Entre mares II, Vigo: Días futuros de Eduardo Alonso


25.06.2012 – 30.09.2012

Título: Días futuros
Artista: Eduardo Alonso
Comisario: Javier Pérez Buján
Inauguración: Venres, 29 de xuño ás 20.00h.
Lugar: Sala B. Fundación Laxeiro
II Edición do proxecto Entre Mares, Coproducido con Collblanc, Espai d’art. Financiado por Ministerio de Cultura

 logo ministerio

Por primeira vez en Galicia, O artista cántabro afincado en Valladolid, mostra o seu traballo en forma de exposición individual, dentro do programa Entre mares que posibilita o intercambio entre artistas atlánticos e mediterráneos, en virtude dun acordo de colaboración levado a cabo entre a Fundación Laxeiro de Vigo e Collblan, Espai d’art de Castelló.

 

O PROXECTO

Co título Días futuros o artista Eduardo Alonso (Santander, 1972) irrompe no panorama expositivo galego cunha proposta multidisciplinar que atopa na arquitectura utópica a súa forma de expresión.

A exposición, estrcuturada a partir de numerosos elementos tridimensionais que para o autor, máis que esculturas, deben ser entendidas como maquetas, mostra unha paisaxe urbá na que a soidade, a incomunicación e o illamento, son as características dominantes dun futuro posible que, sen dúbida, funciona como un pesadelo, unha distopía que atopa as súas correspondencias literarias en obras como Un mundo feliz (1932) de Aldous Huxley ou 1984 (1949) de George Orwell. Días futuros é o resultado dun proceso de traballo, que comeza no ano 2006 e materialízase en feiras como:: Art Madrid, Arte Santander, Espacio Atlántico, Valencia Art ou  Arte Salamanca.

Agora o proxecto chega a Galicia, á sede da Fundación Laxeiro, dentro da II Edición do proxecto Entre mares que o ano pasado trouxo, na súa primeira edición, a exposición titulada No me escribas, tampoco verte, do artista Pepe Beas.

Con este proxecto, Eduardo Alonso utiliza as técnicas do maquetismo ao servizo da expresión artística, nun contexto de multidisciplinaridad que bebe das artes narrativas, a arquitectura e a tradición minimalista na que a pegada manual do artista queda anulada e a interrelación co espazo expositivo é un factor clave á hora de mostrar o traballo.

Seguindo estas premisas, Eduardo Alonso recrea na sala da Fundación Laxeiro, un espazo branco, sen referencias xeográficas, unha cartografía imposible que é intervida coas súas maquetas, brancas e vermellas, dunha factura limpa que suxire un silencio, non só visual, senón tamén vivencial. Un espazo habitado por seres solitarios, perfecamente integrados nese mundo distópico, ese non lugar que conforma unha cidade do futuro perfectamente funcional pero desposuída do ruído, entendido este como a infinidade de elementos continxentes do cotiá, provocados pola convivencia e a comunicación interpersoal, elementos definitorios da polis que Eduardo Alonso elimina, para recrear un mundo no que o azar non ten cabida.

Os seus personaxes habitantes deses Días futuros que el bautiza como El extraño, encarna ao home alienado (Marx) e unidimensional (Marcuse) que para Eduardo Alonso sería o habitante perfecto desa distopía, auténtico futuro posible cara ao que pode estar a camiñar a nosa sociedade, inmersa nunha espiral de produtividade económica na que a condición humana do individuo ten cada vez menos importancia.

Formalmente, a obra de Eduardo Alonso móvese entre a pintura, a escultura e a instalación. Elementos todos eles postos ao servizo dun relato que, como neste caso, frecuentemente atopa no fatalismo futurista o seu lugar narrativo, introducíndonos de modo sutil (polo atractivo visual das súas pezas) nun mundo terrible que el propón como un futurible que estamos chamados a evitar.

 

O ARTISTA

Procedente da pintura, Eduardo Alonso non tardou en comprender que para satisfacer as súas necesidades como creador, debía pasar ás tres dimensións e é así, como desde hai máis de dez anos, combina no seu traballo linguaxes, técnicas e soportes a través dos que rompe coa súa condición de pintor, para mudar nun artista transversal, cunha obra que leva unha forte carga narrativa na que proxecta as súas preocupacións ideolóxicas.

Desde 1997 leva expoñendo en diversos espazos e galerías do territorio español como Avilés, Barcelona, Bilbao, Castelló, Madrid, Valencia e Valladolid entre outros. Mereceu premios en diversos certámes como Certamen de Jóvenes Autores. Junta de Castilla y León en 1993 e 1994; Primer Premio, Certamen de Dibujo, Ciudad de Palencia en 1994; Primer Premio de Diseño del Ayuntamiento de Madrid para Jóvenes Autores en 1996; Primer Premio de Acuarela Certamen de Pintura San Pedro Regalado, de Valladolid en 1997 e Premio de Adquisición, Certáme de Pintura de Lalín, Pontevedra, en 1999; Medalla de bronce Bienal de Sama de Langreo e Premio de adquisición Cajastur en 1999; Mención adquisición XXIII Certamen de Artes Plásticas de Ciudad Rodrigo, 2007; Trofeo IV Encuentro De Puerta en Puerta Villafranca de los Caballeros, 2007; Accesit de Grabado en el Certamen de Artes Plásticas Ciudad de Granada, 2007 e Obra premiada na feira Estampa cunha beca da Fundación CIEC, 2008.

Ten obra en Colección Cajastur; Colección Caja Ávila; Comunidad de Madrid; Junta de Castilla y León; Ayuntamiento de Valladolid; Diputación de Valladolid; Ayuntamiento de Palencia; Ayuntamiento de Granada e diversas coleccións particulares.

 

ENTRE MARES, II EDICIÓN 

O proxecto Entre mares nace dun acordo entre a Fundación Laxeiro en Vigo e Collblanc, espai d’art, en Castelló, co obxectivo de realizar intercambios de artsitas que traballan no ámbito mediterráneo e o ámbito atlántico, propiciando a mobilidade entre artistas e así, a visibilización do seu traballo fóra da comunidade autónoma na que son máis coñecidos.

Se na súa primeira edición o proxecto contou cos artistas Pepe Beas e Mar Vicente, este ano, ademais da exposición deEduardo Alonso na Fundación Laxeiro, o proxecto complétase coa exposición titulada Néboa, do galego Din Matamoro, que se inaugurará o vindeiro 14 de xullo en Collblanc.

Niebla profunda na investigación sobre a percepción da cor e a luz que o artista galego leva estudando nas dúas últimas décadas, producindo unha obra que, na súa vertente pictórica, alcanza os límites do inmaterial, e introdúcese, tamén nos límites da percepción cromática do ollo humano, conseguindo uns resultados que sorprenden pola súa aparente simplicidade e a experiencia de adecuación do noso aparello visual ao

observado, de tal forma que cando nos situamos diante dun dos cadros de Din Matamoro, o que nun primeiro momento parece un monocromo, comeza a descubrirnos un repertorio de cores que se comportan como a luz, cando miramos fixamente a unha fonte lumínica.

 

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo