ADEUS A UN BO E XENEROSO

29.11.2010

Don Paco Fernández del Riego, Patrono de Honra da Fundación Laxeiro dende seus inicios e protagonista en primeira persoa da evolución cultural do noso País, estará sempre na nosa memoria

A Fundación Laxeiro súmase ao pesar dos galegos polo falecemento de Don Francisco Fernández del Riego, coetáneo e amigo de Laxeiro desde os tempos en que fixera unha crónica sobre un xove pintor que se daba a coñecer a traves dunha exposición na Universidade de Santiago de Compostela, en 1934.

Don Paco Fernández del Riego foi, desde a posta en marcha da Fundación Laxeiro o 23 de febreiro de 1999, Patrono de Honra e un referente e apoio insustituible da nosa institución. En 2004 foi o premiado co Laxeiro 2004, galardón que lle rendía homenaxe por aclamación do Padroado da Fundación Laxeiro; como recoñecemento a toda unha vida dedicada ao apoio da cultura galega e ao seu altruismo e xenerosidade. ENLACE O PREMIO LAXEIRO 2004.

Memoria viva narrada en primeira persoa, dos cambios producidos no eido cultural galego, Don Paco sempre estaba disposto a colaborar no que poidese e transmitir a súa admiración e o seu recordo dos momentos compartidos con Laxeiro.

Intelectual cercano e, como Laxeiro, necesitado do contacto persoal coa cidadanía, foi para nós unha prolongación da figura de Laxeiro e, como nos pasou con el, esta perda, malia súa avanzada edade, pillounos sumiunos nunha fonda tristeza.

Sirvan estas palabras para transmitirlle á súa familia, amigos e admiradores, o noso profundo pésame e o noso recoñecemento por todo o aportado, ética e culturalmente, á nosa cultura.

Parafraseando a unha rapaza que lle foi dar o derradeiro adeus a Don Paco e lle pediu que lle dera un bico a Castelao, nós estamos certos de que así o fará e, xunto a Laxeiro e todolos persoeiros de Galicia, velará por todos nós.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo