En efectivo. Amaya González Reyes

12.05.2006 – 17.09.2006

Sala B.
Comisario: Javier Pérez Buján
Proxecto gañador das Bolsas Fundación Laxeiro á creación artística, 2005

 

En efectivo, lonxe de ser unha sisuda reflexión sobre o poder do diñeiro, propón máis ben unha mirada lúdica deste, mediante a substitución do seu valor de cambio por un valor de uso que lle permite relativizar a súa gran potencia simbólica.

Partindo desta premisa, En efectivo componse de diferentes elementos que conforman un todo, pero que tamén teñen entidade como pezas independentes. A través da fotografía, o vídeo e ainstalación, a artista implica ó espectador nun contorno á vez insólito e próximo, provocado por unha utilización inusual dun material tan familiar como é o diñeiro.

Na parte máis obxectual da mostra, podemos ver cinco fotografías, cuio motivo está fomado por grupos de billetes, dos que desenvolve as súas posibilidades plásticas através das texturas, o cromatismo e a composición, conseguindo resultados de grande interese visual que o título de cada peza (o importe exacto dos billetes que conforman cada fotografía) se encarga de contextualizar.

Destaca un vídeo que tamén incide na recreación estética do diñeiro, neste caso, utilizando  monedas de 10 céntimos que conforman unha secuencia en un plano frontal fixo, no que se ve unha serie de columnas de monedas, dispostas en paralelo, ocupando todo o campo visual e que, pouco a pouco, se irán desordenando, pasando por diferentes estadios de composición xeométrica, para rematar nun caos de apariencia orgánica. Presentado nunha pantalla plana de 42 pulgadas, colgada nunha parede de 7 metros por 3 de alto, esta obra adquiere un protagonismo considerable, partindo dunha total austeridade formal.

Podemos falar dunha segunda parte, centrada máis na acción e a participación do espectador, que no obxecto. Así, podemos ver outro vídeo, proxectado nunha pequena pantalla, moi cerca do chan, que rexistra unha acción realizada específicamente para este proxecto. A acción consistíu na venda de diñeiro a cambio de obxectos, nun mercadiño ó aire libre. A interacción provocada coa xente da rúa, vai conformando de xeito espontáneo e impevisible, unha narratividade moi cercana ó xénero documental, ó que se achega tamén no tratamento formal. Esta peza preséntase acompañada de obxectos reais que formaron parte da escea, como testimuñas físicas que priman a importancia da acción sobre o seu rexistro videográfico, razón pola que se proxecta a un tamaño reducido e esquinado, cerca do chan, quedando dimensionado nunha relación de cercanía co espectador.

A participación do público faise moito máis directa cando nos atopamos cunha furna de cristal, do tamaño exacto dun billete de 500 euros cunha fenda lateral, acompañada dunha inscripción na que se invita ó espectador a contribuir ó mantenemento do mundo da arte cunha doazón económica. Unha pequena ironía sobre a precariedade na que a maioría dos artistas e institucións culturais teñen que traballar neste país que sen embargo, persegue un fin moito máis lúdico, a composición dunha imaxe cromática formada polos cantos dos billetes no interior da furna, é dicir, a confección dunha obra ¿escultórica? en proceso (contando coa participación do público) que non estará rematada ata a clausura da mostra.

Se ben esta exposición, pola súa temática, pode remitirnos a outros artistas que utilizaron o diñeiro como materia prima (lembremos a acción de Yves Klein tirando ao río a metade do pan de ouro que cobraba pola súa obra, mentres o comprador queimaba a súa chequeira na beira do Sena en 1962; Andy Warhol e as súas serigrafías, co símbolo do dólar americano ou, a partir dos anos oitenta, toda a obra do controvertido J. S. G. Boggs, que leva máis de dúas décadas debuxando billetes para cambialos, o que lle custou varios desgustos coa xustiza e, actualmente, o artista portugués, Nuno Ramalho, de quen puidemos ver na última edición de ARCO a súa bolboreta con ás feitas con billetes ou o brasileiro Cildo Meireles que, en 1978, edita a serigrafía titulada Zero dollar e Jac Leirner, quen atopa no papel moeda un material con múltiples posibilidades plásticas), non debemos deixarnos enganar polas aparencias. Malia a súa mocidade, Amaya realizou varios proxectos que priman o carácter relacional do traballo artístico, independentemente do motivo escollido para levalo a cabo, neste caso o diñeiro, pola orixe desta exposición: a convocatoria dunha bolsa con dotación económica.

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Amaya González Reyes desenvolve un traballo que claramente se sitúa nos parámetros do efémero, do xesto, co que pretende activar resortes que provoquen cambios no pensamento do observador, buscando a comunicación como fin principal, independentemente da natureza da obra e, por suposto, do obxecto artístico que pasa a un segundo plano, sempre subordinado ao resultado final. Quizais por esta busca de inmediatez, escapa de montaxes espectaculares e de presentacións demasiado elaboradas. Interésalle deixar pistas sobre o proceso, integrar na obra posibles imperfeccións técnicas, produto dunha economía de medios que adopta como fórmula de traballo, o que, na súa produción audiovisual, a adoita levar a prescindir da fase de edición, preferindo mostrar as súas creacións tal como foron gravadas e achegando, deste xeito, elementos de proximidade e complicidade co espectador, ao que converte en parte do xogo que para ela é o traballo artístico.

Así, dentro do proxecto colectivo que, co título Eu museo, puido verse en MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), Amaya decidiuse a coleccionar coleccionistas, realizando un exhaustivo catálogo de persoas unidas por esta afección. Recentemente, participou en Pilot: II international art forum,de Londres, cunha peza de vídeo que reunía as súas principais constantes creativas, como son a inmediatez, a gravación en tempo real e a economía de medios e, en 2003, foi seleccionada no III Premio Auditorio de Galicia cunha peza de vídeo, na que rexistraba o proceso de pintado dun mesmo motivo por persoas diferentes, coa única vía de comunicación do trazado do debuxo sobre as costas de cada unha delas, invitando a unha reflexión sobre a percepción, a interpretación e a subxectividade.

A obra de Amaya González Reyes nace dun cuestionamento da nosa relación convencional coas cousas cotiás, propoñendo novas interpretacións, mediante un tratamento instrumental da obra de arte como ferramenta de xogo.

Por todo isto, podemos encadrar o seu traballo na tradición da arte neoconceptual que recupera o valor do pensamento fronte ao do obxecto. Unha corrente na que o artista adoita traballar con diferentes soportes segundo as necesidades de cada proxecto, nunha busca permanente de complicidade, reivindicando para a arte unha función que vai más alá da enunciación, para instalarse na interrogación que apela ao espectador para completar a obra.

O fío condutor desta actitude, herdeira de certos postulados do movemento Dadá, poderiamos inicialo no traballo do italiano P. Manzzoni e os norteamericanos Dennis Oppenheim e Vito Acconci, o suízo Roman Signer e, máis recentemente, o austríaco Erwin Wurm, o mexicano Gabriel Orozco ou o brasileiro Cildo Meireles (quen tamén traballou con diñeiro nalgunha ocasión). Todos eles autores que cuestionan as convencións mediante a introdución de cambios nas regras do xogo social e artístico, dirixidos a abrir novas formas de relación co mundo, mediante unha arte de acción directa e desdramatizada.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2018 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo