Laxeiro, debuxos inéditos III

21.07.2005 – 30.10.2005

Sala B. Fundación Laxeiro
Comisario: Javier Pérez Buján

Por primeira vez, pódense ver na Fundación Laxeiro unha escolma de debuxos que nunca antes foran mostrados públicamente, producto do traballo de catalogación que a Fundación está a levar a cabo cara á edición do Catálogo Universal que se editará en 2008. O debuxo é a técnica máis costosa de catalogar, debido á gran producción debuxística de Laxeiro que a meirande parte das veces atópase en mans privadas, sen outra referencia sobre a súa existencia que a vontade dos propietarios actuais de informar á Fundación Laxeiro. Por isto o debuxo ocupará unha parte considerable do Catálogo Universal para o que, a día de hoxe, a Fundación ten catalogadas preto dun milleiro de referencias. Desde aquí facemos un chamamento aos propietarios de pezas de Laxeiro para que se poñan en contacto coa Fundación e poder así ter acceso a este tipo de obras, cara á súa catalogación.

Esta exposición é a terceira achega dunha serie que todolos anos fai fincapé na faceta debuxística, tan importante na obra de Laxeiro. Debuxante compulsivo desde a súa mocidade, nesta mostra pódese apreciar o aspecto procesual do artista, no que certas constantes da súa obra teñen presencia xa en apuntamentos e bosquexos, así como en debuxos rematados.

 

O TRAZO

Así acontece co trazo que quizais é o elemento unificador de toda a mostra. Este elemento  ten na técnica debuxística un protagonismo que axuda a comprender o proceso pictórico do artista. Nesta exposición pódese ver como Laxeiro raramente corrixía unha liña, asumindo as posibles imprecisións do resultado do debuxo, como parte da composición da obra, dotando así ás súas creacións dun gran dinamismo e xestualidade, acorde coas diferentes correntes expresionistas que percorreron o século XX.

 

O RETRATO

Por outra banda nesta exposición queda patente a especial atención que o artista lle prestou ao xénero retratístico, indo máis alá do mero exercicio técnico, para recrearse nas características psicolóxicas do modelo, profundando así nun xénero que conseguíu dominar desde a súa mocidade, cando percorría a bisbarra do Deza como “Barbeiro pintor”.

 

A MATERNIDADE

A Maternidade é tamén un tema recorrente en toda a súa traxectoria e nesta mostra, temos exemplos acertados de apuntamentos e obras finais desta temática, na que frecuentemente adapta a iconografía relixiosa para plasmar a esencia das nais populares galegas.

 

A COMPOSICIÓN

Por último, a composición ten nesta mostra un percorrido interesante que principia con eses retratos lixeiramente desprazados do eixo central, para rematar nas pezas máis informalistas, nas que o horror ao baleiro tan característico do artista, denota un sentido de exceso que no caso de Laxeiro, serviu para expresar máis ca unha opción estética, unha actitude vital.

Esta exposición foi posible grazas á colaboración desinteresada de coleccionistas particulares que tiveron a xenerosidade de prestar obras da súa propiedade de forma desinteresada para que poidan ser coñecidas polo público en xeral.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2018 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo