DEBUXOS INEDITOS VI. ANATOMIAS

15.02.2008 – 04.05.2008

Unha achega máis de dibuxos inéditos de laxeiro unidos polo estudo do corpo humano

A Fundación Laxeiro dedica esta sexta achega da serie “Debuxos inéditos” a un aspecto do debuxo laxeiriano que desenvolveu abondosamente desde o inicio da súa carreira, a anatomía.

Tres son as referencias utilizadas polo Mestre. Por unha banda, o estudo anatómico naturalista, froito da súa estadía na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid no período 1931-1933 que lle aportou un coñecemento exhaustivo do corpo humano. Por outra banda, a iconografía da escultura románica e barroca, tan abondosa nas igrexas da Galicia rural que Laxeiro interiorizou desde a súa nenez e que contribuiu en boa medida a unha estética corporal inconfundible e, por último, a súa experiencia visual do que o rodeaba, os paisanos e paisanas da Galicia rural e a xente da cidade, cada un cunha linguaxe corporal propia, producto das súas respectivas actividades.

Estes tres factores van conformando un universo propio na anatomía laxeiriana que se caracteriza por unha naturalidade excepcional na expresión corporal dos seus debuxos, producto dun coñecemento profundo da acción da gravidade en cada un dos músculos do corpo.

Picasso é o fío conductor de todo este itinerario. O Picasso neoclásico do primeiro tercio do século XX que idealizaba o corpo feminino; ou o Picasso máis informalista, que soubo reinterpretar os achádegos do cubismo en clave orgánica e xestual, abrindo novas formas de ver que Laxeiro interiorizou desde a súa visión persoal do xesto e das proporcións.

Esta mostra é por tanto un primeiro achegamento ao mundo da anatomía laxeiriana. Un achegamento, como sempre acontece na serie “Debuxos inéditos” desde a intimidade do estudo, do traballo en proceso, do ensaio – erro a partir do cal se explicita unha forma de pensamento práctico que atopa no debuxo a súa expresión máis xenuina.

A exposición está composta por 22 pezas que van do ano 1931 (do que datan dous interesantísimos debuxos académicos da súa estancia na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid) ao ano 1980. pasando polos anos corenta, con exemplos de espidos femininos e a súa entrada en linguaxes informalistas a partir da súa viaxe a Bos Aires en 1951. A mostra poderá visitarse ata o 4 de maio.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo