Coexistencias pacíficas. Antón Cabaleiro

04.03.2005 – 15.05.2005

Bolsa Fundación Laxeiro 2004
Sala B. Fundación Laxeiro
Comisario Javier Pérez Buján

Como gañador dla Primeira edición das Bolsas Fundación Laxeiro á creación artística, o artista Antón Cabaleiro (Santiago de Compostela, 1977) expón na Fundación Laxeiro de Vigo, o seu proxecto titulado “Coexistencias pacíficas”. Esta é unha proposta que valéndose de soportes fotográficos, debuxos dixitalizados e a proxección dun vídeo, nos fala da súa preocupación pola relación do individuo contemporáneo co mundo da información, facendo especial fincapé, nos medios de comunicación de masas.

O autor toma o título prestado da Guerra Fría, na que se chamou así ó equilibrio mundial entre as dúas superpotencias (USA e a URSS), propiciado pola amenaza nuclear. Como nos dí o propio autor, esta expresión alude máis a un período de represión provocado polo medo nuclear, que a un verdadeiro estado de paz. Esta idea sírvelle a Cabaleiro para establecer paralelismos coa relación entre o home contemporáneo e o mundo dos mass media, sendo percibido por el como unha relación perversa na que a información é só un espexismo para consumar en realidade un estado de control da povoación e unha permanente alienación do individuo que se atopa así, subxugado polo “continuum” informativo no que a representación da realidade semella sustituila.

 

TÁCTICAS DEL SALCHICHÓN

A exposición está estrucutrada en dúas series, a que denomina “Tácticas del salchichón”, un tipo de estratexia que consiste en apoderarse de partes dun todo, para facerse col dominio xeral desde o parcial (outra vez utiliza a terminoloxía da guerra fría). Esta serie é unha reflexión sobre a especialización, ás veces excesiva, no mundo laboral, o que, segundo o autor, nos leva a dedicar demasiado tempo das nosas vidas ó desenvolvemento de tarefas excesivamente concretas que nos fan perder o control sobre a totalidade dos procesos. O autor utiliza para ilustrar esta idea, unha serie de oito fotografías dixitalizadas nas que, en cada unha delas, se pode ver a unha personaxe relacioada co seu traballo, mediante retratos fotográficos cun tratamento dixitalizado no que o autor relaciona á personaxe coa súa actividade laboral e o enmarca en medio do valeiro. Cunha estética pretendidamente publicitaria, Cabaleiro utiliza aquí a retórica da linguaxe comercial, para denunciar esa especie de condena ó aillamento mediante o exercicio de profesións especializadas.

POLARIS

A segunda serie, denominada “Polaris”, consiste en 10 de debuxos dixitalizados e un vídeo nos que se pode ver unha personaxe, femenina ou masculina, segundo cada caso, que, espidos sobre un fondo branco, sen referencialidade espacial ningunha, se contorsionan en diversas posturas imposibles para conseguir adaptarse a unha serie de coordenadas arbitrarias de medidas espaciais. En palabras do autor: “estíranse e encollen tratando de acadar as `medidas perfectas´, proporcións alleas a eles, que lles foron impostas,  e que por iso os constriñen”.

Os debuxos dixitalizados están tratados nun espazo branco non referencial, un “non lugar” que o artista interésalle para resaltar esa sensación de desubicación do home contemporáneo. O vídeo é unha traslación destas imaxes a soporte audiovisual, (baseado nos programas de transición entre imaxes), no que unhas figuras se transforman noutras por mor da periódica independización das liñas das súas funcións representativas e a súa traslación no espazo branco.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2018 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo