09.09.2008 – 12.01.2009
Parlamento de Galicia.
Artistas: Laxeiro, Colmeiro, Seoane, Torres, M. Granell, J. Minguillón, X. Ledo, C. Maside, I. Díaz Pardo, Lugrís
Patrocinan: Parlamento de Galicia, Concellería de Cultura de Vigo
Colabora: Industrias Proa
Un percorrido pola arte galega no Vigo e na Galiza da posguerra con Laxeiro como guieiro.
O martes, 9 de setembro, ás 20.00h, no Parlamento de Galicia, a Fundación Laxeiro inaugura a mostra De Vigo e Bos Aires, Laxeiro e a pintura galega da posguerra, un percorrido pola arte e cultura da Galiza desde finais da Guerra Civil até comezos da década dos cincuenta.
A mostra pretende un achegamento ao período inmediatamente posterior á Guerra Civil, un momento escuro e difícil para a cultura e arte galegas pero no que a creatividade non está ausente. Realízase unha aproximación a produción artística da posguerra, en Galiza e moi especialmente en Vigo, partindo das variadas preocupacións temáticas e formais que se poden percibir nos diferentes pintores, que son por unha banda continuación dos intereses estéticos nos que se movían os autores antes da guerra e produto do influxo da nova realidade artística e vital na que se moven na Galiza dos anos corenta e cincuenta. Para o argumento cóntase cos artistas plásticos máis relevantes que desenvolveron a súa obra en Galiza e en particular en Vigo, xogando na mostra Laxeiro un papel central, vertebrador das diferentes seccións. A el súmanse nomes tan notábeis da nosa plástica como Carlos Maside, Urbano Lugrís, Julia Minguillón, Mario Granell, Isaac Díaz Pardo, Manuel Torres e Xohán Ledo. De xeito referencial aparece a obra de autores que traballan no exilio ou que proceden del, como Manuel Colmeiro e Luís Seoane, este último nesta altura en América, xogando o papel de elo de relación entre a cultura galega do interior e o exilio.
A traxectoria vital de Laxeiro nestes anos sérvenos para ligar a arte que se fai en Galiza co importantísimo núcleo intelectual exiliado en América, nomeadamente na Arxentina. A exposición de Artistas gallegos, organizada polo Centro Gallego de Bos Aires en 1951, decisiva na traxectoria vital e artística de Laxeiro, ocupan un papel esencial no argumento expositivo xa que a partir desta data o pintor de Lalín pasa a residir na capital arxentina. Este momento supuxo un auténtico punto de inflexión na obra do artista, dando comezo a unha nova etapa. Laxeiro, a partir de 1952 vai moverse nun ambiente cosmopolita e ao tempo ligado á cultura galega do exilio e a emigración, aberto a todo tipo de influencias e contactos, mais cunha fidelidade intensa aos temas de tradición galega. O seuAutorretrato (1952), unha obra principiada en Galiza dentro da estética do granito e rematada en Bos Aires nun xestualismo que conecta coas correntes internacionais da abstracción informalista, representa á perfección este momento.
ESTRUCTURA
No ámbito expositivo De Vigo e Bos Aires, Laxeiro e a pintura galega da posguerraorganízase atendendo a un criterio mixto: temático e estilístico, abranguendo cinco grandes centros focalizadores:
“Continuidade e renovación”, apartado que amosa as obras dos nosos artistas no contexto da evolución do Movemento Renovador da Arte Galega da preguerra e a súa evolución posterior. Obras como o Trasmundo de Laxeiro póñense en diálogo con pezas representativas de Colmeiro, Luís Seoane ou Torres.
“O retrato”, entendido como mostra de análise estética mais tamén como medio de vida –retrato burgués- en tempos de precariedade. Os retratos de Lxeiro conviven con representativas mostras de Maside, Díaz Pardo ou Julia Minguillón.
“O mundo intelectual”, que presenta as conexións entre os diferentes ámbitos intelectuais e artísticos, co seu reflexo plástico. Un mundo que comeza a manifestar sinais de vitalidade desde 1950, cando se funda en Vigo a editorial Galaxia. As obras de Laxeiro son acompañadas por pinturas de J. Minguillón e Xohan Ledo, destacando o Retrato dos fundadores de Galaxia deste último.
“A paisaxe, a cidade e o seu pulo industrial”, con obras que captan a ollada dos creadores sobre o Vigo dos anos corenta e cincuenta, no que desenvolven o seu traballo os artistas, na que se amosan exemplos da relación arte-vida e da ollada artística sobre a realidade económica e industrial en plena actividade. Un Laxeiro descoñecido para o público, autor de peza de temática urbá, industrial e mariña, convive co paisaxismo máxico de Urbano Lugrís e as obras de Maside e Xohán Ledo.
“Artistas galegos en Bos Aires”, en relación cos apartados anteriores e como colofón, dedicarase unha sección á mostra de artistas galegos de 1951 polo que supón na historia da arte galega e na de Laxeiro en particular. Presenta obras ligadas á mostra de Bos Aires con pinturas de Laxeiro, Díaz Pardo, Maside e J. Minguillón.
A mostra ven de ser exhibida na Casa das artes de Vigo, onde despertou unha grande curiosidade por contar un período da nosa historia pouco coñecido a amosar ademáis oubras inéditas dalgún dos artistas representados.
PROCEDENCIA DAS OBRAS
É salientable a inestimable colaboración de institucións privadas e públicas, así como de Coleccionistas particulares que cederon as obras para este proxecto. Unha colaboración sin a que non tería sido posible levalo adiante. As entidades prestadoras son:
- Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte, Museo Massó de Bueu, Pontevedra
- Concello de Vigo, Museo Quiñones de León, Vigo
- Colección Caixanova, Vigo
- Fundación Caixa Galicia, A Coruña
- Fundación María José Jove, A Coruña
- Biblioteca Francisco Fernández del Riego, Vigo
- Museo de arte contemporánea Carlos Maside. Sada, A Coruña
- Editorial Galaxia
- Galería Montenegro
- Coleccionistas privados
CATÁLOGO
Con motivo da mostra, a Fundación editou un coidado catálogo no que se analizará este período da nosa cultura e a nosa arte, cun interesante texto do comisario, no que pon en relación o contexto histórico local, co panorama internacional e as relacións entre os artitas e intelectuais galegos das dúas bandas do Atlántico. (Pódese consultar as características do catálogo no apartado “publicacións” desta páxina web.
O Comisario
Carlos López Bernárdez(Vigo, 1958) é licenciado en Historia da Arte e profesor de Lingua e Literatura Galegas.
López Bernárdez é coautor do volume Literatura galega, século XX, e da edición de Fírgoas de ManuelLuís Acuña e da Obra Dramática de Ramón Cabanillas. Tamén deu ao prelo estudos dedicados a escritores como Rafael Dieste ou Eduardo Blanco-Amor, e editou a Poesía galega de Lorenzo Varela.Da sua autoría son tamén De catro a catro de Manuel Antonio; Cincuenta anos de poesía galega; A emoción da terra, poesía de Vicente Risco; Lorenzo Varela, vida eobra; e Lorenzo Varela, biografía e antoloxía. Como comisario, destaca o seu traballo na exposición Diáspora, dez artistas galegos no Exilio. MARCO, Museo de arte contemporánea de Vigo e actualmente atópase preparando unha retrospectiva de Sobrino para Caixanova. É Director do suplemento cultural do Faro de Vigo, Faro da Cultura
PROGRAMACIÓN ESTIVAL DA FUNDACIÓN LAXEIRO
Esta mostra ven completar a oferta expositiva estival da Fundación Laxeiro, sumandose ás exposcións: “O Laxeiro informalista na Colección Alcalde-Varela” que se pode ver no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, ata o 31 de agosto, a exposición “Full View” de Belén Uriel, gañadora da pasada edición das “Bolsas Feima-Fundación Laxeiro á creación artística” (que está a batir records de asistencia) que se pode visitar na Sala B da Fundación Laxeiro ata o 7 de setembro, e a “Colección permanente”, na Sala A da Fundación Laxeiro.
Esta programación continuará en outono coa mostra titulada “Laxeiro ilustrador”, comisariada por Daniel Buján na Sala B. Da Fundación Laxeiro; unha interesante exposición sobre os inicios de Laxeiro, comisariada por Carlos Valle no Museo de Pontevedra, titulada “O primeiro Laxeiro” que se completará cun ciclo de conferencias que abordarán o contexto cultural e histórico da Galicia do primeiro tercio do século XX, na que se producíu o fenómeno da renovación da pintura galega.
O ano do Centenario se pechará coa mostra titulada “O Laxeiro descoñecido nas coleccións privadas”,que se poderá ver na sede da Fundación Laxeiro a finais de ano e a publicación do Catálogo Universal Razoado que, en tres volumes, recollerá máis de 2.000 referencias do artista.
ver vídeo: