Comezan as actividades didácticas

As actividades didácticas Coñece a Laxeiro, achegan, dende hai xa once anos, ós rapaces e rapazas de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos á figura deste artista imprescindible da nosa Vangarda histórica.

QUÉ É COÑECE A LAXEIRO?

En Coñece a Laxeiro, os rapaces e rapazas participantes fan en primeiro lugar, unha visita guiada á que probablemente é a colección máis importante do artista galego. Un percorrido no que coñecerán obras que van dende os anos trinta ata os anos oitenta, mediante o que, da man de Laxeiro, farán ademais unha viaxe pola pintura xestual do século XX.

O Espazo azul para os máis pequenos. Nas nosas instalacións contamos ademais cun obradoiro, o Espazo azul, onde o alumnado de Educación Infantil e Primaria aprende xogando, monitorizado polo noso equipo didáctico.

Unha interesante visita para os niveis superiores. No caso dos niveis superiores, centrarémonos na visita ás salas, en aprender a sacar conclusións do que nos conta cada cadro sobre o artista, as súas inquedanzas e o seu tempo, así como na importancia que a obra de Laxeiro e os seus contemporáneos tivo para a nosa cultura e as conexións existentes cos movementos artísticos internacionais.

Unha actividade transversal. Esta actividade posúe un compoñente transversal no que, ademais de nocións sobre arte, trátanse contidos de coñecemento do medio e lingua galega.

MATERIAIS DE APOIO

Fichas didácticas adaptadas por idades que se entregan a cada participante, cunha carpeta ilustrada cunha obra de Laxeiro nas súas capas.

Guión do profesor. Coñece a Laxeiro, compleméntase co Guión do profesor. Máis aló do programa educativo desenvolvido nas instalacións da Fundación Laxeiro, queremos ofrecer ó colectivo educativo novas posibilidades coas que completar as programacións do curso. Por iso, o persoal docente recibe, previa á visita ás nosas instalacións, material dabondo como para – se así o desexa – preparar ó alumnado antes da actividade e para seguir traballando na clase a figura de Laxeiro durante, polo menos, dúas semanas.

As aventuras de Laxeiro. O alumnado de oito a doce anos, recibirá ademais, como agasallo, o libro que, co título As aventuras de Laxeiro, percorre a traxectoria do artista, con abundantes ilustracións para darlle cor.

 Ver catálogo completo en Flickr. Se pinchas en cada imaxe e vas hacia abaixo co cursor, poderás ver a ficha completa de cada obra)

COMO PARTICIPAR

Para participar nestas actividades, só ten que marcar o Tlf/fax: 986-43 84 75 en horario de 10:00 a 14:00 h. e reservar data ou enviar un correo a info@laxeiro.org

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo