LA DIVA de PILAR ALONSO

14.06.2012

Presentación do artbook “La Diva” da artista viguesa Pilar Alonso
Martes, 19 de xuño, 20.00h.
Fundación Laxeiro. R/Policarpo Sanz, 15, 3º. Vigo

A artista viguesa Pilar Alonso (1972) remata a súa última serie en torno a La Diva coa edición dun artbook que ordena o relato sobre a depredadora de soños e confirma a importancia da narratividade na súa produción artística.

Proxección do vídeo La Diva. O libro será presentado na Fundación Laxeiro, o vindeiro martes, 19 de xuño ás 20.00h. Na presentación proxectaráse o vídeo do mesmo título, realizado por Oswaldo García e dirixido por Pilar Alonso e despois intervirá a propia artista e o crítico, comisario e historiador Carlos López Bernárdez, quen escribiu un texto para a devandita publicación.

O LIBRO 

Ficha técnica:

Idea orixinal e ilustracións: Pilar Alonso

Textos: Pilar Alonso, Carlos L. Bernárdez, Iria Pinheiro, Alfonso F. Tresguerres; Oswaldo García; David Pérez Álvarez

Fotografías: Quique Touriño; Cecilio Cháves; Iria Pnheiro; Pilar Alonso

Deseño e maquetación: Roi Fernández (Logoferoz.net)

ISBN: 978-84-92428-76-6. Dep. Legal: C704-2012

Medidas: 30 x 24 cm. Encadernación en capa dura, cosida a fío.

Edición: 200 exemplares, dos que 50 están numerados.

Editado por a propia autora nunha serie limitada de 200 unidades, La Diva consta de 156 páxinas ateigadas de debuxos, apuntamentos e reflexións en torno aos que é xa a serie máis complexa da artista. Deseñado por Roi Fernández(logoferoz.net) e con textos de Carlos L. Bernárdez, Alfonso Fernández Tresguerres, Oswaldo García, Iria Pinheiro eDavid Pérez Álvarez, o libro é unha sorte de novela gráfica, de ensaio filosófico. O punto e final para un traballo no que Alonso se move desde a pintura á instalación –da arrogancia da xuventude á conciencia adulta– en máis de doce anos de investigación. A creación do libro terminou sendo unha necesidade, a necesidade de contar o relato, de explicar a historia desta Diva que veu levar consigo a  nosa candidez, explica a artista cuxo traballo adquire con este artbook un carácter fortemente narrativo para beber da cultura audiovisual do guión, a novela gráfica e, finalmente, o vídeo.

E é que La Diva é un libro, unha colección de debuxos, un conxunto de instalacións. Un traballo no que Alonso explora a fin da inocencia e a euforia  coa que botou a andar este universo semántico onde cada peza, cada elemento, ten un significado. Desde os peixes de cores, os soños, que rodeados de nenos, animaron as escenas cromáticas dos primeiros traballos en 2000, o universo artístico de Alonso foi sendo cada vez máis complexo coa aparición dos predadores, primeiro cans anónimos e salvaxes, logo La Diva, máis sofisticada, máis consciente. Unha predadora que, no seu papel de devoradora de soños, convida ao espectador a que se sacudan os veos da mentira e a ilusión. Durante os primeiros tempos deste traballo, os peixes de cores e os nenos tiñan que ver cos soños, coa vida que un espera cando cre que pode acadalo todo. A un ensínanlle que a vida é un camiño, un camiño perfecto onde agarda a túa recompensa. despois, vas madurando e descubrindo que non hai nada lineal, que a vida componse de bos e malos momentos pero que eses peixes de cores son efímeros, apunta.

O PROXECTO

A experiencia persoal e profesional da artista, unidas xa noutras series como Nunca jamás (2007), abórdanse da man deste traballo no que La Diva, como un alter ego, fala inevitablemente da experiencia e a aprendizaxe vital que acompañan á propia artista. Os cans, depredadores de soños que comezaron a aparecer na súa obra alá por 2008, deixan paso a esta mullervítima do seu ego, segundo as palabras de Alonso. Os tres capítulos que conforman o libro percorren o camiño desta diva de sorriso eterno desde o éxtase superficial das primeiras escenas ata a madurez dun final marcado por a execución dos peixes. É, en palabras de Alonso, unha viaxe cara a si mesma, de aceptación desa parte dela que non é brilante nin glamourosa.

A aprendizaxe da decepción como un paso adiante, como un capítulo necesario no facerse adulto, para ser conscente dos tempos e as cousas, perfílase no traballo de Alonso, como o salto fundamental. Nos capítulos seguintes, La Diva deixa de vivir no mundo velado entre peixes de cores para aceptar o desencanto e, máis tarde, armarse de valor para recoñecelo. A xente relaciona o desencanto con algo negativo e eu reivindico, e La Diva é unha forma de facelo, que non é tal. Vendéronnos demasiadas motos, vendéronnos peixes de cores pero ninguén nos adviste de que son mentira, que podemos velos e tocalos pero que a súa beleza só durará un anaco, explica.

Punto e final para a que é, sen dúbida, a serie máis importante da súa carreira artística, o libro de La Diva permite ordenar as pezas, botar luz sobre o proceso creativo inconscente que no fondo subxace sobre todas as cousas: Ese relato non escrito no que te estás contando a ti mesma. Elaborado man a man con Roi Fernández, La Diva conta cos textos do crítico e historiador da arte Carlos L. Bernárdez, do catedrático ovetense Alfonso Fernández Tresguerres, o realizador e profesor da Universidade de Vigo Oswaldo García, da actriz e modelo Iria Pinheiro e do editor e escritor David Pérez Álvarez. Oartbook, é unha edición limitada de 200 exemplares, dos que 50 son unidades numeradas.

A ARTISTA

Pilar Alonso nace en Vigo en 1972, licenciada en Belas Artes por a Universidade de Sevilla, obtén unha bolsa no Paular de Segovia. Anos despois cursa estudos de posgrado becada por a Fundación Pedro Barrié de la Maza na Städelschule de Frankfurt con Per Kirkeby. Ten exposto en galerías e espazos de España e Alemaña como El Castillo de Santa Catalina en Cádiz, el Kunstraum Bethanien de Berlín, a Fundación Novacaixagalicia de Vigo, Galería Benot de Cádiz, a Galería Barbara von Stechow de Frankfurt am Main, o Espazo Nolde de Madrid ou a Galería Ana Vilaseco de A Coruña, entre outros. Tamén desenvolveu proxectos escenográficos co gallo do Concerto Extraordinario do corenta  Aniversario da Fundación Pedro Barrié de la Maza, para o recital de apertura do Seminario The 5th EFC Summer Academy on Philanthropy, levado a cabo por  Cristina Pato e participou na peza Corpos son creación da compañía Experimenta Danza. A súa obra está presente en importantes coleccións como a da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Fundación Novacaixagalicia ou Caja de Segovia.

INICIO DA TEMPADA ESTIVAL NA FUNDACIÓN LAXEIRO

Esta presentación forma parte da programación estival da Fundación Laxeiro que comezou o pasado 24 de maio coa exposición titulada Laxeiro, cosmoloxías, na Capela de Santa María de Lugo, dentro dun programa de colaboración asinado entre a Deputación de Lugo e a Fundación Laxeiro. Coa presentación de La Diva a Fundación Laxeiro inaugura a tempada veraniega na propia sede de Vigo. Unha vez rematadas as actividades escolares, Coñece a Laxeiro, o mércores 13 de xuño, a Fundación Laxeiro prepara a inauguración da súa vindeira exposición temporal. Trátase da segunda achega do programaEntre mares, inaugurado o pasado ano coas exposicións No me escribas, tampoco verte do Castellonense pepebeas na Fundación Laxeiro e a mostra titulada Azul y verde sobre rojo de Mar Vicente (Valadouro, Lugo, 1979) na Galería Collblanc de Castellón, nun contexto de intercambio de artistas atlánticos e artistas mediterráneos que este ano traerá a Vigo o proxecto titulado Días futuros do artista cántabro afincado en Valencia Eduardo Alonso (Santander, 1972) o vindeiro 29 de xuño, e levará a Castellón a exposición titulada Niebla do artista vigués Din Matamoro (Vigo, 1958) que se inaugurará o 14 de xullo. A Fundación Laxeiro continúa ademais co seu programa de voluntariado cultural, en colaboración coa Oficina Municipal de Voluntariado, por medio do que se levan a cabo diferentes actividades de dinamización, como as visitas guiadas á colección permanente, charlas sobre Laxeiro e a arte do século XX na rede de centros de maiores da cidade e visitas a talleres de artistas.

Máis información en: www.pilaralonso.es. Para contactar coa artista: info@pilaralonso.es

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2018 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo