Arturo Souto. Nove óleos sobre lenzo.

Arturo Souto, nove óleos sobre lenzo

Ciclo Os Novos II

Inauguración: venres, 14 de marzo, 20.00h.

14 de marzo – 22 de xuño

Colabora:

Galería Montenegro

 

(Ver reportaxe no Zigzag diario da TVG.)

Tamén podes ver unha reportaxe da exposición na CRTVG

e este é o máis recente, emitido na CRTVG o pasado 10 de xuño

A Fundación Laxeiro, en colaboración coa Galería Montenegro, inaugura la segunda entrega del ciclo Os Novos coa exposición titulada Arturo Souto, nove óleos sobre lenzo que se poderá ver do 14 de marzo ao 22 de xuño de 2014 na sede viguesa da Fundación Laxeiro

 

CICLO OS NOVOS

 

Se en 2013, era Manuel Colmeiro quen Inauguraba o ciclo, cunha selección de obras sobre papel de pequeno formato, pertencentes á súa primeira época, na que se mostraron por primeira vez, algunhas pezas inéditas; nesta ocasión, o artista eixido é Arturo Souto (Pontevedra, 1902 – México 1964), un artista que desempeñará un papel importante na configuración do que se chamou a estética granítica, un concepto que serviu para definir a forma de pintar dos Renovadores no primeiro terzo do século XX e que tivo continuidade en anos posteriores de forma diferente en cada autor do devandito grupo.

 

A obra que se mostra nesta exposición, lonxe de consistir en bosquexos e debuxos preparatorios, como sucedeu coa exposición de Manuel Colmeiro antes mencionada, está formada por nove óleos sobre lenzo, datados entre 1930 e 1962. Trátase, por tanto, de obras moi destacadas dentro da traxectoria do artista, moitas delas profusamente documentadas en diversas publicacións que son xa parte da imaxe de marca deste singular pintor.

AS OBRAS

 

Poden verse pezas tan singulares como A farándula, de 1931, ano no que Arturo Souto viaxa por segunda vez a París, grazas a unha bolsa da Deputación de Pontevedra. O artista ten 29 anos e, acorde coa súa mocidade, está moi comprometido coas vangardas, algo que fai público coa súa adhesión a manifestos como o de los Ibéricos (1925) ou o Manifiesto AGAP (1931). A súa estética, a medio camiño entre o decadentismo fin de século e a Nova obxectividade que arrinca do Retorno á orde proclamada por Jean Cocteau en 1926, plásmase nesta peza utilizando elementos do Neoclasicismo desenvolvido por artistas como Picasso, como inicio dun novo camiño figurativo despois da resaca das vangardas de descomposición da imaxe, como a Abstracción, o Construtivismo, o Suprematismo e o Cubismo.

 

A farándula recrea un ambiente melancólico, acentuado polo punto de fuga da paisaxe e certa soidade existencial das personaxes, tratadas con volumes esquemáticos e rotundos que adiantan xa o seu interese pola pintura da Vangarda italiana na que profundará máis tarde, cando viaxe á Academia de España en Roma, en 1934. Autores da Pintura metafísica como Giorgio De Chirico ou Mario Sironi están xa presentes nesta obra que recrea de forma maxistral ese sentimento de deshumanización tan característico da Europa do período de entre guerras.

 

Precisamente, do seu periodo itialiano (1934-1936) móstranse dúas pezas  fundamentais como son O espantallo e Entroido. Dúas obras moi representativas da temática da pintura italiana desta altura, como a deshumanización do individuo que antes mencionábamos que De Chirico recreaba nos seus célebres manequíns e que Souto recrea reproducido un espantallo e personaxes con máscaras, coincidindo co Laxeiro destes anos, lembremos Mascarón ou Carnavalada que se poden ver na Colección permanente da Fundación Laxeiro. O entroido cumpre así unha función de distanciamento e ocultación coa que os nosos Renovadores expresan ese sentimento de deshumanización antes mencionado.

 

Despois de numerosas viaxes e exposicións por España, Europa e Norteamérica, Arturo Souto instálase en México, onde fixará a súa residencia e alí interésase pola tradición muralista do pais azteca, ademais de polo exotismo de culturas afastadas. O rapto de 1943 recrea, mediante a composición en fuga, tan característica do artista, unha escena arredada no tempo e no lugar que nos introduce no misterioso Oriente a través dun maxistral claroscuro, facturado con esa textura granítica que o autor segue practicando nesa época. Un xogo de luces e sombras que, igual que acontece con Laxeiro, utiliza para poñer aceno no misterio da escena, compoñendo un suxestivo relato con ese equilibrio tan característico entre a escena interior do primeiro plano e a paisaxe no punto de fuga da obra.

 

Malia súa experiencia americana, O rapto segue sendo unha peza cun indiscutible sabor francés, debedora da evasión característica da art nouveau do cambio do século XIX ao XX que Souto actualiza co recurso técnico da pincelada matérica, definitoria da estética granítica, da que atopamos outro fantástico exemplo nesta exposición, xa de principios dos anos sesenta, como é a peza titulada Mulleres no porto. Unha escena de prostíbulo na que a pincelada metérica, sirve nesta ocasión para difuminar as contornas das figuras situadas no interior dun cuarto, en contraste –outra vez- coa paisaxe en fuga, esta vez portuaria, que se enmarca nunha ventá, no  fondo da escena.

 

A paisaxe adquire protagonismo na exposición, mediante catro obras que completan a mostra, datadas en diferentes anos da década dos corenta. Trátase de pezas máis compracentes dende un punto de vista temático nas que o autor fai gala de toda a súa sabedoría no tratamento do espazo e da luz.

 

Paisaxes urbanas como Porto de La Rochelle, de 1940; Tordesillas, de 1945; Panteón, de finais dos anos corenta e Plaza de Castilla, Chinchón, de 1950, representan, en conxunto, os diferentes recursos de Arturo Souto no tratamento da paisaxe. Así, Porto de La Rochelle amósanos un Souto aínda inscrito no relato da evasión, compoñendo unha escena, aínda en fuga, coa promesa dun barco que nos levará a latitudes remotas, inscrito nunha paisaxe granítica cun ceo que semella ameazar con caerse sobre a cidade, imprimindo á escena una certa irrealidade, característica do misterio que rodeaba a temática do pintor por aqueles anos.

 

Tordesillas, pintado cinco anos máis tarde, ten un tratamento moi diferente. De composición totalmente frontal, a pincelada está máis integrada, coa que consigue unha gama cromática menos contrastada que conecta co paisaxismo español da Xeración do  98, tan dado á recreación dos pobos casteláns.

 

Plaza de Castilla, Chinchón, de 1950, afástase sen embargo desta liña e adéntrase nun tratamento da cor que desdibuxa as contornas e da un gran protagonismo á luz que, mediante a súa incidencia nas medianeiras dos edificios, organiza o esquema compositivo de toda a obra, rematado pola rotunda presenza do Castelo de Chinchón, baixo un ceo encapotado que é pura abstracción.

 

Completa esta serie de paisaxes, Panteón, de finais dos anos corenta, quizais a obra más amable de toda a exposición. En Panteón, a escena, evidentemente decimonónica, con carruaxes de cabalos e mulleres ataviadas de época, contrasta con un tratamento formal desdibuxado, no que a mancha volve a organizar toda a escena e introduce unha interesante tensión entre a temática e o tratamento formal.

 

A EXPOSICIÓN

 

No seu conxunto, a exposición mostra as diversas liñas de traballo que caracterizan a obra de Souto. Formalmente, están presentes nestas pezas, a estética granítica, o tratamento da luz e a cor, as composicións complexas con primeiros planos e perspectivas en fuga, a combinación entre escenas de interior e de exterior nunha mesma obra e a esquematización dos personaxes.

 

Dende un punto de vista temático, a soidade existencial, un certo estrañamento metafísico, a recreación de escenas exóticas e as súas características escenas de bordel, son temas que van construíndo, ao longo da súa traxectoria, un discurso persoal e cosmopolita que sitúan a súa pintura nas preocupacións da arte internacional da época, incluíndo ademais, a súa mestría co tratamento da paisaxe dende diferentes presupostos formais.

 

Por todo isto, a exposición supón unha boa ocasión de revisión ou descubrimento da obra dun dos artistas capitais na renovación da plástica galega do século XX, non demasiado coñecido polo gran público. Unha ocasión que é posible grazas á colaboración da Fundación Laxeiro coa galería Montenegro, quen cede a totalidade das pezas que conforman a exposición.

 

ARTURO SOUTO. BREVE RESEÑA BIOGRÁFICA

 

Arturo Souto (Pontevedra, 1902 – México 1964) mostrou a súa afección pola pintura a dende neno ao carón do seu pai, pintor afeccionado, e foi en 1920 cando ao trasladarse coa súa familia Sevilla consolidou a súa vocación, entrando en contacto con outros artistas andaluces. En 1922 instálase en Madrid e ingresa na Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid, onde coñece a Dalí, entre outros artistas e asiste a diferentes faladoiros da capital, nos que inicia unha amizade con Valle Inclán.

 

En 1925 realiza a súa primeira exposición individual na Casa de Galicia en Madrid, despois de participar nas Exposicións Nacionais de Belas Artes. Este mesmo ano asina, xunto con outros creadores como Alberto Sánchez, o vigués José Frau ou Rafael Alberti, o Manifesto dos Ibéricos, reivindicando a obra de artistas ignorados pola arte oficial española como Picasso, Juan Gris, Julio González e Gargallo. chegan a facer unha exposición como grupo no Palacio del Retiro que constituíu un revulsivo na vida cultural da época. Sobrevive completando a escasa paga paterna, facendo decoración de porcelanas e consigue así financiarse a súa primeira viaxe a París, en 1926, a onde volverá en 1931, cunha bolsa da Deputación de Pontevedra.

Participa en importantes exposicións colectivas e realiza mostras en Madrid, a finais dos anos vinte, en Pontevedra, en 1928, Santiago en 1930, A Coruña en 1931, Vigo en 1932 etc. Nestes experimenta con diferentes técnicas e a súa obra adquire un esteticismo dandi e certo decadentismo que caracterizarán a súa produción destes anos. Por medio do poeta Luis Pimentel, o Círculo das Artes de Lugo encárgalle seis paneis para os seus salóns nos que plasma toda a personalidade e unha obra xa salientable e xenuína. Ilustra diversas novelas e colabora coa revista madrileña Blanco y Negro.

 

En 1931 asina o manifesto de AGAP (Agrupación Gremial de Artistas Plásticos) xunto a Santiago Almela, Francesc Badía, Emiliano Barral, Botí, Julián Castedo, Climent, Rafael Dieste, Isaías Díaz, Díaz Yepes, Cristino Mallo, Mateos, Francisco Maura, Moreno Villa, Santiago Pelegrín, Pérez Mateo, Servando del Pilar, José Planes, Puyol, Renau, Rodríguez Luna, Santa Cruz e Winthuysen.

 

En 1934 recibe unha bolsa para asistir á Academia Española en Roma, permanecendo en Italia, con incursións a París, hasta 1936. Interésase pola pintura metafísica de Giorgio de Chirico e os membros do grupo Novecento que exercerán unha gran influencia sobre o seu traballo, incorporando á súa pintura Arquitecturas clasicistas, un certo estrañamento espacial, una estética arcaizante e o aspecto rugoso da pintura mural, coincidindo nestas solucións con compañeiros de xeración como o propio Laxeiro, Luis Seoane, Manuel Colmeiro ou Carlos Maside, inaugurando así o que se coñeceu como Estética granítica

 

Retorna a España en xuño de 1936 e sorpréndelle a Guerra Civil en Madrid. Enseguida se une ao bando republicano e ingresa na Alianza de Intelectuales Antifascistas. Participa activamente na propaganda republicana con debuxos e carteis, e colaborando como ilustrador en publicacións como El Mono Azul, El Buque Rojo, Nova Galiza, El Combatiente, Nueva Cultura y Hora de España, entre outras. En 1937 asiste ao Congreso Internacional de Escritores que se celebra en Valencia, onde reside dende o mes de novembro do ano anterior e participa na Exposición Internacional de París, no pavillón deseñado por Sert, onde tamén se atopaba El Guernica Picasso, a quen coñecera dous anos antes. En 1938 viaxa a Bélxica e expón en Bruxelas, onde é eloxiado polo pintor James Ensor.

 

Despois da guerra, viaxa como exiliado dende Barcelona a Burdeos e La Habana, onde realiza varias exposicións, para partir máis tarde a Nova York, Los Ángeles e Filadelfia, expoñendo nesas cidades. En 1942 trasládase a México onde non tardará en expoñer, identificándose con certos aspectos da pintura mural mexicana. Será en México onde fixará a súa residencia ata 1964, realizando numerosas exposicións naquel país e outros de América Latina.

 

En 1962 retorna a España e realizará unha primeira exposición na Sala Velázquez de Vigo. Profundamente defraudado pola escasa acollida da mostra e a ausencia dos seus amigos galegos, marcha para expoñer en Santiago, Madrid e Bilbao. En 1964 regresa a México para recoller as súas pertenzas e instalarse definitivamente en España, pero un infarto acabará coa súa vida na capital mexicana.

 

 

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2017 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo