Laxeiro en tres tempos. Fundación Exponav, Ferrol

Título: Laxeiro en tres tempos

Comisario: Javier Pérez Buján

Obra de: José Otero Abeledo, Laxeiro (1908-1996)

Lugar: Fundación Exponav, Ferrol

Inauguración: 14 de xullo de 2017, 19.00h

Clausura: 10 de setembro de 2017

Co título Laxeiro en tres tempos, a Fundación Exponav inaugura unha interesante exposición sobre diferentes aspectos da obra de Laxeiro que, estruturada en tres técnicas e procesos diferentes, fai un percorrido, tanto cronolóxico como estilístico, por a obra do pintor.

Dende o ano 2001 non se vía unha exposición individual de Laxeiro en Ferrol e polo tanto, a exposición é unha moi boa oportunidade para achegarse ao traballo dun dos artistas galegos máis importantes do século XX.

José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996) é un destacado membro do grupo coñecido como Os novos da Vangarda histórica galega. Este grupo de artistas foi o responsable da entrada da arte galega na contemporaneidade, no primeiro terzo do século XX, realizando unha obra que estaba en consonancia co que acontecía no panorama internacional.

Laxeiro e os seus compañeiros de xeración, rexeitaron a herdanza da xeración anterior de artistas galegos, ancorada na arte decimonónica, para propoñer novas linguaxes, no contexto da chamada á orde que o artista francés Jean Cocteau fixera a finais dos anos vinte, despois da resaca das vangardas de descomposición da imaxe, provocando movementos como a Nova obxectividade alemá que volvía á figuración dende formulacións non realistas.

Laxeiro soubo como ninguén captar a esencia cultural popular galega, botando man dun tenebrismo que tiña moito que ver co comportamento da luz en Galicia, ademais de captar o popular, afastándose de posicións pintorescas e tópicas, rexeitando a herdanza pictórica galega e fixándose na rica tradición escultórica do Románico e o Barroco. Tanto el como os seus compañeiros de xeración, inauguraron o que se chamou a Estética granítica, caracterizada por unha pintura moi empastada e texturada, realizada frecuentemente con espátula, sen a utilización do pincel e unha paleta cromática terrosa, que revisa as técnicas do claroscuro para recrear a luz de Galicia.

Debuxante compulsivo dende o seu retorno de Cuba, a finais dos anos vinte, Laxeiro vai construíndo unha estética de gran expresividade e dinamismo, introducindo, como dixera Luís Seoane, o expresionismo en Galicia e catalizando os mundos literarios do esperpento de Valle Inclán e a Galicia mítica de Álvaro Cunqueiro. A súa obra, sintetiza deste xeito toda a tradición cultural galega coas vangardas do século XX, sempre do lado da pintura de pulsión, fronte a outras liñas de traballo máis analíticas.

O grupo de Os novos, movíase no entorno do Partido Galeguista e entendían, por tanto Galicia como unha realidade nacional diferenciada do resto de España. Esta é tamén a razón por a que se afastan da influencia da luz mediterránea e os postimpresionismos para buscar inspiración nas culturas do Norte europeo e no Océano Atlántico que funciona como metáfora do descoñecido, do irracional e o pulsional, fronte ao mar mediterráneo, que simbolizaría a luz que alumea a razón, como cerne do nacemento das culturas grecolatinas.

Estamos por tanto ante unha pintura que recrea o pensamento máxico do medievo europeo e actualiza, cos códigos das vangardas, toda esa bagaxe cultural, coincidindo con movementos como os expresionismos alemáns, ou, xa na metade do século XX, o grupo CorBrA, centroeuropeo, a Art Brut francesa, ou nos anos oitenta os Novos salvaxes alemáns, todos eles, movementos que rexeitaban a pintura académica, primando a pulsión fronte a razón e a subxectividade fronte á obxectividade do visible.

O proxecto expositivo que se presenta na Fundación Exponav, é un intento de plasmar con obras concretas toda esta personalidade artística, a través de tres técnicas utilizadas con frecuencia por Laxeiro, como son o debuxo, o gravado e a pintura.

Coa inclusión destas tres técnicas, o proxecto pretende propiciar un achegamento á obra do artista que sitúe ao público en diferentes planos de aproximación:

Pintura. En primeiro lugar, a pintura, quizais a técnica que lle deu máis notoriedade e na que demostrou unha mestría singular, coa que foi tecendo unha evolución na súa traxectoria que o levou da estética granítica da súa primeira época, á síntese compositiva e cromática, despois do seu establecemento en Bos Aires, a partir de 1951.

Debuxo. Mais esta mestría, como el mesmo recoñeceu nalgún escrito, non sería posible sen un labor continuado, case compulsivo, no eido debuxístico, onde Laxeiro aprendeu de forma práctica, mediante o método de ensaio/erro o que logo plasmaría na súa obra pictórica. Neste apartado, a exposición desprégase en dúas fórmulas expositivas, por unha banda, debuxos de mediano e gran formato, colgados nos panos expositivos, e por outra banda, debuxos de pequeno formato, moitos deles bosquexos e estudos que permiten ao espectador un achegamento ao traballo de Laxeiro, moito máis íntimo e procesual.

Obra gráfica. O terceiro tempo desta exposición consiste nunha escolma de gravados, unha técnica que o artista comezou a practicar nos anos cincuenta, cando colabora con cinco litografías na publicación titulada Poemas: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, editada por Monte Medulio en París, en 1954. Mais será en 1976, coa edición da carpeta titulada Caos Armonía, editada en Madrid por Díaz Casariego, dentro da colección titulada Tiempo para la alegría, incluída nesta exposición, cando Laxeiro comece a traballar de forma continuada as diferentes técnicas do gravado, sendo xa nos anos noventa, ao final da súa vida, cando lle dedique unha maior atención.

Con esta selección tan heteroxénea de obra, tanto por a súa técnica, como por a temática e o arco temporal que abarca, a exposición ofrece ao público visitante un percorrido bastante completo por a produción de Laxeiro, na que queda moi patente a súa evolución estilística e discursiva, partindo da figuración tenebrista da primeira época. Mais o mundo pictórico de Laxeiro é moi heteroxéneo, como queda patente na selección de obra desta exposición. Así, despois da súa chegada a Bos Aires, en 1951, Laxeiro abre o seu léxico cara a formulacións máis experimentais que van cambiando a súa pintura, sintetizándoa, bidimensionalizándoa e cambiando o tenebrismo tan característico da súa primeira época e tan acorde coa luz galega, por unha paleta cromática primaria, moito máis luminosa, na que a liña se torna máis solta e organiza a superficie pictórica en diferentes superficies cromáticas. Este rexistro terá, xa nos anos noventa, unha interesante continuidade en moita da obra gráfica que produce, xa nos últimos anos da súa vida, dando conta dunha vitalidade sorprendente, no outono xa da súa vida.

É de salientar unha característica moi persoal na consecución cronolóxica da súa obra, unha característica que fala moi ben das orixes rurais do artista: a concepción do tempo, para Laxeiro, non é lineal, senón que reproduce a circularidade tan característica das sociedades agrícolas pre industriais e, con ela, é capaz de retomar liñas de traballo xa desenvolvidas no pasado, para re interpretalas e darnos así unha nova visión de estilemas que xa utilizara en épocas anteriores. É o que se coñece como a ruptura do estilo único que libera ao artista de ter que respectar unha evolución lineal e permítelle practicar varios rexistros nun mesmo tempo cronolóxico.

A exposición nace do interese da Fundación Exponav por achegar á cidade de Ferrol propostas expositivas de calidade, realizadas ex profeso para o seu espazo expositivo, permitindo así á cidadanía gozar dunha oferta cultural singular. Deste interese nace a encarga da Fundación Exponav á Fundación Laxeiro, mediante á que foi asinado un convenio de colaboración que permitiu levar adiante o proxecto, e que pode posibilitar no futuro outras actuacións, froito desta colaboración entre institucións.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2017 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo