Exposición “Anomia” de Rosa Úbeda. 13 de maio – 10 de xullo de 2016

 

FICHA TÉCNICA:
Título                 Anomia

Artista                Rosa Úbeda

Tipo de obra     pintura

Comisario         Javier Pérez Buján

Inauguración   13 de maio, 2016. 19.00h

Clausura          10 de xullo, 2016

 

Rosa Úbeda (Pontevedra, 1958) presenta na Fundación Laxeiro de Vigo a exposición individual titulada Anomia, un proxecto no que a través dunha selección de obras de diferentes épocas, a artista propón un percorrido pola sintaxe da súa linguaxe pictórica, caracterizada pola mestura de códigos sen máis regras que a súa persoal forma de comunicar. A artista non expoñía en Vigo de forma individual, dende 2005.

O PROXECTO

A exposición articúlase a partir dunha selección de obras de diferentes etapas, nun proxecto comisariado por Javier Pérez Buján, centrado na obra pictórica de gran formato, que pretende dar visibilidade a unha das traxectorias máis sólidas e non o suficientemente reivindicadas, da pintura en Galicia dos últimos quince anos.

Anomia ofrécese ao público cunha intención de liberación das regras que, por unha banda, rexen a nosa vida e por outra, rexen tamén as normas da linguaxe que cimentan as relacións sociais e o ordenamento do mundo. A partir desta ausencia de regras, a exposición vai introducíndonos nunha serie de relatos que falan de cuestións como a identidade, o desexo, o medo e a dificultade de comunicación, coas relacións persoais como fío condutor.

O relato de Rosa Úbeda, ás veces dramático e ás veces divertido, vaise articulando nun continuo que descobre temores e fantasías comúns, tratados dende a estrañeza de quen aborda a problemática da socialización dende o conflito da inevitable interacción co outro e, á vez, da súa necesidade.

A idea de límite é outro fío condutor que nos axudará a entender este traballo, o límite que traza a diferenza entre a comunicación e a incomunicación e que é utilizado tamén na resolución plástica de cada unha das obras que forman a exposición. Rosa Úbeda xustapón linguaxes e técnicas cunha grande eficacia, utilizando masas de cor, textos fragmentados, debuxos sobre papel pegados sobre a superficie pictórica ou realizados directamente sobre manchas de acrílico, nunha interesante tensión entre unha concepción abstracta da composición e a necesidade da utilización de recursos figurativos para compoñer o seu relato.

Con esta complexa sintaxe, Rosa Úbeda ordena un persoal léxico a partir dun aparente caos comunicativo no que, unha vez que entramos nel, todo se nos desvela como facilmente entendible. A composición cromática, por veces rechamante e por veces dunha grande austeridade, funciona perfectamente como soporte para os seus personaxes, debuxados a partir dunha nudez no trazo que reforza esa nudez existencial, esa fraxilidade coa que Rosa presenta ao ser humano, nunha continua contradición (a cálida intensidade do cromatismo e a austeridade do debuxo) que ilustra de forma precisa a contradición entre a prodixiosa existencia do mundo e a incerteza do noso destino.

Anomia é por tanto, un paradoxo co que, de forma irónica, Rosa Úbeda xoga co espectador, ofrecéndolle un aparente caos estético e comunicativo que, despois da experiencia da observación, resulta lexible e ordenado e, por tanto, inevitablemente familiar.

A OBRA

Se quixéramos falar de estilo encadraríamos o traballo de Rosa Úbeda nesa tradición da pintura de xesto que ven percorrendo toda a historia da pintura contemporánea en paralelo con esa outra liña da pintura analítica.

Rosa Úbeda e unha innegable herdeira do expresionismo e tódalas súas actualizacións que teñen en nomes como Twonbly, Dubuffet, Asger Jorn, Karel Appel, Lee Krasner, Antonio Saura, A.R. Penck ou Basquiat (por citar só algúns exemplos) esa liña de continuidade, representada en Galicia polo Laxeiro informalista, Alberto Datas, Rafael Baixeras ou as primeiras manifestacións do grupo Atlántica. Mais Rosa, tamén ten, na súa compoñente narrativa, unha evidente débeda con nomes como Marc Chagall, Giacometti, Egon Sheele, Louise Bourgeois, Marc Rothko ou Frida Kalho, artistas aos que lle une unha visión da problemática humana e a complexidade da existencia.

Esta combinación de presentación e representación confire ao traballo de Rosa Úbeda unha riqueza expresiva que é consecuencia dun profundo coñecemento das diferentes técnicas pictóricas e unha análise profunda da forma de mirar da cultura occidental, utilizando retóricas pertencentes á historia da pintura occidental que ela deconstrúe nun proceso de condensación e xustaposición de códigos que, progresivamente vai simplificando, ata chegar a esa linguaxe tan persoal que define a súa pintura.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo