Laxeiro, ilustracións, estampas e deseños

20.02.2009 – 31.05.2009

Unha faceta pouco coñecida de Laxeiro.
Comisario: Daniel Buján
Sala B. Fundación Laxeiro
Patrocina: Deputación de Pontevedra

Se ben é certo que a extensísima produción de Laxeiro está centrada principalmente en pintura e debuxo, hai un percorrido menos coñecido do seu traballo que se centra en obras realizadas para edicións impresas (ou debuxos utilizados para ilustrar publicacións); un interesante traballo no eido da obra gráfica (sobre todo na súa última época); e tamén deseños de obxectos diversos como cerámicas de Sargadelos, botellas e algún outro obxecto singular que acolle esta exposición.

Ilustracións

Primeira época. No seu labor como ilustrador, da que se mostran un total de 50 referencias, destacan pezas excepcionais, como a serie de viñetas feitas para os xornais Faro de Vigo en 1928 e El pueblo gallego en 1929 e 1930, nas que se pode apreciar un Laxeiro moi novo que apuntaba xa como o gran debuxante que foi, nesta época, sen dúbida influido polo debuxo e o humor de Castelao.

Etapa arxentina. Destacan tamén na mostra edicións da súa etapa arxentina, nada doadas de atopar actualmente no mercado editorial, como a tradución ao castelán da obra de Eduardo Blanco Amor, titulada orixinalmente A Esmorga, traducida como La parranda; a obra de Víctor Luis Molinari, titulada Itinerario gallego, editada por Follas novas en 1958; unha edición de 1952 de Seara de romances, de Eliseo Alonso, publicada pola mítica editorial  Botella al Mar; a portada dunha edición de 1954 de Mal ollo: comedia de ambente mariñeiro  de Cándido Alfonso González editada en Bos Aires por Ediciones Lérez del Centro Pontevedrés; a edidición de 1951, realizada por Citania da obra Galicia y nuestro tiempo de Franciso Fernández del Riego e unha curiosa Antología popular de Frai Benito Jerónimo Feijoo, retratado por Laxeiro, editada polo Centro gallego en 1966; ou Sementeira do vento de Valentín Paz Andrade, editada por Galaxia en 1968; e xa no ano setenta, a piques de partir para España, a Antoloxía Poética de Xavier Bóveda, da Editorial Los Pinos;Namoros e regueifas de Gayoso Frías en Ediciones Miño e Los cuerpos gloriosos de Angel Leica da editorial Losada.

Retorno de Bos Aires. A exposición recolle tamén unha escolma do seu traballo editorial en España a partires dos anos setenta, principalmente centrada en Galicia. Así, pódense ver colaboracións con Galaxia como a ilustración de Os nobres carreiros de Eduardo Moreiras, en 1970; e A rúa do noxo de Eliseo Alonso, tamén editado por Galaxia en 1977; de 1978 data a edición de El carnaval de Julián Marcos, editado en Pamplona por Peralta.

Da década dos anos oitenta a exposición recolle os volumes de Poeta muiñeiro á deriva de Fiz Vergara Vilariño, Editado por Xerais en 1982 e Dez Poemas de Lorenzo Varela de Edicións do Castro, publicado en 1988. Tamén se pode admirar un exemplar de El Mareante de Miguel Abellán, editado n’A Coruña por Ara Solis, tamén en 1988.

Os anos noventa, a derradeira década da súa vida, desenvolveu diversos proxectos como ilustrador, dos que a exposición tamén se fai eco, destacando a súa colaboración como ilustrador, xunto a outros artistas, na tradución ao galego doQuixote, editada por Xuntanza Editorial en 1990; ano no que comeza a súa colaboración con Camilo José Cela, coa publicación Galicia, editada por Ir indo. Unha colaboración co Nobel de literatura que o levaría tamén a ilustrar Discurso para unha xove dama amante dos libros, editada por Ir indo en Vigo, en 1991, e O Camaleón Solteiro. Dos noventa son tamén outros títulos como Voces de alén do mar, unha antoloxía poética editada por Dolmen, Expresión de arte de Teresa Iglesias, ed. Do Castro ou Canción de Araguaney de Ismael González, entre outros.

 

OBRA GRÁFICA

No apartado de Obra gráfica, se pode ver a que quizáis foi a primeira incursión de Laxeiro no mundo do gravado, unha edición de 1954 de Poemas : Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, editada porMonte Medulio, en Paris; ou a coñecidísima carpeta titulada Caos Armonía. composta por doce litografías directamente realizadas sobre a plancha por Laxeiro no ano 1976,  que forman o volumen nº 18 da colección titulada Tiempo para la alegría. Esta carpeta foi editada en Madrid por Díaz Casariego. Unha obra que se completa con poemas de Rodolfo Relman quen, inspirado nohaiku  xaponés, compón un total de vinteún poemas cargados de intensidade. Por primeira vez se poden ver planchas orixinais de cinc, utilizadas para a serie titulada Trilogía, calcografías de Laxeiro, realizada por Raimundo Orozco en Vigo, en 1995, ademais de numerosos exemplos de calcografías, augafortes e serigrafías da súa última época.

 

OBXECTOS

O terceiro apartado da mostra, quizais o máis singular, comprende diferentes obxectos deseñados por Laxeiro, como unha escolma de pezas da vaixela que fixera para Sargadalos en 1990; unha curiosa xarra en forma de cabeza de sátiro, realizada en porcelana policromada, ou a botella de viño Amadeus, gañadora do Premio de deseño e marketing da Cooperativa vitivinícola do Ribeiro, na súa edición de 1991.

A exposición é un proxecto comezado en 2008, como proposta que a Fundación Laxeiro lle fixera a Daniel Buján, o comisario da mostra, quen levou a cabo un traballo de investigación que non remata na consecución da mostra, senon que se verá reflectido de forma máis exhaustiva, no catálogo que a Fundación Laxeiro editará co gallo da exposción.

 

RELACIÓN DE PRESTADORES

Ademais dos propios fondos da Fundación Laxeiro, Compre destacar a colaboración de numerosos coleccionistas particulares e institucións sin os que este proxecto non tería sido posible, como son:

·         Biblioteca Universitaria. Universidade de Santiago de Compostela

·         Biblioteca Pública de Pontevedra

·         Centro Superior Bibliográfico de Galicia. Santiago de Copostela

·         Centro Gallego de Buenos Aires

·         Fundación Espigas. Bos Aires.

·         Galería Citania. Santiago de Compostela

·         Librería Incunable. A Coruña

·         Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia

·         Armando Álvarez López

·         Daniel Fernández Rey

·         Ismael González

·         Xulián Maure

·         Susana Maceiras

·         José Pena Collazo

 

O COMISARIO

Daniel Buján é Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela. Facultativo de Bibliotecas do Estado por oposición no ano 1986. Posteriormente dirixe a Biblioteca Pública do Estado en Pontevedra e exerce de Xefe de Servizo do Libro e Bibliotecas até o ano 2006. Despois de dirixir a Biblioteca pública Anxel Casal de Santiago de Compostela, é nomeado en 2008 director do Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

Escrebe e publica obras literarias de narrativa infantil/xuvenil, faceta na que foi merecedor do Premio Barco de Vapor pola novela A Pirata Penamoura. Publica posteriormente O extraño misterio das galiñas desaparecidas e varios contos curtos.

Tamén é autor de varios traballos de investigación sobre o libro e bibliotecas e, especialmente sobre gravado. O libro O gravado, en 1995, Grabado Compostelán na colección Bibliofilia.

Dirixe e organiza varias mostras sobre esa arte: Linóleos en Pontevedra, 1994, sobre a escola linoleísta de Pontevedra, ou De Manet a Toulouse-Lautrec sobre gravado francés do século XIX tamén en 1994. Escrebe e participa asimesmo en mostras sobre banda deseñada e sobre libro galego. 

TEMPADA EXPOSITIVA DA FUNDACIÓN LAXEIRO 

Con esta mostra a Fundación Laxeiro comeza a súa tempada expositiva, que se completará coa exposición titulada Loops diarios, da artista Begoña Martínez Santiago, o proxecto gañador da última edición das Bolsas Feima-Fundación Laxeiro á creación artística, e rematará o ano coa exposición titulada O Laxeiro descoñecido nas coleccións privadas, que, comisariado por Lourdes Martínez Sapiña, desvelará auténticos incunables da produción Laxeiriana de todalas súas épocas.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2018 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo