En tránsito, María Galán

Titulo: En tránsito

Artista: María Galán

Comisario: Javier Pérez Buján

Inauguración: venres, 30 de xaneiro, 20.00h.

Período: 30 de xaneiro-5 de abril

escoitar entrevista no diario cultural da Radio Galega, minuto 16.24

Ver reportaxe no Zigzag diario da Televisión de Galicia.

 En tránsito, é un proxecto de María Galán (Vigo, 1990) consistente en 80 pinturas que recrean numerosas paisaxes captadas en movemento, durante diversas viaxes que a artista foi realizando ao longo dos últimos anos. María Galán concibe En tránsito como un proxecto en progreso, inacabado, que se irá completando ao longo de viaxes futuras. Un proxecto que, como o título indica, está en pleno tránsito, igual que as paisaxes que capta nas súas obras.

O PROXECTO

En tránsito recupera o valor do tempo de desprazamento entre o lugar de orixe e o lugar de destino, esa parte da viaxe que se foi perdendo cos avances técnicos que posibilitaron a aviación civil e o tren de alta velocidade, mediante os que ese tránsito se minimiza, non só temporalmente, senón tamén como experiencia.

Podemos entender En tránsito como unha reivindicación desa parte da viaxe, ese pracer do tempo de desprazamento que vai conformando a propia experiencia do viaxeiro e que, en moitos casos, vai cambiando o propio sentido da viaxe. Abundante é a literatura e o cinema de viaxes que tratan da experiencia do itinerario como metáfora dunha viaxe interior. As manifestacións plásticas desta tradición –sobre todo a partir do romanticismo- adoitan captar a anécdota, en forma de situacións e personaxes exóticos que ilustran as causas dese cambio interior.

María Galán fai o contrario, pinta paisaxes sen figuras, sen personaxes e sen anécdotas, paisaxes baleiras e infinitas, cortadas pola liña do horizonte e acoutadas polos extremos do cadro que funciona como unha fiestra (a fiestra do vehículo). Paisaxes ermas, sen acubillo que a artista capta dende o movemento das súas viaxes en coche ou en tren, convertidas na fixación de lugares nos que nunca se deterá, lugares de paso que quedan gravados na súa memoria, inmortalizados pola cámara fotográfica para logo ser transferidos á linguaxe pictórica, nunha evocación melancólica que os sitúan máis no territorio da imaxinación que da realidade, malia que todas as imaxes están baseadas en paisaxes reais.

Hai neste traballo un proceso de desprazamento que vai da obxectividade da paisaxe existente, documentada fotograficamente, á reinterpretación da imaxe mediante a pintura que adquire unha connotación subxectiva, produto da relación entre cada paisaxe pintada e a vivencia concreta á que cada imaxe remite.

Dende un punto de vista compositivo, tódalas obras que conforman o proxecto teñen certas similitudes que unifican a variedade de motivos recreados nelas, así ademais de estar todas pintadas coa mesma técnica (acrílico e lapis sobre taboleiro de DM) e ter aproximadamente as mesmas medidas, todas están divididas por unha liña horizontal que organiza a imaxe en dúas áreas cromáticas diferentes, segundo a composición básica do xénero paisaxístico da división da imaxe nunha parte superior e outra inferior, é dicir, dividendo a imaxe en ceo e terra. Este esquema tan básico e tan interiorizado na nosa mirada, confire á obra unha certa serenidade, produto da prevalencia da horizontalidade fronte á verticalidade, a partir da que, de forma automática, o espectador tende a interpretar o motivo como unha paisaxe. Mais esa serenidade vese interrompida pola ausencia de personaxes, introducindo así un certo desacougo en cada imaxe, un desacougo que parece ir en aumento, ao mostrar un mundo baleiro no que a soidade parece ser a protagonista definitiva.

En tránsito convértese deste xeito na metáfora dunha maneira de estar no mundo, na obxectivación do sentimento de soidade que define o estado anímico de María Galán, como expresión desa busca continua dunha forma de pintar, dun proceso de aprendizaxe e dunha viaxe interior que non é outra cousa que o proceso de evolución persoal da artista que, entre outras cousas, a leva a viaxar con frecuencia, como parte  do seu desenvolvemento artístico e vital, nun tránsito continuo no que os lugares de partida e chegada parecen carecer de importancia. É deste xeito como o tránsito, o propio desprazamento é en realidade a finalidade mesma da viaxe.

A MONTAXE

O proxecto resólvese nunha montaxe na que é moi importante o concepto de secuencia. As obras preséntanse colgadas nas paredes da sala sen solución de continuidade, conformando frisos en cada pano expositivo, nos que se poden ver as distintas imaxes que conforman a exposición, a modo de viñetas ou ventás, conseguindo así unha correspondencia entre a forma de presentar as obras e a temática implícita nas mesmas, que non é outra que a paisaxe recreada dende un punto en movemento. Configúrase así un espazo homoxéneo, no que o ritmo de observación ven imposto pola disposición das obras en forma de secuencia, obviando outros recursos expositivos máis convencionais como a sucesión de obras e espazos baleiros, ou a concentración de obras en grupos, alternadas por espazos baleiros,  propios da retórica expositiva de obra pictórica.

A ARTISTA

María Galán é unha novísima artista viguesa, licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, sen apenas experiencia expositiva se exceptuamos a individual realizada en 2014 en Espazo en branco, de Santiago de Compostela, na que xa mostrou parte da obra que agora expón na Fundación Laxeiro, e a súa participación nalgunha exposición colectiva. As súas preocupacións inscríbense dentro da pintura figurativa e a tensión que esta xera entre realidade e ficción. A cuestión da mímese que implica todo exercicio de representación, sexa este plástico, cinematográfico ou literario, e o status de ficción resultante da representación, é a preocupación principal ao redor da que xira todo o seu traballo. Referencias literarias como El mapa y el territorio de Michel Houellebecq ou El hacedor, de Jorge Luis Borges, marcan o seu camiño a seguir na elección temática da súa obra.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2017 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo