Festival nun local. domingo, 18 de marzo, 12.30h: As historias do Kamishibai. Fundación Laxeiro. entrada libre ata completar aforo

A maxia do Kamishibai, teatro xaponés medieval de papel, chega este domingo, 18 de marzo, á Fundación Laxeiro, da man de Juste Kamishibai, papel e teatro, un espectáculo que combina diversión e pedagoxía, e que atrapa ao público dende o primeiro minuto a través da posta en escena de historias sinxelas que educan en valores. O espectáculo está enmarcado dentro do programa Festival nun local, ao que nesta edición se une a Fundación Laxeiro, albergando o espectáculo titulado As historias do Kamishibai

A cita será o domingo, 18 de marzo, ás 12.30h na Fundación Laxeiro (r/Policarpo Sanz, 15, 3º, en Vigo) onde nenos e maiores poderán gozar dun espectáculo pensado para toda a familia que constará de catro partes:

1.- Xogos de palabras. A interacción coas nenas e nenos do público, marcará o inicio do espectáculo, a partir de enxeñosos xogos de palabras que servirán de material para o desenvolvemento do espectáculo, no que a improvisación será o principal ingrediente.

2.- Teatro de papel. Representación da obra titulada Iván e Katerina na Illa de Avalón, unha historia que narra as aventuras dunha parella circense nunha nave voadora que, despois dunha tormenta, chega a unha illa habitada por uns seres moi especiais, a través dos que coñecerá a importancia da amizade e a confianza nos demais.

3.- Kamishibai. Anancy e o paxaro Flipflap. Esta é unha lenda popular de Ghana, na que un pai é salvado polos seus extraordinarios fillos. Este é un conto no que se descubrirán os superpoderes das fillas e mais dos fillos, fomentando o valor da cooperación e a importancia da familia.

4º) Emaki (pergamiños translúcidos xaponeses). Os Bichos. Esta é unha fábula protagonizada por uns simpáticos bichos na que nos amosa a importancia de divertirse e facer actividades cos amigos, respectando aos demais.

O aforo é limitado por orde de chegada. A apertura de portas será ás 12.15h e o espectáculo comezará ás 12.30h para rematar ás 13.45h

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo