Laxeiro, cosmoloxías

28.05.2012 – 30.07.2012

Capela de Santa María
Ronda da Muralla s.n. Lugo
24 de maio-20 de xullo
Produce: Deputación de Lugo

Ver imaxes na CRTVG

Tamén podes ver unha reportaxe no Telexornal da CRTVG

Ver obras con ficha completa aquí

A Deputación de Lugo inaugura, na Capela de Santa María, en Lugo, a exposición titulada Laxeiro, cosmoloxías. Un proxecto que por primeira vez reúne un total de vintecatro obras de Laxeiro, correspondentes ao período 1954-1974 a través do que se estrutura un interesante percorrido polos mundos do pintor.

Obras senlleiras deste príodo como O naranxo, Campesiños, A señora Perditil, O profeta, O sabio, A familia Romea, A familia do pintor, O diaño e a flor, Anana pintora, etc. danse cita na Capela de Santa María para convidarnos a facer unha viaxe á personal cosmoloxía de Laxeiro, quizais o artistas máis influínte na pintura galega do século XX, membro do grupod’Os Novos que, coa súa visión anovadora, produciron unha obra nunca antes vista en Galicia, en consonancia co que acontecía no panorama artístico internacional.

As obras, procedentes de coleccións institucionais públicas e privadas, e de coleccionistas particulares, son moi representativas dun período no que, como consecuencia da estadía do artista en Bos Aires, rompe co estilo único, compaxinando rexistros diversos, como a revisión da estética granítica, característica dos anos cincuenta, a apertura ao informalismo e unha interpretación moi persoal da herdanza da pintura xeométrica e o Cubismo. Este é un período no que o artista comeza a bidimensionalizar as formas, construindo composicións dunha xeometría orgánica moi característica, na que a aplicación cromática, sofre tamén unha evolución cara a tons máis luminosos.  É por tanto, unha época na que conecta coa pintura de xesto internacional, a Art Brut de Dubuffet, o grupo CoBrA e a herdanza do expresionismo alemán, sen esquecer a influencia das xeometrías de Torres-García, tan importante na pintura sudamericana destes anos. Mais tamén é un período no que, como consecuencia da ruputura do estilo único, Laxeiro revisa os seus rexistros anteriores, como a estética granítica e o negrismo, que conecta a súa obra coa tradición española de Goya, Gutiérrez Solana ou Saura.

A de Laxeiro é unha pintura antropolóxica, afundida na tradición da nosa cultura tradicional, europea e medievalista, inserta nun contexto atlántico que o pintor expresa mediante a recreación de personaxes, unhas veces imaxinados, outras, extraídos da realidade, pero sempre interpretados desde a súa particular visión do mundo.

Con este proxecto, a Capela de Santa María aposta por unha programación de calidade, que combina propostas da nosa vangarda histórica con proxectos de artistas dagora mesmo, artellando un relato programático no que propón un interesante fío condutor entre o noso pasado máis recente e o noso presente máis de actualidade.

A Fundación Laxeiro, cuxo Director Artístico comisaría esta mostra, entendeu que a proposta debía artellarse a partir de dous eixos fundamentais: seleccionar obras de primeira calidade que foran representativas do período escollido, e artellar con todas elas, un percorrido heteroxéneo pola obra de Laxeiro, co obxecto de ofrecer unha visión o máis completa posible deste período do artista.

podes ver imaxes no informativo da TVG, nos seguintes enlaces:

http://www.crtvg.es/informativos/a-obra-menos-conecida-de-laxeiro-exponse-ata-mediados-de-xullo-en-lugo-342640#.T9WlctV1BMc

http://www.crtvg.es/informativos/a-capela-de-santa-maria-de-lugo-acolle-unha-exposicion-sobre-o-laxeiro-mais-experimental-347150#.UE3Rp43N9qg

http://www.crtvg.es/informativos/o-laxeiro-da-etapa-bonaerense-ata-o-20-de-xullo-na-capela-de-santa-maria-390597#.UE3SeI3N9qg

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo