Laxeiro, escritos: Pensamentos, recordos e relatos

20.10.2010 – 31.01.2011

Inauguración: 5 de novembro
Clausura: 30 de xaneiro
Comisario: Javier Pérez Buján
Producción:Fundación Laxeiro
Patrocinio: Deputación de Pontevedra, Concello de Vigo
Colabora: Pinturas Proa
Sala B. Fundación Laxeiro.

 

detalle da exposición

detalle da exposición

A Fundación Laxeiro presenta por primeira vez unha escolma de escritos inéditos de Laxeiro. Un avance do que será un libro de próxima publicación, no que se recopilan un total de 200 textos de Laxeiro, a maior parte deles inéditos, a partir dos que se constrúe o pensamento do artista, seguindo un fío condutor que se artella segundo a seguinte estrutura:

  • Textos poéticos
  • Relatos e recordos
  • Soños
  • Diarios e reflexións
  • Textos sobre arte
  • Relatorios e pregóns.

Laxeiro non foi escritor, nin sequera se distinguiu por ser un artista cun sólido pensamento teórico, documentado en publicacións, xornais ou ensaios, como si acontece con outros creadores plásticos da súa xeración, como Luis Seoane ou Antonio Saura.

Laxeiro foi un pintor de acción, un artista que afrontou a construción da súa estética desde a inmediatez, en perfecta coherencia entre a súa obra e a súa vida. O Atlantismo, tantas veces invocado cando se fala da Vangarda Histórica Galega, ten en Laxeiro unha materialización case canónica, ao producir unha obra de factura rápida, aparentemente non reflexiva que, como acontece con toda a tradición expresionista, é producida desde a pulsión creativa; un ámbito no que a palabra, como ferramenta de sistematización do pensamento, dificilmente ten cabida.

Mais, como saben as persoas que o coñeceron, esta falta de sistematización das súas ideas, esta carencia da expresión pública do seu pensamento, non implica que non a tivese, senón, simplemente, que utilizaba a linguaxe plástica para a súa expresión.

Os escritos que presentamos nesta exposición supoñen non só unha proba evidente do seu pensamento, senón que ademais descobren un talento literario que nace do eu máis íntimo, desde o que compón minúsculos poemas en prosa, pequenos relatos fantásticos, recordos ficcionados da súa nenez e arengas inflamables sobre o seu posicionamento estético.

Por todo isto, os seus escritos supoñen un achegamento novo aos mundos de Laxeiro; neste caso, non con imaxes, senón mediante a forza da palabra.

 

A exposición

O proxecto expositivo está formado por unha escolma de 47 documentos, escollidos do total dos seus escritos, nos que a Fundación Laxeiro leva traballando durante todo o ano 2010. Estes escritos pódense ver nunha montaxe austera, dispostos en diferentes vitrinas con todo o encanto do papel e a letra orixinais e acompañados das súas respectivas transcricións impresas, a fin de que o público poida ler, de forma cómoda e rápida, os contidos dos mesmos, ao mesmo tempo que se deleita coas pezas orixinais.

Na formulación expositiva quíxoselle dar todo o protagonismo aos documentos, prescindindo de calquera soporte iconográfico nas paredes, na procura de concentrar a atención do visitante no interese da presencia física dos documentos orixinais e nos contidos dos mesmos, conformando por tanto, unha mostra na que, deliberadamente se fuxiu de imaxes, tanto pictóricas como fotográficas, tan recurrentes neste tipo de proxectos e que, no caso dun pintor tan prolífico como Laxeiro, Tería sido tan doado incorporar.

Compúxose así un espazo no que o silencio visual funciona como artellador do percorrido da exposición que invita á lectura dos diferentes textos, dispostos nas vitrinas e artellados segundo criterios xenéricos e temáticos.

detalle da exposición

detalle da exposición

Na mostra quíxoselle dar protagonismo aos textos inéditos de carácter literario, poético e reflexivo. Unha faceta pouco ou nada coñecida do artista, nos que se descobre unha personalidade de gran sensibilidade, afastada ás veces da imaxe pública que el mesmo proxectou, moito máis socarrona e irónica. Os textos sobre arte (relatorios e pequenos ensaios) non se incluiron no proxecto expositivo por ser estes máis coñecidos, aínda que sí terán o seu lugar na publicación.

 

A publicación

O proxecto editorial, é froito dese traballo de investigación desenvolvido en 2010, a partir do acceso a diversos fondos privados, entre os que destacan os documentos manuscritos do arquivo familiar. Un corpus heteroxéneo e moi fragmentado que despois da súa clasificación e estruturación, compón un interesante legado literario de algo máis de 200 documentos que descobren, a un Laxeiro poético e fabulador (do que se amosa unha pequena mostra na exposición); falan ademais da loita solitaria e silenciosa do creador fronte á súa obra, e tamén aportan claves da súa actitude con respecto ao mundo da arte do seu tempo.

O libro publicaráse en formato bilingüe (gelego-castelán) e irá acompañado dun estudo preliminar, asinado polo comisario da mostra e compilador do libro, Javier Pérez Buján, no que se profundiza no pensamento de Laxeiro, e se fai un achegamento á súa personalidade, contextualizada na época.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo