De Vigo a Bos Aires, Laxeiro e a pintura galega de posguerra

31.07.2008 – 31.08.2008

Artistas: Laxeiro, Colmeiro, Seoane, Torres, M. Granell, J. Minguillón, X. Ledo, C. Maside, I. Díaz Pardo, Lugrís
Comisario: Carlos L. Bernárdez
Patrocinan: Parlamento de Galicia, Concellería de Cultura de Vigo
Colabora: Industrias Proa

Un percorrido pola arte galega no Vigo e na Galiza da posguerra con Laxeiro como guieiro.

O pasado xoves 31 de xullo,  a Fundación Laxeiro inaugura a mostra De Vigo e Bos Aires, Laxeiro e a pintura galega da posguerra, un percorrido pola arte e cultura da Galiza desde finais da Guerra Civil até comezos da década dos cincuenta.

ARGUMENTO

A mostra pretende un achegamento ao período inmediatamente posterior á Guerra Civil, un momento escuro e difícil para a cultura e arte galegas pero no que a creatividade non está ausente. Realízase unha aproximación a  produción artística da posguerra, en Galiza e moi especialmente en Vigo, partindo das variadas preocupacións temáticas e formais que se poden percibir nos diferentes pintores, que son por unha banda continuación  dos intereses estéticos nos que se movían os autores antes da guerra e produto do influxo da nova realidade artística e vital na que se moven na Galiza dos anos corenta e cincuenta. Para o argumento cóntase cos artistas plásticos máis relevantes que desenvolveron a súa obra en Galiza e en particular en Vigo, xogando na mostra Laxeiro un papel central, vertebrador das diferentes seccións. A el súmanse nomes tan notábeis da nosa plástica como Carlos Maside, Urbano Lugrís, Julia Minguillón, Mario Granell, Isaac Díaz Pardo, Manuel Torres e Xohán Ledo. De xeito referencial aparece a obra de autores que traballan no exilio ou que proceden del, como Manuel Colmeiro e Luís Seoane, este último nesta altura en América, xogando o papel de elo de relación entre a cultura galega do interior e o exilio.

A traxectoria vital de Laxeiro nestes anos sérvenos para ligar a arte que se fai en Galiza co importantísimo núcleo intelectual exiliado en América, nomeadamente na Arxentina. A exposición de Artistas gallegos, organizada polo Centro Gallego de Bos Aires en 1951, decisiva na traxectoria vital e artística de Laxeiro, ocupan un papel esencial no argumento expositivo xa que a partir desta data o pintor de Lalín pasa a residir na capital arxentina. Este momento supuxo un auténtico punto de inflexión na obra do artista, dando comezo a unha nova etapa. Laxeiro, a partir de 1952 vai moverse nun ambiente cosmopolita e ao tempo ligado á cultura galega do exilio e a emigración, aberto a todo tipo de influencias e contactos, mais cunha fidelidade intensa aos temas de tradición galega. O seuAutorretrato (1952), unha obra principiada en Galiza dentro da estética do granito e rematada en Bos Aires nun xestualismo que conecta coas correntes internacionais da abstracción informalista, representa á perfección este momento.

ESTRUCTURA

No ámbito expositivo De Vigo e Bos Aires, Laxeiro e a pintura galega da posguerraorganízase atendendo a un criterio mixto: temático e estilístico, abranguendo cinco grandes centros focalizadores:

a-       “Continuidade e renovación”, apartado que amosa as obras dos nosos artistas no contexto da evolución do Movemento Renovador da Arte Galega da preguerra e a súa evolución posterior. Obras como o Trasmundo de Laxeiro póñense en diálogo con pezas representativas de Colmeiro, Luís Seoane ou Torres.

b-       “O retrato”, entendido como mostra de análise estética mais tamén como medio de vida –retrato burgués- en tempos de precariedade. Os retratos de Lxeiro conviven con representativas mostras de Maside, Díaz Pardo ou Julia Minguillón.

c-        “O mundo intelectual”, que presenta as conexións entre os diferentes ámbitos intelectuais e artísticos, co seu reflexo plástico. Un mundo que comeza a manifestar sinais de vitalidade desde 1950, cando se funda en Vigo a editorial Galaxia. As obras de Laxeiro son acompañadas por pinturas de J. Minguillón e Xohan Ledo, destacando o Retrato dos fundadores de Galaxia deste último.

d-       “A paisaxe, a cidade e o seu pulo industrial”, con obras que captan a ollada dos creadores sobre o Vigo dos anos corenta e cincuenta, no que desenvolven o seu traballo os artistas, na que se amosan exemplos da relación arte-vida e da ollada artística sobre a realidade económica e industrial en plena actividade. Un Laxeiro descoñecido para o público, autor de peza de temática urbá, industrial e mariña, convive co paisaxismo máxico de Urbano Lugrís e as obras de Maside e Xohán Ledo.

e-       “Artistas galegos en Bos Aires”, en relación cos apartados anteriores e como colofón, dedicarase unha sección á mostra de artistas galegos de 1951 polo que supón na historia da arte galega e na de Laxeiro en particular. Presenta obras ligadas á mostra de Bos Aires con pinturas de Laxeiro, Díaz Pardo, Maside e J. Minguillón.

Logo do seu paso pola Casa das Artes de Vigo a mostra poderá visitarse na sala de exposición do Parlamento Galego, onde estará exposta a partir de setembro ata finais de ano.

PROCEDENCIA DAS OBRAS

É salientable a inestimable colaboración de institucións privadas e públicas, así como de Coleccionistas particulares que cederon as obras para este proxecto. Unha colaboración sin a que non tería sido posible levalo adiante. As entidades  prestadoras son:

  • Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte, Museo Massó de Bueu, Pontevedra
  • Concello de Vigo, Museo Quiñones de León, Vigo
  • Colección Caixanova, Vigo
  • Fundación Caixa Galicia, A Coruña
  • Fundación María José Jove, A Coruña
  • Biblioteca Francisco Fernández del Riego, Vigo
  • Museo de arte contemporánea Carlos Maside. Sada, A Coruña
  • Editorial Galaxia
  • Galería Montenegro
  • Coleccionistas privados

CATÁLOGO

Con motivo da mostra, a Fundación Laxeiro está preparando un coidado catálogo no que se analizará este período da nosa cultura e a nosa arte, cun interesante texto do comisario, no que pon en relación o contexto histórico local, co panorama internacional e as relacións entre os artitas e intelectuais galegos das dúas bandas do Atlántico.

O Comisario 

Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) é licenciado en Historia da Arte e profesor de Lingua e Literatura Galegas.

López Bernárdez é coautor do volume Literatura galega, século XX, e da edición de Fírgoas de Manuel Luís Acuña e daObra Dramática de Ramón Cabanillas. Tamén deu ao prelo estudos dedicados a escritores como Rafael Dieste ou Eduardo Blanco-Amor, e editou a Poesía galega de Lorenzo Varela. Da sua autoría son tamén De catro a catro de Manuel Antonio;Cincuenta anos de poesía galega; A emoción da terra, poesía de Vicente Risco; Lorenzo Varela, vida e obra; e Lorenzo Varela, biografía e antoloxía. Como comisario, destaca o seu traballo na exposición Diáspora, dez artistas galegos no Exilio.MARCO, Museo de arte contemporánea de Vigo e actualmente atópase preparando unha retrospectiva de Sobrino para Caixanova. É Director do suplemento cultural do Faro de Vigo, Faro da Cultura

PROGRAMACIÓN ESTIVAL DA FUNDACIÓN LAXEIRO

Esta mostra ven completar a oferta expositiva estival da Fundación Laxeiro, sumandose ás exposcións: “O Laxeiro informalista na Colección Alcalde-Varela” que se pode ver no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, ata o 31 de agosto, a exposición “Full View” de Belén Uriel, gañadora da pasada edición das “Bolsas Feima-Fundación Laxeiro á creación artística” (que está a batir records de asistencia) que se pode visitar na Sala B da Fundación Laxeiro ata o 7 de setembro, e a “Colección permanente”, na Sala A da Fundación Laxeiro.

Esta programación continuará en outono coa mostra titulada “Laxeiro ilustrador”, comisariada por Daniel Buján na Sala B. Da Fundación Laxeiro; unha interesante exposición sobre os inicios de Laxeiro, comisariada por Carlos Valle no Museo de Pontevedra, titulada “O primeiro Laxeiro” que se completará cun ciclo de conferencias que abordarán o contexto cultural e histórico da Galicia do primeiro tercio do século XX, na que se producíu o fenómeno da renovación da pintura galega.

O ano do Centenario se pechará coa mostra titulada “O Laxeiro descoñecido nas coleccións privadas”, que se poderá ver na sede da Fundación Laxeiro a finais de ano e a publicación do Catálogo Universal Razoado que, en tres volumes, recollerá máis de 2.000 referencias do artista.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo