Colección permanente

 

Sala A. 64 obras de Laxeiro que conforman un percorrido cronolóxico por toda a súa traxectoria

A Colección permanente da Fundación Laxeiro mostra un total de 64 obras, doadas polo artista á cidade de Vigo, a través das que se mostra a evolución da súa pintura ao longo da súa vida.

(Ver catálogo completo en Flickr. Se pinchas en cada imaxe e vas hacia abaixo co cursor, poderás ver a ficha completa de cada obra)

Estruturada de forma cronolóxica, a exposicón comeza con obras da súa primeira época (anos trinta e coarenta) na que se poden ver pezas fundamentais desta etapa. Son obras que exemplifican o que se coñece como Estética granítica, unha forma de pintarcaracterizada pola texturización da pintura, a utilización de cores ocres e terras, un considerable tenebrismo e o horror ao valeiro característico, non só desta  época, senon de toda a súa obra. Esta etapa enmárcase dentro das correntes da Volta á orde ou nova obxectividade que desde Alemaña se extenderon por Europa, reivindicando unha volta á figuración, despois da resaca da descomposición da imaxe deixada polo cubismo e a abstracción xeométrica.

Nesta etapa Laxeiro atopa unha forma de actualizar a linguaxe pictórica galega, (fuxindo das influencias do impresionismo que, desde o Mediterráneo se extendeu por España, producindo unha pintura decadente de escaso interese) e mira cara ao norte e as culturas xermánicas, conseguindo unha linguaxe propia que combina a cultura tradicional galega cun tratamento plástico acorde coas vangardas do momento. A mirada barroca, tan presente en toda a súa obra, está presente tamén nesta etapa, con claras influencias de Rembrant e Goya, anticipando unha xestualidade que sería definitoria do seu estilo que, máis tarde se inscribiría dentro de parámetros expresionistas.

Outra das características desta primeira etapa é unha excepcional capacidade fabuladora que levaría ao artista a compoñer obras nas que o fantástico se mestura coa realidade, na máis pura tradición cunqueiriana, ilustrando así toda a tradición oral característica da cultura galega, na que o misterio e a morta, forman parte intrínseca da vida cotiá.

Obras fundamentais desta etapa como Carnavalada, de 1931; Carrotón de nenos, de 1934 ou o fundamental Trasmundo, de 1946, forman parte deste primeiro capítulo da Colección permanente.

A exposición continúa cun segundo capítulo dedicado á súa estadía en Bos Aires (1951-1972). Este segundo apartado arranca co Autorretrato, de 1952. Unha obra fundamental para entender o cambio que sofríu a pintura de Laxeiro á súa chegada a Arxentina. Esta peza é un magnífico exemplo do Laxeiro expresionista, con claros paralelismos con movementos como o Grupo CoBrA, ou a Art Brut.

Laxeiro ábrese nesta época cara a linguaxes informalistas, rozando a abstracción e soltando o seu trazo que é un dos máis característicos da pintura española do século XX. Esta é unha época na que podemos atopar tamén influencias de Picasso (Hans de Islandia, de 1966 ou A vida, de 1968). A súa pintura bidimensionalízase e as cores van adquirindo luminosidade, cambiando os ocres e terras por amarelos, vermellos e azuis. Continúa ese horror ao valeiro característico de toda a súa obra e non deixa de homenaxear á escultura románica, como acontece con Músico, de 1963, nun alarde de convivencia de estilos e de actualización de iconografías do popular galego.

Hai un terceiro capítulo que se ocupa do seu retorno a España, en 1972,

convertido xa nun artista maduro que é quen de producir obras dunha abstracción xestual colorista e esquemática coas que se adianta a movementos como os Novos Salvaxes alemáns (A cor, de 1974) e reinventar a Picasso no delicioso lenzo Homenaxe a Lala, de 1979.

A Exposición ten tamén un capítulo dedicado á súa faceta debuxística cun especial fincapé no retrato sobre papel, xénero no que destacou e que non deixou de practicar en toda a súa traxectoria.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo