Colección Premios de pintura L’Oreal

12.04.2002 – 19.05.2002
Producción Fundación Laxeiro
Patrocinio L’Oreal
Comisario Fernando Francés
Salas A e B da Fundación Laxeiro

ARTISTAS PARTICIPANTES:
ELENA BLASCO, ISMAEL IGLESIAS, JUAN GIRALT, JUAN UGALDE, ROBERT HARVEY, YAMANDÚ CANOSA, ABRAHAM LACALLE, ALMUDENA FERNÁNDEZ FARIÑA, ÁNGEL MASIP, ANTONIO MURADO, ARANCHA GOYENECHE, ASUNCIÓN LOZANO, CARLOS FRANCO, DANIEL G. VERBIS, ENRIQUE LARROY, GONZALO MAYORAL, JOSÉ MANUEL CALZADA, JUAN FRANCISCO ISIDRO, MIGUEL ÁNGEL BLANCO, MANU MUNIATEGIANDIKOETXEA, MARIEN MARTÍNEZ URETA, PEP MONTOYA, RAMON HERREROS, ROBERTO RUIZ ORTEGA, SALVADOR CIDRÁS, SANTIAGO YDÁÑEZ, SIMEÓN SAIZ RUIZ, SOLEDAD SEVILLA, VICENTE BLANCO

A Fundación Laxeiro de Vigo acolleu a exposición da Colección do Premio L’Oréal de Arte Contemporánea, na que se presenta unha selección das obras que L’Oréal España reuniu ao longo das 17 edicións do seu Premio de Pintura. En palabras do Presidente de L’Oréal España: “A Exposición é signo do firme compromiso de L’Oréal de seguir apoiando a arte contemporánea española de finais dun século e comezos doutro”.

Entre as obras que se amosan, un total de vinte e nove pinturas, figuran as de autores de renome no panorama pictórico español contemporáneo. Artistas galegos -Salvador Cidrás e Almudena Fernández Fariña de Vigo, Vicente Blanco de Santiago de Compostela, José Manuel Calzada de Sarria e Antonio Murado López de Lugo- e outros nomes destacados como Robert Harvey, Soledad Sevilla, Santiago Ydáñez, Juan Ugalde, Abraham Lacalle ou Enrique Larroy Zubero completan a mostra.

Así mesmo, a cidade de Vigo foi elixida como marco para presentar as novas bases da XVIII Edición do Premio L´Oréal Arte Contemporánea, nas cales se inclúen importantes novidades.

Novidades da XVIII edición

A XVIII Edición do Premio presenta algunhas novidades. Por este motivo, L´Oréal renovou a imaxe do certame, cunha nova denominación, máis acorde cos seus futuros contidos, e un novo logotipo. A propia denominación PREMIO L´ORÉAL DE ARTE CONTEMPORÁNEA, que substitúe a Premio de Pintura L’Oréal, fai referencia á súa apertura cara a novas técnicas artísticas -ademais de pinturas, poderán participar fotografías, gravados, técnicas mixtas…-, sempre que se presenten nun formato bidimensional, sexan obras inéditas e estean datadas despois do 2000.

Outra primicia é que dúas novas personalidades súmanse ao Xurado: Estrella de Diego e Enrique Juncosa.

O Premio vén celebrándose anualmente desde 1985. Está aberto á participación de todos os artistas residentes en España, que poden presentar obras de calquera tendencia, tema ou estilo. Ao longo das súas dezasete edicións presentáronse máis de 9.000 a concurso, dos cales quedaron ao redor de 900 finalistas.

Por qué en Vigo

A Colección iniciou a finais do 2000 unha itinerancia que a levou a visitar diversas cidades españolas. Vigo foi considerada como un dos marcos máis significativos, por varias razóns.

Un dos obxectivos da exposición é aproximar a arte contemporánea á sociedade, especialmente á mocidade. Vigo é o centro dunha Universidade que se distribúe en tres campus: a propia cidade de Vigo, Pontevedra e Ourense, o que permitirá dar a coñecer a colección entre un amplo sector de público universitario.

A programación que vén desenvolvendo a Fundación Laxeiro ao longo dos dous últimos anos, centrada en exposicións colectivas que apoian aos novos valores, definiuse como un marco idóneo para mostrar a presente exposición.

O obxectivo do Premio é apoiar e promocionar a arte nova de vangarda, contribuíndo á consagración de artistas, como os presentes nesta exposición, e fomentar a aparición de novos talentos na escena da arte española. Mostrar as súas creacións nun ámbito que atrae a un público numeroso, é ofrecerlles a oportunidade de consolidar a súa traxectoria e dar a coñecer o seu traballo a colectivos provenientes de diferentes puntos, tanto de España como do estranxeiro.

Tras dezasete convocatorias ininterrompidas do Premio, L’Oréal conseguiu reunir unha colección única de pintura contemporánea española. Para Fernando Francés, comisario da exposición de Vigo, “a Colección é unha mostra da mestizaxe que caracteriza a arte contemporánea española actual, onde coexisten os máis diversos estilos e tendencias: a abstracción, a figuración expresionista, pop, realista ou surrealista, as propostas próximas á xeometría ou o constructivismo, etc.”.

Un xurado experto, clave da consolidación do Premio

Este ano o Premio L´Oréal Arte Contemporánea presentou un xurado de primeira liña presidido por Simón Marchán Fiz e integrado por María de Corral, Estrella de Diego, Miguel Fernández-Cid, Luis Gordillo e Enrique Juncosa.

A existencia dun xurado experto e estable foi unha das claves imprescindibles na consolidación do Premio. Personalidades como Juan Manuel Bonet, Fernando Huici, Inmaculada Julián, José Hierro, Eduardo Arroyo ou Francisco Calvo Serraller, entre outros, formaron parte do xurado do certame ao longo destes 17 anos.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo