César Galicia

02.06.2000 – 30.06.2000
A primeira mostra en España, desde 1994 deste artista madrileño

César Galicia é un dos máis importantes expoñentes da corrente realista internacional. Dado que César Galicia traballou fundamentalmente con galerías norteamericanas, e tamén, polo curto da súa producción (a meirande parte da súa obra está vendida incluso antes de rematala), a exposición que se presentou na Fundación Laxeiro supón unha oportunidade case única de poder contemplar en España un conxunto significativo da súa producción. Para iso, houbo que facer un labor de rastrexo na procura de consegui-lo préstamo de pezas pertencentes a numerosas coleccións privadas, e poder así, ofrecer unha exopsición individual do artista. Algo que non se vía en España desde o ano 94.

Con esta interesantísima exposición, a Fundación Laxeiro, amplía así os criterios da súa programación na medida en que non só se preocupa por apoiar aos nosos creadores máis interesantes e anovadores, senon que abre unha ventá a propostas alleas que interesa mostrar en Galicia por razóns concretas, (neste caso, a rareza de poder ver reunida nunha soa exposición a obra máis significativa dun artista tan persoal como César Galicia).

César Galicia (Madrid, 1957) está considerado como un dos pintores máis importantes dentro do chamado realismo madrileño de segunda xeración, é dicir, o posterior xeracionalmente a Antonio López e o máis radical nos seus presupostos estéticos. Dentro dunha fórmula hiperrealista, César Galicia é un dos poucos pintores que soubo transcender con éxito unha forma de pintura que sempre está preto de efectismos artificiais.

O seu lento proceso de traballo fai que as súas exposicións se dilaten moito no tempo, converténdose nun dos artistas que traballa no que podemos chamar mercado de futuro.

Durante os últimos dez anos César Galicia vive en Nova York, o que permitiu que a iconografía de súa obra se fora enriquecendo cunha serie de motivos máis estranos para o espectador europeo, ó tempo que o enfoque xeral se foi facendo cada vez máis complexo, con incursións na paisaxe urbana e nunha realidade sentimental próxima e afastada ó mesmo tempo.

Os seus cadros disntínguense por unha fría representación de obxectos inanimados, personaxes e paisaxes que transmiten unha sensación de ter padecido o correr do tempo. Deste xeito consegue crear escenas case límpidas pola brillantez coa que propón o detallismo da súa pintura pero que ó mesmo tempo, parecen agachar algo terrible que ocorre alí, precisamente, onde a ollada non alcanza.

Esta capacidade e este dominio dunha linguaxe perfectamente persoal e que combina a delicadeza do detalle co bronco da súa identidade máis profunda é o que mellor caracteriza unha pintura que transcende o modo hiperrealista da súa factura para instalarse nun mundo máis narrativo e misterioso.

Para César Galicia o importante son determinadas imaxes da realidade que el persegue ou incluso constrúe para logo trasladar con toda a minuciosidade ó lenzo. Incluso, ás veces, cunha minuciosidade tan extrema que lles confire certa irrealidade, precisamente, polo seu propio exceso de realidade.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo