Laxeiro, debuxos inéditos V

19.07.2007 – 16.09.2007

Un bo exemplo da súa forma de compoñer utilizando o debuxo, máis alá dos bosquexos preparatorios e estudos que foran protagonistas das pasadas edicións da serie Debuxos inéditos

Debuxos inéditos V amósanos unha escolma de pezas que, na súa meirande parte, está composta por debuxos feitos a cor sobre papel, utilizando tintas, augadas, lapis e pastel. Un bo exemplo da súa forma de compoñer utilizando o debuxo, máis alá dos bosquexos preparatorios e estudos que foran protagonistas das pasadas edicións da serie Debuxos inéditos.

Na presente edición, composta por un total de vinte pezas, podemos aprezar como, a partires dos anos cincuenta, vai soltándose o trazo do artista, conseguindo unha obra máis fresca e lixeira, en contraposición coa estética granítica que caracterizara a súa primeira época.

Romarías e grupos de xentes nas que, ás veces, mestúrase o fantástico co real, dan boa conta do horror ó baleiro que, froito das influencias do Barroco, é unha constante en toda a obra do pintor de Lalín.

Nesta exposición ademais, pode aprezarse con nitidez ese trazo solto, cheo de espontaneidade que caracteriza a obra de Laxeiro, un debuxante compulsivo que na súa obra sobre papel, deixa boa constancia da súa particular relación co debuxo, nesta ocasión, moi influenciado por artistas admirados por el como Picasso.

Destacan na mostra pezas como “Romaría” de 1952, realizada xusto antes de marchar para Bos Aires. Unha escea chea de sensualidade; ou “Festa popular” de 1980; unha magnífica peza na que se plasma de forma maxistral todo ese mundo da cultura popular tan querido por Laxeiro.

Non podemos deixar de mencionar unha serie de tintas e augadas que son un bo exemplo da incursión de Laxeiro nas linguaxes informalistas, a partires da súa estadía en Bos Aires.

Pero a mostra ten tamén bos exemplos do debuxo laxeiriano dos anos trinta e corenta, destacando unha desembocadura do río Lagares na praia de Samil, moi similar á “Praia de Samil” que se pode ver na Colección permanente, ambas dos anos corenta; ou unha carnavalada excepcional, do ano trinta e sete, que posiblemente é unha das mellores obras debuxísticas destes anos. Destaca tamén un apunte do porto de Vigo, datado nos anos corenta que é un dos poucos exemplos de temática mariña en toda a producción de Laxeiro.

A mostra consta tamén de dous fantásticos calvarios, un do ano 87 e outro, realizado un ano antes da súa morte en 1996 que amosan dúas formas moi diferentes de abordar este tema, nun exemplo desa versatilidade, tan característica de Laxeiro.

Aínda que a última edición de “Debuxos inéditos” foi adicada integramente ó xénero retratístico, tan importante no debuxo laxeiriano, non podían faltar na exposición dous magníficos exemplos desta faceta. Dous magníficos carbóns sobre papel, como son o “Retrato do Dr. Pablo Carreró”, de 1949 e o “Retrato de Paloma Suárez-Llanos” de 1970, nun exemplo da pervivencia deste xénero en toda a traxectoria do pintor. Un xénero que sempre utilizou para avanzar nas súas investigacións formais e técnicas.

Outro dato a destacar é a montaxe da exposición. Nesta ocasión, a sala de exposicións temporais tinguiuse dun azul escuro que aporta certa austeridade á mostra, nun acertado contraste co barroquismo e a profusión de elementos cromáticos e compositivos que caracterizan a obra de Laxeiro.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2018 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo