra de Laxeiro.

Por todo isto, podemos aprezar un movemento que iría do retratismo burgués e un certo costumismo, ás veces bucólico e ás veces esperpéntico, cara unha maior aceptación da experimentación, do risco e das semánticas abertas, sen esquecer tamén a crónica do ambente artístico da época, como neste caso queda patente cos retratos de Mario Granell, Mercedes Ruibal e o pintor Antón Abreu, en tres momentos moi diferentes da traxectoria de Laxeiro.

Esta exposición ilustra de forma parcial, debido ao seu pequeno formato, esa evolución e quere ser unha chamada de atención, un apuntamento sobre o campo de traballo existente para a investigación nese ámbito da cultura privada tan pouco coñecido que pode aportar moitas claves sobre as orixes da conformación do gusto actual.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo