Laxeiro en Buenos Aires

06.09.2006 – 08.10.2006

Museo Nacional de Bellas Artes (MNBA)
Comisario: Javier Pérez Buján
Produce
Fundación Laxeiro

Patrocina
Consellería de Cultura e Deporte, Xunta de Galicia
Repsol YPF
Fundación Caixa Galicia
Iberia, Líneas aéreas de España

José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, Pontevedra, España, 1908-Vigo, España, 1996) forma parte dese grupo de artistas galegos que viviron unha etapa decisiva na súa traxectoria artística na cidade de Bos Aires. Invitado a organizar unha exposición de artistas galegos en 1951,

Laxeiro adoptaría Bos Aires como o seu lugar de residencia durante vinte anos, ata que en 1970, logo da gran retrospectiva que lle dedicou a Art Gallery, decide volver á súa Galicia natal.

Á súa chegada, con 41 anos de idade, Laxeiro era xa un artista respectado no panorama español, como membro fundamental do que se coñeceu como o grupo de ” Os Renovadores” da Vangarda histórica galega. A cidade de Bos Aires actuou sen dúbida como catalizadora de cambios substanciais na súa pintura que daría como resultado o que se coñece como a súa segunda madurez. Herdeiro da tradición expresionista e xestual europea, Laxeiro profundou nos aspectos máis informalistas da súa pintura, a partir da súa experiencia bonaerense, levando a xestualidade do seu trazo ata extremos que rozaron a abstracción. Militante dunha pintura paixoal, irreflexiva e inmediata, Laxeiro conectou moi ben co ambiente artístico bonaerense, asimilando e intercambiando formas de pintar que, aínda que, desde unha perspectiva histórica, pódense ver como unha evolución lóxica da súa obra, dificilmente terían lugar na Galicia culturalmente illada dos anos cincuenta.

 

ESTRUTURA DA EXPOSICIÓN 

A mostra, estruturada en catro partes, céntrase no período arxentino que abarca os anos cincuenta e sesenta e propón unha lectura da obra e a personalidade do artista galego que, sen pretender ser exhaustiva (algo que sería moi complicado, debido á súa prolífica produción) intenta provocar unha aproximación ao universo vivencial do autor.

 

1. Buscando cousas, debuxos e bosquexos 

O primeiro capítulo céntrase na súa obra debuxística. Co título “Buscando cousas, debuxos e bosquexos” pódense ver unha vintena de bosquexos realizados sobre papel que, presentados sen marco dentro dunha vitrina, achégannos ao aspecto procesual do artista, que sempre practicou o debuxo dunha forma case compulsiva, como ferramenta de pensamento, tanto na resolución de problemas técnicos para a realización de obra maior, como na captación de escenas e personaxes a modo de instantáneas. Pódese ver nesta serie a extraordinaria vitalidade do seu trazo, a frescura e rapidez coa que atacaba o papel en branco, como resultado de toda unha vida debuxando, de tal forma que a súa man, realmente traballaba á mesma velocidade que os seus ollos e a súa cabeza, nun rapadísimo proceso que consegue unha expresividade totalmente espontánea e directa e que lle posibilitan dominar xéneros como o retrato e técnicas como a sanguina, a tinta ou a augada.

 

2. Galicia na memoria, últimos momentos da Estética granítica 

A segunda parte, titulada “Galicia na memoria, últimos momentos da Estética granítica”, é un interesante exemplo do estilo que practicou durante as décadas dos anos trinta e corenta, nas que, xunto aos seus compañeiros de xeración, soubo sintetizar a tradición cultural do imaxinario colectivo rural galego, cun tratamento formal e argumental de claros trazos contemporáneos. Conscente da pobre tradición pictórica galega, Laxeiro tivo a habilidade de buscar os seus modelos nos canteiros e escultores medievais e combinar esta bagaxe coas riquísimas historias máxico-pagás da tradición oral, sen esquecer o universo literario do esperpento vale-inclanesco e a obra de Álvaro Cunqueiro, chegando así a resultados que coincidían con movementos plásticos do momento, como as novas figuracións que xurdiron en Europa, como reacción ás vangardas máis analíticas.

Articulado a partir de dúas pezas protagonistas, como son “A dama do abanico”, propiedade do Museo Nacional de Bellas Artes e “Conto de nenos”, propiedade do Centro Gallego en Bos Aires. Este capítulo contén algún exemplo do xénero retratístico e numerosas escenas populares que, do mesmo xeito que o citado “Conto de nenos”, desenvólvense entre a fantasía e a realidade.

 

3. Novos ámbitos, novas linguaxes, apertura cara ao Informalismo 

No terceiro capítulo, o titulado “Novos ámbitos, novas linguaxes, apertura cara ao Informalismo” a mostra dá un xiro importante, descubríndonos ao Laxeiro máis experimental. Como obra principal, pódese ver o magnífico “La ciudad sumergida” pertencente aos fondos do Museo de Arte Moderno de Bos Aires (MAMBA), no que están presentes todas as constantes do Laxeiro informalista: cores planas e primarias, composición bidimensional, unha certa xeometría orgánica e un maior protagonismo da mancha, con momentos que rozan a abstracción pura, aínda que sempre cunha certa ancoraxe figurativa. É neste capítulo onde se pode aprezar de forma máis evidente a gran influencia que tivo a cidade de Bos Aires na evolución do seu pensamento estético, o cal, sempre dentro dos parámetros xestuais e expresionistas, atopou no Informalismo un campo de cultivo natural para a expresión das súas inquedanzas estéticas.

 

4. Memorabilia 

A exposición péchase cun apartado de memorabilia e documentación no que se deixa constancia da intensa vida artística e social que Laxeiro levou a cabo en Bos Aires. Afiches de exposicións, ilustracións de libros, participación en conferencias, etc., documentan a inmersión deste galego na vida cultural bonaerense, chegando a ser Vicepresidente da Sociedade Arxentina de Artistas Plásticos, a principios dos anos Sesenta. Movéndose sempre dacabalo entre a intelectualidade galega no exilio (Isaac Díaz Pardo, Blanco Amor, Luís Seoane, etc.) e o colectivo de artistas arxentinos como Pujía, Carlos Alonso, Leopoldo Presas, e tantos outros que aínda hoxe lle recordan con afecto de amigos ou admiración de discípulos.

A exposición complétase cun coidado catálogo con textos de Xosé Neira Vilas, escritor e amigo do artista, Javier Pérez Buján, comisario da mostra, Carlos García-Suárez Otero, neto do pintor e unha interesante entrevista realizada a Isaac Díaz Pardo quen relata a peripecia arxentina de Laxeiro e a súa participación activa nos proxectos da intelectualidade galega no Exilio.

Un interese engadido da mostra é que gran parte das obras que a forman, son pezas inéditas para o público, xa que proveñen de coleccións paticulares que nunca antes foran exhibidas nin catalogadas.  A exposición rexistrou un total de 60.000 visitantes.

 

Enlaces relacionados:

Acercando Oriente

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo